HomeDeportesO río Cabe, escenario dun novo éxito do Quixós: mellor equipo e...

O río Cabe, escenario dun novo éxito do Quixós: mellor equipo e 14 medallas

Monforte de Lemos acolleu este pasado domingo 11 de xullo a 3ª Competición Promoción de Slalom de piragüismo con cinco equipos participantes a nivel de Galicia. O resultado en medallas e mérito colectivo foi idéntico á última competición celebrada no Rosal a finais de xuño.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Club Quixós presentábase nesta ocasión como equipo anfitrión e dende primeira hora da mañá deste pasado domingo estiveron acondicionando o percorrido para a competición no tramo do río Cabe no Malecón entre a ponte de madeira e algo máis alá do Anchoas.

Circuíto no Río Cabe. Foto: Marga

O ambiente foi como se esperaba, pois xogando na casa achegouse moita xente, alén de familiares, amigas e amigos, para animar aos palistas e ás palistas do Quixós. Un día de calor cun percorrido esixente que non foi atranco para que a rapazada de deportistas do club monfortino volveran deixar o pavillón ben alto. Os abridores polo equipo anfitrión foron Ximena Prats e Pedro Fonseca.

Na entrega de medallas estivo, ademais do Alcalde, José Tomé Roca, a Tenente de Alcalde Gloria Prada, a concelleira de Cultura Marina Doutón, e o concelleiro de deportes, José Manuel Mougán.

RESULTADOS DO QUIXÓS

No cadro feminino moi salientables unha vez máis os resultados de Nerea Gutiérrez, acadou dous ouros en K1 e C1 Infantil, e de Sara Inés Varela, con dúas pratas en K1 e C1 Alevín.

Completaron os bos resultados as palistas Abril Fernández, cun ouro en K1 Prebenxamín, e Mara Ledo cun bronce en K1 Alevín.

No cadro masculino fixeron dobrete Jacobo Rodríguez, con dous ouros en C1 e K1 Infantil, e Martín Prats cun ouro en K1 e unha prata en C1 Alevín. Na categoría de K1 Benxamín acadaron medallas Xoel Fernández e Rodrigo Morillo, levaron ouro e bronce respectivamente; e en K1 Prebenxamín quedaron en Monforte outras dúas medallas, unha de ouro para Antón Liñares e unha de prata para Marco Rodríguez.

Santi Díaz, pola súa banda, recolleu o trofeo que acreditaba ao Club Quixós como o mellor dos 5 participantes.

Santi Díaz recolle o trofeo de Mellor Equipo. Foto: Marga

ÚLTIMAS

Máis de 550 participantes inscritos para o QTC 2027

Conta atrás para a celebración do Quiroga Trail Challenge 2027, proba que conta xa...

Tomé presenta uns Orzamentos de 21,5M€ incrementándose nun 16% con respecto ao 2025

O orzamento será sometido a debate e aprobación no Pleno municipal do vindeiro luns...

O BNG de Monforte esíxelle ao Concello solucións para as traballadoras da limpeza nos colexios públicos

A formación nacionalista lembra que xa preguntou no anterior pleno pola situación destas traballadoras...

O Centro Comercial Ponte Vella dálle a benvida ao Nadal

O C.C. Ponte Vella dará a benvida á Nadal hoxe co acto simbólico de...