Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 15.000 euros, “co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun momento no que o importe da factura enerxética, tanto de electricidade como de gas, incrementouse considerablemente nos últimos tempos”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca.
Dende o Concello de Monforte de Lemos considérase necesaria esta medida de axudas específicas, que lles permitan ós veciños facer fronte ós gastos enerxéticos de xeito máis doado, coa finalidade de asegurar o acceso continuado á subministracións básicas de enerxía eléctrica, calefacción, auga quente sanitaria e de gas evitando o seu corte, tendo en conta o seu carácter esencial para previr situacións de risco de exclusión social. O prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o 23 de decembro de 2022.
Poderán solicitar esta axudas as persoas ou unidades de convivencia residentes no Concello de Monforte de Lemos que os servizos sociais valoren que se atopan en situación ou risco de exclusión social que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 5º e as condicións reguladas nas bases destas axudas.
Considérase como situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar e no seu caso a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.
Así mesmo, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude e tendo en conta os datos que figuren no padrón municipal.
Gastos subvencionables
- Axudas para facer fronte ás facturas de electricidade que estean pendentes de pagamento na data da solicitude.
- Axudas para facer fronte ás facturas de gas natural pendentes de pagamento na data da solicitude ou para repor o gasoil para calefacción.
- Axudas para o subministro de gas para electrodomésticos de cociña, quentador e outro equipamento básico da vivenda para a mesma finalidade.
- Axudas para outras fontes de enerxía destinada á finalidade destas bases, previa valoración técnica dos servizos sociais.
- Axudas para facer fronte ás facturas de Instalación/ Reparación de caldeiras ou outros equipamentos que constitúan unha fonte de enerxía e que estean pendentes de pagamento na data de solicitude.
No caso das axudas para gas natural/gasoil destinadas ó mantemento do servizo de calefacción, atenderanse as solicitudes presentadas nos meses correspondentes á tempada de inverno.
Tipo de axuda | Límite da axuda |
1-Enerxía eléctrica | Ata un máximo de 250€/ano. |
2-Gas natural | Ata un máximo de 250€/ano |
3-Gasoil | Ata un máximo de 500€/ano |
3-Gas butano | Ata un máximo 100 €/ano |
4-Outras fontes de enerxía | Ata un máximo de 350€/ano |
5- Instalación / Reparación | Ata un máximo de 500€/ano |