HomeDeportesEstar no mundial de 2022, novo reto da atleta Nuria López

Estar no mundial de 2022, novo reto da atleta Nuria López

A coñecida deportista do Concello do Saviñao busca patrocinadores para poder competir en probas a nivel internacional e así alcanzar unha marca mínima que lle permita estar no vindeiro mundial. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

A vida de Nuria López, atleta de Licín, no Saviñao, é unha historia de superación en todos os sentidos, destacando especialmente polos seus éxitos deportivos acadados dende o 2017, ano no que empezou a competir.

Esta rapaza ten unha discapacidade produto dunha lesión medular que tivo cando contaba con tan só 5 anos. Non pode camiñar, e dende aquela depende dunha cadeira de rodas para desprazarse. Actualmente ten 31 e serve de exemplo para moita xente polo seu carácter, a súa simpatía e o seu afán por superarse día a día.

Cóntanos que se afeccionou ao atletismo alá polo ano 2016 comezando a correr en carreiras populares. “Entereime dunha carreira popular en Aranjuez, participei e quedei segunda”, di. Esta experiencia serviulle para motivarse a seguir e recoñece que a familia e unha moi boa amiga –como unha irmá para ela–, Sandra López, apoiárona sempre para seguir practicando este deporte.

“Entereime dunha carreira popular en Aranjuez, participei e quedei segunda”

“Saia polas tardes a correr pola miña conta, sen adestrador nin nada”, explica esta atleta do Saviñao antes de contarnos como deu un paso máis no deporte e como conseguiu ter unha adestradora.

O 2017 é o ano no que empeza a correr en cadeira de rodas de forma oficial. Un pouco antes, e tras varios intentos por facerse cos servizos dun adestrador ou adestradora, chega a Isabel Hurtado, a súa adestradora actual. “Eu quería correr e non tiña por onde empezar”, di Nuria referíndose a que quería ir en serio nisto pero necesitaba axuda, alguén que a orientara. Ao final, e non sen traballo –adestradores/as formados para atletas con cadeira de rodas non hai moitos/as– acadou o que buscaba. “Cheguei a ela por un contacto e levamos xuntas dende o 2016”.

Nuria coa súa adestradora Isabel Hurtado. Foto cedida pola deportista.

Isabel Hurtado vive en Barcelona co cal preguntámoslle a Nuria como fan para adestrar e seguir a evolución do seu traballo. “Temos algunhas fins de semana de concentración nas que nos vemos, tamén por teléfono e videoconferencia…”, sinala ao tempo que engade “é máis doado do que parece levalo así, coñecida a técnica hai que traballar outras cousas”.

ÉXITOS DEPORTIVOS

Tendo en conta que esta rapaza empezou a competir no ano 2017 comprobamos que ten un palmarés impresionante. Ten no seu haber xa 27 campionatos de España nas probas de 100, 200 e 400 metros, 8 records de España e varios pódiums en copas do mundo.

Refire tamén ter alcanzado a marca mínima para o mundial anterior e nas Olimpíadas de Tokio foi ‘preseleccionada’. “Choveume en todas as probas e non cheguei á mínima… non estaba para ser”, dinos sen presenza algunha de resignación nas súas palabras.

Ten no seu haber xa 27 campionatos de España nas probas de 100, 200 e 400 metros, 8 records de España e varios pódiums en copas do mundo.

A todo isto, cómpre sinalar que o seu club é a “Escola Atlético Lucense” e que segundo ela, nin a Federación Galega nin a Federación Española lle financia a maior parte dos gastos que lle supón poder competir. “Nas competicións a nivel nacional a Federación Galega faise cargo do custe para poder competir, pero nas internacionais non teño ningunha axuda, nin para material, nin inscricións, nin estancia, nin viaxes…”, afirma a deportista do Saviñao. A única axuda que menciona é unha da Deputación de Lugo por méritos deportivos.

RETO ACTUAL

O seu vindeiro reto está en ter opción de competir no máximo número de probas posible para chegar á marca mínima e poder ir ao mundial que se celebrará a finais de 2022.

A nivel nacional hai só 4 competicións ano ano, moi poucas probas para ter unha marca mínima. “Ou che saen moi ben ou hai que competir fóra para ter máis opcións de facer a mínima”, dinos Nuria.

Así, pois, e para poder acudir a máis competicións, fóra de España, vai necesitar a axuda de patrocinadores, misión na que se atopa agora. Conta actualmente co apoio económico do Concello do Saviñao, da Clínica de Fisioterapia Nós de Monforte, e dende hai pouco tamén con Radio Monforte.

Se alguén quere axudala e unirse á causa pode contactar con ela nas súas redes sociais ou a través do correo electrónico nurialopezminero@gmail.com

ÚLTIMAS

Concerto de acordeón no ciclo ‘Primavera Musical’ en Sober

Os amigos e amigas da música instrumental teñen o vindeiro 25 de maio unha...

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...