Varios foron os gobernos que anunciaron a apertura da piscina climatizada municipal pero será agora, con Camiña Sarria, cando se materialice a posta en marcha dun servizo público moi necesario para Sarria e a súa contorna.
Félix Seijas, concelleiro de Deportes, Seguridade Cidadá, Mobilidade e Tráfico, cóntanos con satisfacción que “levaba feita case dez anos e había que abrila si ou si”. Moitos foron os atrancos no camiño, de carácter técnico, burocráticos, orzamentarios e incluso accidentais, como foron as inundacións do ano 2017 que ocasionaron graves danos. Daquela houbo que reparar bombas e arranxar estragos que afectaron á propia construción do edificio. Lembra, así mesmo, que o traballo nestes meses foi duro e constante para que a apertura da piscina fose, por fin, unha realidade.
Seijas estréase na política e chega a ela porque o alcalde, Claudio Garrido, ofreceulle o posto persoalmente. Recoñece que dixo que si sen pensalo, que lle apetecía probar e que está traballando con moita ilusión. A súa experiencia e formación aválano como un experto profesional en temas de seguridade e tráfico e o deporte lévao no sangue, tendo o referente de seu pai, Aurelio, que adestrou á S.D. Sarriana.
Esta foi a conversa que tivemos con el, en relación a temas de xestión na área de deportes do Concello de Sarria.
Sarrián de toda a vida?
Si, orgulloso sarrián dende 1979.
“Dende cativo vivín o deporte sarrián moi de preto a través do meu pai, Aurelio, que foi adestrador da S.D. Sarriana”
Vinculado co deporte de Sarria? Como é a súa participación na vida deportiva sarriá?
Toda a vida tiven relación co deporte. Dende cativo vivín o deporte sarrián moi de preto a través do meu pai, Aurelio, que foi adestrador da S.D. Sarriana. A parte do fútbol gústame moito o baloncesto, e xoguei un par de anos nas categorías inferiores do CB Sarria. Como afeccionado aos deportes trato de seguir a actualidade do deporte sarrián todo o que podo.
É a primeira vez que exerce un cargo político a nivel local como é, neste caso, a Concellería de Deportes?
Si, en realidade estou moi contento con esta Concellería, é moi agradecida, xa que permite ter un trato directo e continuo cos veciños e veciñas nun ámbito distendido. Poder axudar a potenciar o deporte e inculcar educación deportiva a nenos e nenas, é un reto moi bonito.
Que considera que se fixo ben no pasado e que se pode mellorar de cara ao futuro na xestión deportiva municipal?
A consolidación dalgún evento, como é o descenso urbano, foi un acerto.
Con respecto ao futuro, un dos propósitos desta Concellería é fomentar o deporte base en calquera disciplina deportiva, axudar aos deportes minoritarios e facer unha política de axudas económicas o mais equitativas posibles. Tampouco nos esquecemos da mellora das infraestruturas deportivas.
“Gústame presumir do deporte base”
De que se pode presumir hoxe en día no apartado deportivo? Casos de éxito.
Gústame presumir do deporte base. O magnífico traballo de clubes de distintas disciplinas, como Meigallos, CB Sarria, SD Sarriana, Xirandela, Anca, Aixa, Muralla rugby, que contan con centos de nenos/as practicando deporte, son o meu maior orgullo.
Como alcanzar o éxito é tamén unha parte importante no deporte, podemos destacar recentemente a Iván Cáceres (campión do mundo Iroman), Ana López e Javier Díaz, (que a pesar da súa xuventude son campións de España nas súas modalidades en tiro deportivo), ou Juan Pedro Durán “Gusi” (campión Galego de billar e que proximamente nos representaranos a nivel internacional).
Que eventos deportivos de gran nivel ten Sarria no calendario anual? Algunha estratexia para potencialos e organizar algún máis?
O Descenso urbano DHU Vila de Sarria, que se organiza anualmente, e xa vai pola oitava edición, o Torneo internacional de fútbol veterán Vila de Sarria que xa vai pola súa décima edición, os Campus de fútbol sala, baloncesto e ximnasia rítmica, que contan con magníficos profesionais, son algún exemplo da variada actividade deportiva ao longo do ano. Seguiremos apostando e apoiando a súa celebración, tratando de involucrar a maior cantidade de xente e empresas, e trataremos de implementar algún evento mais, sobre todo apostando por eventos de deporte base e deportes minoritarios.
“Dende o principio unha das maiores demandas que recibimos en ‘Camiña Sarria‘, foi a apertura inmediata das pías climatizadas”
Custou, pero xa se pode dicir que Sarria conta con piscina climatizada. Cóntenos
Dende o principio unha das maiores demandas que recibimos en Camiña Sarria, foi a apertura inmediata das pías climatizadas. Segundo entramos no goberno a maior preocupación desta Concellería foi logralo. A involucración do persoal de deportes e do resto do Concello foi clave para conseguilo. Aínda que non foi sinxelo, porque houbo que acometer un gran número de reparacións das maquinarias -caldeiras, deshumectadora, bombas, climatización, reparación de cristais, son uns poucos exemplos de todo o proceso de reparación- xa que levaban moitos anos sen funcionar; pero hoxe en día xa funcionan correctamente todas, e por fin os sarriáns poderán usar estas instalacións tan esperadas.
Quen levará a xestión?
A xestión será directa do concello e hai unha ordenanza que regula os prezos para o seu uso. Polo de agora temos xa contratados 2 socorristas e 2 monitores. O mantemento corre a cargo da xente que leva xa a piscina de verán.
Apertura inminente logo?
Podo adiantarche que esta fin de semana do 14 e 15 de decembro poderanse abrir as portas. E para a semana seguinte empezaremos a xestionar o tema dos abonos, horarios, actividades que se poderán realizar, etc.