A XII edición do Quiroga Trail Challenge vén de rematar cun gran éxito de participación. Concretamente foron 1.350 os corredores e corredoras que estiveron presentes este 2026 e que chegaron de diferentes puntos do noroeste peninsular maioritariamente pero tamén doutros lugares do estado. De forma anecdótica comentar que houbo algúns estranxeiros.
O evento compúxose de dous traxectos, o Lor e o Castelo. As probas do Trail do Lor fixéronse o sábado e as do Trail do Castelo este domingo pola mañá.


XORNADA DO SÁBADO 28 DE FEBREIRO
O salvaxe e espectacular territorio do río Lor volveu ser o gran protagonista dunha xornada marcada polo deporte, a natureza e a emoción coa celebración da primeira xornada do Quiroga Trail Challenge. A cita tivo lugar na incomparable contorna do Xeoparque Montañas do Courel, un espazo natural de enorme valor xeolóxico e paisaxístico que ofreceu aos corredores un percorrido técnico, esixente e visualmente impresionante. Sendeiros escarpados, bosques autóctonos e miradoiros naturais sobre o val do Lor debuxaron un escenario único para a competición, tendo tamén a favor a meteoroloxía con condicións ideais para a práctica do trail running: temperaturas suaves, ceos despexados e terreo en perfectas condicións. A boa climatoloxía permitiu que os participantes gozasen plenamente do percorrido e espremesen ao máximo o seu rendemento nun dos territorios máis auténticos e salvaxes de Galicia.
A festa do trail galego rematou nas instalacións do pavillón municipal coa entrega de trofeos das probas absolutas e festa amenizada polo DJ Michel.
XORNADA DO DOMINGO 1 DE MARZO
Neste domingo desenvolveuse o Trail do Castelo no que os participantes subiron aos picos máis emblemáticos de Quiroga e do Xeoparque Montañas do Courel. Rotundo éxito de participación e organización reunindo a 1.300 corredores e corredoras que, como na primeira xornada, gozaron de percorridos con impresionantes paisaxes e trazados que puxeron a proba a súa estratexia e resistencia en cada unha das distancias que se competían: Circuíto Ultra 65K, Circuíto Ultra 57K, Circuíto Maratón 42K, Maxitrail 35K, Circuíto Trial 29K, Circuíto Minitrail 17K, e Circuíto Carreiriña.
BALANCE E AGRADECEMENTOS
Dende o Concello de Quiroga queren facer unha mención especial para todos os corredores que este ano se iniciaban no mundo do trail e que demostraron, collendo podio, que as novas xeracións veñen pisando forte. Nesta derradeira xornada tivo lugar a entrega de premios que correu a cargo do Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e dos Concelleiros de Xuventude e Turismo: Luis Manuel Arias e Vicente Parra, respectivamente.
O Concello de Quiroga, xunto coa directiva da entidade coorganizadora, Montouto Club de Montaña, encabezada por Blas e Manuel, queren trasladar o seu agradecemento a todos os corredores e corredoras, aos moitos voluntarios e voluntarias, á veciñanza dos lugares por onde descorreron as probas, aos establecementos de hostalaría, aos servizos de emerxencia, e a todo o apoio loxístico en xeral co que contou esta proba, “porque sen todos eles, non sería posible”, din.
Dende a organización, agradecen tamén, “o comportamento exemplar dos corredores, o apoio do voluntariado e a implicación do público local, que volveu implicarase coa proba”, e queren subliñar que “a etapa do Lor reafirma así o crecemento e a consolidación desta competición, que combina deporte, respecto pola contorna e promoción do patrimonio natural”. Con esta exitosa edición, o Quiroga Trail Challenge continúa fortalecendo a súa identidade e proxectando o territorio do Lor e o Xeoparque Montañas do Courel como un destino de referencia para o trail running a nivel nacional.
RESULTADOS E PODIOS Quiroga Trail Challenge 2026
Pódense consultar no perfil de Facebook ou na propia páxina web do Quiroga Trail Challenge.



Quiroga co cartel Trail Challenge / XdL

