Daytona, Le Mans, Nürburgring,… e 24 horas conducindo; unha proba de resistencia para pilotos e coches que aos mortais se nos antoxa imposible, pero non a todos. Chantada, que pronto celebrará unha nova edición da súa subida case a piques de cumprir medio século, ten tradición de motor, e agora un grupo de afeccionados aposta pola participación en carreiras de resistencia, “Nunha carreira de resistencia de 6 horas, en circuíto pechado, do que se trata é de aguantar o coche as 6 horas na pista o máis rápido e mellor posible,” asegura Luis Miguel Centeio do grupo de resistencia, Merchero69.
O equipo intégrano 4 homes dunha media de 30 anos que coa pandemia e a pesar das dificultades, decidiron dar o paso, “Sempre nos gustou o mundo do motor e empezamos a falar da posibilidade correr, vimos a oportunidade de que o coche era baratiño e estaba ao noso alcance, mercámolo e estamos intentando preparalo o mellor posible, ao coche e ao equipo.”
O coche protagonista é un Ibiza 1.400 gasolina de 65 cabalos, que coas melloras introducidas xa case está en 100 cabalos. “É un coche moi pequeno e moi manexable que dá bastante guerra en pista. Non se pode entrenar moito entre a pandemia e o traballo, tampoco hai moito onde. Aínda así intentamos entrenar para mellorarlle os fallos ao coche, dar trazadas na pista, coñecer o coche. Non é só correr, hai que mimar o coche como se fose un mesmo, case. Mellor que se fora un mesmo,” afirma Luis Miguel.

A afección está por riba de que non hai case onde entrenar e Merchero69 baixa á pista de karts de Monforte ou entrena nunha no circuíto Choqueiro, en Villamarín, “Ahí foi a última resistencia, tentamos compaxinarnos para ir a onde mellor nos cadra e onde mellor podemos porque todos traballamos,” asegura Luis Miguel. Esa paixón tamén está por riba da recompensa económica, “Se corres pola recompensa non corres porque falamos de primeiros premios de 200 euros. Resistencias de 12 horas súbeno algo, 300 euros, creo. Hai 6 podios, pero o último podio é de 20 euros. Ir a correr agora suponnos un gasto de 2.500-3.000 euros e estamos empezando, así que estamos co máis básico. Non temos axudas e temos que poñer todo do noso peto.”
O 26 deste mes compiten en Valladolid, 12 horas conducindo dentro do coche, “que ten que ir como se fora de fábrica, verificar o coche, entrenar para ver se ten algún fallo ou dá algún problema. Despois botamos sobre 2 horas cada piloto. Tentamos entrar ao box o menos posible porque canto máis entres, máis tempo perdes, e tentamos botar gasolina no cambio de piloto.”
A axuda de patrocinadores
O equipo pon toda a vontade, o seu tempo, os seus cartos, as súas habilidades e a súa paixón para viaxar a Valladolid, pero unha axuda non sobraría, “Necesitamos patrocinadores que queremos que coñezan o coche, nos poidan botar unha man a ilo mellorando. Á primeira resistencia fumos con rodas de rúa, agora imos levar Nankang, unha marca china que son 80 euros e podiamos levar unha roda de 150 euros, unha roda moi boa coa que teriamos mellor traza en curvas, mellor agarre…”
Ata o momento Merchero69 fai as súas resistencias sen colaboradores e amósanse abertos a calquera tipo de patrocinador, público ou privado, para levar no seu Ibiza (contacto Merhero69, 722509160)
Todos traballan e a busca de patrocinios non se dá feito, e máis en tempos de pandemia nos que todo está alterado. Pero un piloto de resistencia ten armas para ir superando estas situacións, “O piloto de resistencia ten que ter as ideas moi claras, non deixarse levar polo momento. Hai pilotos que son máis competitivos ca outros, outros chegan a ser falsos,… creo que xa non é ter competitividade, é ter amistade. Ter a mente fría e pasalo ben.”
Agora toca correr en Valladolid e alonxarse do susto da última carreira, “Ía eu conducindo e adiantando un coche nunha curva metinme moito a un piano e puxémonos en duas rodas, houbemos volcar, e bueno,… nada grave,” conclúe Luis Miguel.
