A Consellería de Emprego e Igualdade destina 1,7 millóns de euros a financiar cinco novos obradoiros duais de emprego promovidos por concellos da Zona Sur da provincia de Lugo que se levarán a cabo en 12 municipios a partir de outubro.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou hoxe da resolución da orde de axudas deste ano, que incrementa o orzamento nun 47% con respecto á convocatoria anterior. No conxunto da provincia, destínanse 7,1 millóns de euros a financiar 20 talleres, seis máis que na pasada edición.
Nas comarcas da Zona Sur funcionarán cinco programas que suman 1,7 M€: Serra do Faro VI, organizado por Carballedo e Chantada; Ricra V, que impulsa Pantón con Sober e O Saviñao; o obradoiro de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón; Sillor VIII, do que forman parte Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel; e o que desenvolverá Monforte de Lemos en solitario centrado nas TIC e a dixitalización.
A súa posta en marcha suporá a contratación de 100 persoas desempregadas para recibir formación -20 por cada taller-, ao que hai que sumar as prazas que se creen de persoal de dirección, administración e monitores.
Os alumnos-traballadores integrados nestes programas, que desenvolven as entidades locais, poden acceder durante nove meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.
Ademais, unha vez remate o obradoiro, poderán traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación, que na Zona Sur foron solicitados polos promotores de tres dos talleres, o que dará acceso ao mercado laboral a 42 persoas.
Arias incidiu na triple dimensión dos obradoiros, que buscan mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles formación teórica e práctica de calidade da man de especialistas nas materias que se imparten; prestar servizos de interese xeral e realizar obras en espazos públicos; ademais de contribuír a crear emprego nos concellos.
No acceso teñen prioridade os colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade, entre outras.