A nova Directiva está encabezada por Pilar Sánchez como Presidenta, Maite Gonda como Secretaria, Yoraxi Meleán como Tesoureira, Manolo Martínez como Coordinador Deportivo e relación cos Medios de Comunicación e os demais como vogais e responsables de distintas áreas, ata un total de 12 persoas.
O novo equipo agradece o esforzo realizado pola Directiva que presidiu ata agora Yolanda Maciñeiras, “convertíndose nunha traballadora incansable en prol do Club e que seguirá colaborando co mesmo ata que sexa necesario para poñer a tempada en completo funcionamento”, sinalan.
Este ano o Club presenta varias novidades na composición e número de equipos, con un total de (12): Xuvenil A, Xuvenil B, Cadete A, Cadete B, Infantil, Alevín A, Alevín B, Benxamín así como cos equipos asociados do Concello de Quiroga Cadete, Infantil, Alevín e Benxamín cos que ano tras ano hai unha estreita colaboración a través da súa Concellalía de Deportes, encabezada por Andrés Arza.
O Club Voleibol Ribeira Sacra tamén traballa en catro centros educativos de Monforte nos que se impartirá o voleibol e formaranse equipos para participar tamén no Deporte Escolar. O Club continúa con 8 adestradores que se farán cargo de todos os equipos que entrarán en competición. A competición da presente tempada comenza o día 1 de Outubro coas Copas Federación e as fases de Promoción.