O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, xunto co concelleiro, José Luís Losada, presentou os Orzamentos Municipais para o ano 2022, “un orzamento que é froito do rigor e da boa xestión económica que dende o Equipo de Goberno vimos realizando dende que estamos ó fronte deste Concello. Levamos 7 anos consecutivos cumprindo o compromiso de presentar os orzamentos en tempo e forma”.
A previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2022 é de 14.892.364,97 euros, preto de 15 millóns de euros, ao que na práctica habería que engadir 900.000 euros máis de ingresos que se incorporan de investimentos comprometidos e que están en execución, como o plan de Accesibilidade, o Parque do Hospital, a Urbanización da Zona C ou a Ponte do Malecón
Os ingresos que aumentan con respecto ó ano anterior corresponden principalmente á participación nos Tributos do Estado, que supoñen un incremento do 25%, en relación co ano anterior, o que ven a ser un total de 543.986,67€ máis que no ano 2021.
No relativo ós Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia, o Alcalde destacou que “non aumentan nin un só euro, ó contrario, diminúen con respecto ó ano 2021 en 16.300,24€, o que evidencia que o goberno do Sr. Feijóo, outro ano máis, non ten intención de axudar a Monforte nin ós Concellos en xeral”.
O capítulo de persoal é dos que máis aumenta no apartado de gastos, un 3,96%, quedando a partida total en 4.643.549,84 €, debido ó incremento salarial, custes de antigüidade e cobertura de vacantes. Créanse 3 novas prazas para Policía Local, Técnico Informático e Auxiliar Administrativo.
Na área de Cultura, aumenta o orzamento debido a que se incrementan os gastos para a Feira Medieval e do Festival do Viño, xa que o Equipo de Goberno retomará a organización de eventos que levababa a cabo antes do inicio da Covid-19. “En concreto pasamos de 115.000 euros a 125.000 euros, o que supón 10.000 euros de incremento, un 8,70%.” Recuperan con forza as Festas Patronais, incrementando o seu orzamento de 300.000 euros a 350.000 euros.
“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “son uns bos orzamentos que manteñen as liñas xerais de anos anteriores, porque Monforte evoluciona ben, procurando reducir o máximo o gasto corrente para atender outras áreas de gasto que para nos son prioritarias como son a atención as persoas, a mellora da cidade, o deporte, a cultura ou o medio ambiente”.
“Como se pode ver, son uns presupostos claramente sociais pensados para dar un mellor servizo a tódolos veciños de Monforte, e por todo isto, esperamos que o resto dos grupos municipais tamén apoien co seu voto este orzamento que levaremos o Pleno do vindeiro luns 29 de novembro, un orzamento que é bo para Monforte.”