Ademais do Concello de Monforte, Sober e Ferreira de Pantón, serán os outros municipios que acollerán ós ciclistas desta Marcha durante a primeira xornada, que terá lugar este xoves 1 de outubro. O venres, será a quenda do Concello de Baños de Molgas, en Ourense, que collerá o relevo da Marcha.
O Alcalde do Concello de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou o apoio que ambas entidades prestan a este evento, “porque é un exemplo de deporte inclusivo no que participan persoas con e sen discapacidade intelectual, e polo tanto conecta directamente coa nosa decidida aposta polas políticas de índole social”.
Do mesmo xeito, “a pesar da actual situación de crise sanitaria derivada do Covid-19, dende a Deputación e o Concello secundamos este tipo de iniciativas porque posibilitan que persoas con e sen discapacidade compartan unha xornada de deporte e ocio inclusivos, neste caso en concellos da zona sur da nosa provincia”, destacou o mandatario provincial.
Dende Special Olympics Galicia, o seu presidente, Eladio Fernández, sinala “son tempos complicados, pero debemos buscar a maneira de retomar a maior normalidade posible. Con esta actividade, queremos poñer o noso grao de area para retomar pouco a pouco a actividade, e ofrecer una alternativa de ocio e deporte seguro para tódalas persoas con discapacidade intelectual que durante estes meses viron especialmente reducida a súa oportunidade de relacionarse fóra do núcleo familia”.
Do mesmo xeito, o máximo responsable de Special Olympics Galicia resalta o carácter innovador desta marcha pois “esta iniciativa empezaba hai xa oito anos como unha experiencia piloto, e aínda que esta edición vai ser moito mais conservadora dadas as circunstancias derivadas da crise sanitaria, mantén intacta a súa esencia”.
A primeira ruta ciclista será estes xoves, día de 1 de outubro, e nela participarán 16 deportistas e 3 adestradores que cubrirán a ruta de Sober-Ferreira de Pantón-Monforte-Sober. A saída desta primeira ruta terá lugar ás 10:45 horas dende a Praza do Concello de Sober. A chegada prevese ás 14:00 nesta mesma localización, tras percorrer as rúas de Monforte e Ferreira de Pantón.
A segunda xornada celebrarase o venres día 2 e terá lugar na localidade de Baños de Molgas, na provincia de Ourense, saíndo ás 10:45 dende a estación do tren, e con chegada ás 14:00 a esta mesma localización.
