HomeDeportesUn quirogués na proba de BTT máis dura do mundo

Un quirogués na proba de BTT máis dura do mundo

Chámase Alberto Alanís Abelaira e participará do 22 ao 29 de xullo na Iron Bike, unha competición top mundial que se celebra nos Alpes Marítimos. Falamos con el.

Publicado o

- Advertisement -

Ás veces temos auténticos superheroes moi preto de nós, profesionais ou deportistas fóra de serie que pasan desapercibidos e non saen nos medios. Este sería o caso do quirogués Alberto Alanís, un rapaz das Medas que compite ao máis alto nivel en probas de BTT.

Lembra Alberto que con 7 ou 8 anos os Reis Magos trouxéronlle a súa primeira bicicleta, un agasallo que pedira e que lle fixo moita ilusión. “Era unha de montaña e xa con piñóns atrás”, di.

Dende aquela, a bici empezou a formar parte do seu día a día ata que tivo que marchar estudar fóra, alá polo ano 2009, cando tiña uns 22 anos. Nesa etapa só collía a bici nas fins de semana que volvía a Quiroga e facíao para facer rutas de montaña e coñecer a contorna.

Preguntámoslle por ese momento no que a súa afección pola bicicleta de montaña evoluciona cara un interese competitivo e dinos que a súa primeira carreira foi no 2015. “Lembro que me animou Rafa Castro e foi unha proba da Transgalaica”, comenta. Sería a única proba que fixo das 5 que contempla esta competición galega de BTT.

Un ano despois, no 2016, foi cando o deportista quirogués completou xa o circuíto desta competición quedando entre o posto 25-30 de máis de 300 participantes e tras as 5 probas. “A partir de aquí foi cando empecei a engancharme e a competir participando na Transgalaica e noutros campionatos”, sinala Alanís.

Nos anos 2019-2020 o nivel de competición aumentou e xa se movía a nivel nacional participando na Copa de España e no Campionato de España, nas modalidades de maratón e ultramaratón. Anos despois, no 2022, alcanzou éxitos importantes como foron o terceiro posto na Transgalaica e o quinto posto na Copa de España de ultramaratón, modalidade na que se está a centrar.

Alberto Alanís no podium dunha proba da Transgalaica. Foto: Transgalaica.

Neste 2023 quedou cuarto na Transgalaica, a Copa de España vai pola metade do calendario e o Campionato de España de ultramaratón será en setembro na localidade de Astorga.

Tamén nos interesamos polo financiamento que fai posible a súa participación nas diferentes competicións que ten ao longo do ano. Neste punto, sitúa ao seu equipo como patrocinador, VBikes de VAuto de Santiago, que financia inscricións, licencias, material e parte das viaxes. “Aínda así, hai que poñer cartos do peto dun”, comenta Alberto.

Alberto Alanís con Albert Acevedo (2018) Nunha competición en Portugal. Foto: Douro Bike Race.

COMPETICIÓN TOP NA QUE VAI PARTICIPAR

O vindeiro 22 de xullo comezará a Iron Bike, a proba de BTT máis dura do mundo que consta de 8 etapas e transcorre polos Alpes Marítimos no concello de Entracque. Desta proba, na que estará o ciclista de montaña quirogués, sabemos que consta de 700 quilómetros de percorrido e uns 30.000 metros de desnivel positivo acumulado.

“Será a primeira vez que vou e fágoo con moito respecto pero creo que moi preparado física e mentalmente”, afirma Alberto, quen estará acompañado na aventura dun compañeiro de equipo que xa a fixo dúas veces.

Como se adestra o apartado mental? –preguntamos– “A base de anos e probas de ultramaratón, dunhas 10-11 horas, nas que che dan baixóns pero recuperas”“tamén axuda coñecerse, coñecer os límites e ter a confianza de que vas superar os momentos de crise”, responde o noso protagonista.

BTT EN QUIROGA E CONTORNA

Para rematar a entrevista, Alanís dinos que unha das súas rutas preferidas para adestrar é a que transcorre pola Devesa da Rogueira, duns 120 quilómetros e que se fai nunhas 8 horas. Saíndo de Quiroga polo Alto do Boi e volvendo despois por Outeiro. Tamén nos fala ben da proba quiroguesa “Desafío Courel”, proba que comezou no 2015 e que está a gustar moito aos participantes cun percorrido espectacular e que serve para dar a coñecer a zona á xente de fóra.

ÚLTIMAS

O Saviñao organiza un acto solidario cos damnificados pola DANA

Desde o Concello do Saviñao fan un chamamento á solidariedade de toda a veciñanza...

Descarrilan tres vagóns dun tren de mercadorías na estación de Monforte

Un tren de mercadorías sufriu o descarrilamento de tres vagóns o pasado xoves na...

A Deputación vende a última parcela do Polígono dos Acivros en Chantada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou esta semana ante notario,...

105.000€ para un local social e 7 vías municipais en Taboada

O acordo inclúe case 75.000€ para realizar o acondicionamento e a mellora de 7...