Saleta é monfortina, naceu no 1997 e comezou a facer deporte como estudante no Colexio das Gándaras. Alí foi onde, grazas a un Club de Atletismo fundado polo profesor de educación física, Felipe Barata, colleu afección polo atletismo e chegou á proba de salto de altura. O ano pasado, con 21 anos, foi campioa de España sub-23 ao aire libre e tivo un recoñecemento especial no Concello de Monforte que tamén decidiu en pleno municipal ‘bautizar’ as pistas de atletismo da Pinguela co teu nome.
Que te enganchou do salto de altura para que centrases a túa vida deportiva nesta proba?
Empecei por cross e carreiras populares, cando era pequena facía varias probas na pista e xa en categoría infantil empecei a destacar en salto de altura a nivel galego. A parte de iso, era a que máis me gustaba e desfrutaba. Correr non me gustaba nada.
Con que anos “deches o salto” á competición e con que anos chegaron os primeiros éxitos?
A nivel galego empecei quedando campioa galega infantil. A nivel nacional en categoría cadete de segundo ano conseguín a miña primeira medalla nun nacional (bronce) e nun xuvenil de primeiro ano xa acadei o meu primeiro ouro nacional.
Logo se che fixo pequeno Monforte para seguir avanzando, non?
Máis que pequeno dinme conta de que podería acadar grandes cousas se apostaba por isto dun xeito máis profesional e non tanto como hobby. Por iso decidín ir a Pontevedra, porque pensaba que era unha boa oportunidade para crecer neste deporte.
No Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra estiveches pouco tempo… Non se daban as condicións para seguir medrando deportivamente?
As condicións eran boas pero non perfectas. Tiña un bo adestrador e un bo grupo de adestramento, pero non eran saltadores. Apareceu a oportunidade de irme a Santander e non o dubidei.
De ser unha admiradora de Ruth Beitia a ser amiga dela e case como da familia. Como foi esa rápida progresión afectiva coa ex-campioa olímpica?
Que podo dicir de Ruth, que me abriu as portas da súa casa de par en par e tamén as da súa familia. Agora teño unha segunda familia en Santander grazas a ela.
Foi doado tomar a decisión de ir a Santander para mellorar deportivamente da man do adestrador de Beitia, Ramón Torralbo?
Podía saír ben e podía saír mal. Pero sen dúbida é a mellor decisión que tomei ata o momento. É un adestrador 10.
Á vista está que aproveitaches a oportunidade e seguiron chegando éxitos. Ata 3 campionatos nacionais en diferentes categorías, non?
Conseguín varias medallas de ouro en categorías de sub20 e sub23 con Ramón. E as miñas primeiras medallas a nivel absoluto, 2 pratas e 1 ouro. E espero que sigan vindo moitas máis.
Tras o campionato de España absoluto en pista cuberta, que retos de futuro tes?
Efectivamente, no 2018 fun campioa de España absoluta de pista cuberta e este ano non puiden revalidalo por una lesión, pero intentarei acadar o campionato en aire libre se a recuperación vai ben.

Actualmente estás ligada ao Club Valencia Sports. En Galicia non hai ningún club que ofreza as mesmas posibilidades a nivel profesional?
Actualmente non, en Galicia a nivel feminino hai un club en división de honor pero o Valencia é o mellor club de España con 26 ligas consecutivas e medallas a nivel europeo. É difícil competir con isto.
Recibiches e/ou recibes axudas da Deputación de Lugo como deportista individual? Foron importantes para avanzar na túa progresión deportiva?
Si, hai pouco recibín a do pasado ano. Claro que son importantes, toda axuda resulta importante para estes deportes que non están tan valorados como pode ser o fútbol. No meu caso que non estou nun centro de alto rendemento, todo corre ao meu cargo e as axudas dan un pequeno empurrón.
Tes morriña de Monforte ou non che dá tempo?
Claro, de Monforte, da familia, dos amigos, da comida… Malia que en Santander estou como na miña casa sempre se bota de menos.

As pistas de atletismo da Pinguela xa levan o teu nome e só tes 21 anos. Que valor lle dás a este recoñecemento?
É moi especial para min que esas pistas leven o meu nome, aí empezou todo e ogallá algún día se homologuen para poder competir nelas. Ademais que sería unha forma de dar visibilidade a Monforte, celebrando competicións alí.
Cres que en Monforte e na provincia de Lugo o “listón deportivo” está moi baixo? Queda moito que facer para que saian máis deportistas coma ti?
Hai de todo como no resto de provincias de Galicia. Unhas probas teñen máis nivel que outras. Falta fomentar máis este deporte e ter adestradores como Felipe para que te contaxien ese ‘gusanillo’ polo atletismo.