A edición do Programa Deportivo de Verán que organiza o Concello de Monforte conta con tres actividades deportivas: o Campamento Deportivo de Verán, o XIX Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo e o Curso de Tenis.
“Dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais para ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable”, comentou o Alcalde na súa presentación.
REQUISITOS PARA INSCRIBIRSE
En primeiro lugar, para poder participar será requisito imprescindible estar empadroados/empadroadas no Concello de Monforte. No caso de que o neno/a non estea empadroado/a no Concello de Monforte poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós.
En segundo lugar, as persoas interesadas en participar no Campamento Deportivo de Verán 2025 deberán facer unha solicitude de preinscrición (no Rexistro presencial ou telemático do Concello) a través do rexistro xeral do Concello de Monforte (ben presencial ou electrónico) antes do 21 de maio de 2025. Pódese acceder ás instancias de preinscrición dende a páxina web de concello.
E en terceiro lugar, as solicitudes poderán presentarse de xeito individual ou múltiple. Poderán presentar unha solicitude múltiple para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que soliciten idéntica/s quenda/s.
Isto suporá que no momento en que obteña a praza un dos irmáns ou irmás inscritos, os demais irmáns/irmás tamén obterán praza nesa mesma quenda. Así, o concello mantén o carácter conciliador da actividade, facilitando que todos os irmáns e irmás poidan acudir xuntos ás actividades ofertadas.
O 26 de maio publicarase o listado de persoas preinscritas, e do 27 ó 30 de maio, abrirase o período de emenda de solicitudes, que deberá facerse tamén a través do Rexistro do Concello. No caso de ser necesario, haberá un sorteo de prazas o día 4 de xuño. E o 6 de xuño será publicada a lista de persoas admitidas e lista de agarda.
A matrícula definitiva efectuarase entre o 9 e o 20 de xuño e poderá facerse de dous xeitos:
-Enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ao enderezo: deporte.veran@concellodemonforte.com
-Presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude, sita nas Casitas da Compañía.
CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN
Desenvolverase do 1 de xullo ao 14 de agosto para nenos e nenas de 5 a 15 anos de idade e distribuído en tres quendas, cun total de 32 xornadas de actividade. A distribución das 3 quendas será a seguinte: a primeira, do 1 ao 15 de xullo; a segunda do 16 ao 31 de xullo; e a terceira, do 1 ao 14 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.
O número total de prazas ofertadas é de 360, e por quenda será de 120 prazas distribuídas en 12 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 10 alumnos/as por monitor/a. Das prazas ofertadas por quenda, reservanse 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ao 33% e 8 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.
O custe da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75€ por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28€ para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ao seu campamento, xa que, ao igual que outros anos, séguese ofertando o servizo de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.
XIX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO
A actividade, que con esta suma xa 19 edicións, celebrarase entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.
Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición través do rexistro xeral do Concello de Monforte (ben presencial ou electrónico) antes do 21 de maio.
O número de prazas ofertadas será de 100, que se distribuirán en 6 grupos de traballo O custe da actividade será de 26,91€ e as familias numerosas terán un desconto do 50%.

CURSOS DE TENIS
Os cursos de tenis, que foron incluídos por primeira vez no ano 2022 e están ofertados para nenos e nenas de 6 a 12 anos, desenvolveranse 1 de xullo e o 14 de agosto, distribuídos en 3 quendas, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto.
Establécense un máximo de 3 grupos de actividade por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos será de 6 persoas. O horario das clases en cada unha das quendas será os martes e xoves non festivos (clases de 1 hora de duración a partir das 10:00 h.)
O custe da actividade é de 20,70 €. As familias numerosas terán un desconto do 50 % e o lugar de celebración serán as Pistas Municipais de tenis da Pinguela.