Comeza en Monforte o XII Torneo de Volei Praia do Cadrado

Este ano o torneo, que se desenvolve entre o 20 e o 28 de agosto, bate récord de participación con 163 parellas inscritas, o que suporá un total de 346 partidos ó longo dos 9 días de duración do torneo. Os participantes anotados van dende os 9 ata os 62 anos de idade.

Torneo do Cadrado no Parque dos Condes de Monforte / XdL

O torneo, que organiza o Club Korbis, está financiado na súa práctica totalidade polo Concello de Monforte, que se encarga de asumir os costes da instalación dos campos de xogo así como da dotación do material necesario para a disputa dos partidos. O concello tamén aporta o subministro de trofeos e medallas, así como dúas casetas de obra para a almacenaxe de material e tres carpas para a zona de organización do evento. A asignación municipal é de 4.550 €.

“Boa mostra do éxito deste Torneo”, subliñou o Alcalde, “é que ademais de moitos monfortinos e monfortinas, tamén hai xente anotada procedente de Lugo, Vigo, A Coruña, Boiro, Rianxo, Ourense ou Madrid. Son persoas que veñen durante toda a semana a quedarse en Monforte para disputar este torneo, polo que dormen e consumen na nosa cidade, coa importancia que isto ten para a hostalería, o comercio e os aloxamentos hostaleiros, continuando a boa racha das Festas Patronais”.

Roberto Castro do Club Korbis, agradeceu ó Alcalde e á Tenente de Alcalde a colaboración e a implicación do Concello no torneo, e destacou a colaboración de máis de 20 xóvenes que se implicarán en todo o que ten que ver co Torneo, desde acondicionamento diario de pistas, recepción e xestión de participantes, a labores de arbitraxe e organización.

O Alcalde concluíu a súa intervención dándolle a noraboa ó Club Korbis, ”pola organización dun atractivo torneo que crece ano a ano, e que atrae a moitos afeccionados ó volei praia á nosa cidade. E quero desexarlles que a celebración deste Torneo do Cuadrado resulte todo un éxito, tal e como foi en edicións anteriores.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here