O pasado 13 de decembro de 2019 o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -AGADER- acordou aprobar as bases reguladoras das axudas a tramitar ao abeiro do Leader, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural -FEADER-, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Por refrescar que é o LEADER comentar que foi unha iniciativa comunitaria posta en marcha pola Unión Europea como programa piloto, experimental e orientada ao desenvolvemento do rural. A palabra Leader significa Liaison Entre Actions de Développement de L’Économie Rural, que traducida ao galego viría a ser Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural. Dende os seus comezos esta metodoloxía buscou descentralizar as políticas de desenvolvemento rural para que o propio territorio destinatario das axudas fose protagonista na toma de decisións. Neste punto empezaron a tomar especial relevancia os GDR -Grupos de Desenvolvemento Rural- como entidades nas que entran en contacto diferentes axentes socioeconómicos do territorio e que se encargan de xestionar fondos públicos para impulsar iniciativas económicas que melloren a calidade de vida no medio rural e contribúan a fixar poboación.
Martín Alemparte conta cunha dilatada experiencia na xestión deste tipo de programas e cóntanos que leva xestionando o programa Leader dende o 2001. Dende ese ano, e con distinta terminoloxía, foi xerente do Grupo de Acción Río Lor do 2001 ao 2008, do GDR Ribeira Sacra do 2008 ao 2016, e dende ese último ano é responsable na xestión do GDR Ribeira Sacra-Courel. Falamos con el.
Cales son as funcións do GDR Ribeira Sacra-Courel?
Como os de calquera Grupo de Desenvolvemento Rural temos a función principal de xestionar fondos europeos para dinamizar economicamente o rural dende o coñecemento do territorio. Marcamos as pautas a seguir e temos ‘certa discrecionalidade’ para decidir que se fai con eses fondos.
“Temos a función principal de xestionar fondos europeos para dinamizar economicamente o rural dende o coñecemento do territorio”
Pero a resolución final de concesión das subvencións ten que dala a Xunta, non?
Si, claro. Somos unha entidade colaboradora da Administración e correspóndenos priorizar e seleccionar os proxectos. Realizamos traballo de información e de asesoramento, nalgúns casos, análise da solicitude e documentación presentada, avaliación e baremación de proxectos… Valoramos todos e cada un dos que se presentan e trasladamos unha proposta de selección ao Agader que é onde teñen que resolver sobre a concesión ou denegación das axudas.
Todas as solicitudes pasan por vós, aínda que se presenten directamente á Consellería de Medio Rural?
Si, todas pasan polas nosas mans. Valoramos todos os proxectos, aínda que non foran presentados no GDR. O noso papel é acompañar a quen queira presentar o proxecto pero os interesados/as non teñen porque pasar pola sede do GDR se non queren.
“Valoramos todos os proxectos, aínda que non foran presentados no GDR”
Polo xeral, a xente necesita moita axuda ou sabe o que quere ao presentar proxectos?
Temos poucos proxectos de nova creación e máis empresarios que amplían o negocio, co cal detectamos que estes saben ben o que queren. Nese sentido non hai moito problema, onde están normalmente máis perdidos é no tema administrativo á hora de presentar a documentación.
“Temos poucos proxectos de nova creación e máis empresarios que amplían o negocio”
Atopaches casos de proxectos inviables polo fantasiosos que son?
Non lembro ter casos nese senso pero si se teñen presentado algúns ‘sobredimensionados’, pouco viables e que non se poden levar á practica, pero son os menos.
Quedan atrás ou caen ideas que non chegan a ser seleccionadas para as axudas?
Non me constan casos. As que quedan sen axuda nunha convocatoria teñen opción para as seguintes.
Algún caso de proxecto ‘fallido’, que non saíse adiante?
Aínda que sexa difícil de crer só teño constancia dun caso. Unha cooperativa agraria que non foi adiante. Pero por sorte os traballadores da mesma foron contratados polo principal cliente para o que traballaban, co cal non se perdeu emprego.
E algún de empresas que repiten, que reciben axudas en varias convocatorias?
Si, hai empresarios/as que repiten. Temos un que vai xa pola terceira solicitude.
Que destacarías da maior parte de proxectos subvencionados nestes anos?
Que polo xeral son sostibles, que dan valor ao territorio e que moitos buscan ampliación para adaptarse ás necesidades do mercado e ser máis competitivos. Un exemplo disto último é o acondicionamento das adegas coa moda do enoturismo. Necesitan realizar melloras e ampliacións para ofrecer visitas guiadas, estancias, cursos, catas, etc.
“moitos buscan ampliación para adaptarse ás necesidades do mercado e ser máis competitivos”
Con que fondos conta o GDR Ribeira Sacra-Courel para o período 2020-2021?
Dispoñemos de 475.166 euros para estes dous anos, a repartir entre proxectos produtivos e non produtivos.
En convocatorias anteriores o prazo de presentación de solicitudes remataba o 31 de marzo. Por que este ano se adiantou ao 31 de xaneiro?
Antes as subvencións repartíanse chegado o outono, en setembro como no caso do pasado ano. Adiantando o prazo contamos con poder ter xa as resolucións e proceder ao reparto das axudas a principios do verán.
Os interesados ou interesadas en presentar proxectos antes do 31 de xaneiro poden acceder ás bases reguladoras das axudas no DOG número 246 e poden asesorarse tamén a través do GDR Ribeira Sacra-Courel.