Cualificada de ‘moi boa’ a colleita do 2021 na DO Ribeira Sacra

En febreiro de 2020 celebrouse a última cata de cualificación, no 2021 houbo un parón pola pandemia e este ano recuperábase

Cualificación Colleita DO Ribeira Sacra 2021. Foto: Prensa DO RS.

O panel de cata valorou 10 referencias, representativas das 5 subzonas (Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil), catando mostras de pequenas e grandes adegas, e mostras de depósito e xa en mercado, para ter un abano diverso, co obxectivo de determinar unha calidade media dos viños. A cualificación final da añada 2021 resultou ser MOI BOA, cunha puntuación de 7,6.

Integraban o panel de cata, que se deu cita na subzona de Amandi, no Hotel Áurea Palacio de Sober:

  • Alfonso Losada Quiroga, Experto en viticultura e enoloxía
  • José Ramón Montilla Cortizo, Representante  Asociación de Sumilleres Gallaecia
  • Maira Ratón Fernández, Representante Asociación Galega de Enólogos
  • Mercedes González Rodríguez, Presidenta Vitislucus-Expertos Análise Sensorial e Enoturismo. Asesoría Gastronómica MEmbajadora
  • José María Martínez Alonso, Membro Panel de Cata do C.R.D.O.R.S.
  • Oscar González Rizo, Membro Panel de Cata do C.R.D.O.R.S.
  • Juan Ángel Fernández Martínez, Membro Panel de Cata do C.R.D.O.R.S.
  • Pepe Seoane, xornalista
  • Ana Fernández González, Representante da Axencia Galega de Calidade (AGACAL)
  • Ana Mª Martín Abild, Sumiller e Dipwset

CATAS ANUAIS DE CUALIFICACIÓN

A D.O. Ribeira Sacra celebraba en febreiro de 2020 a última cata de cualificación da última colleita, no 2021 houbo un parón pola pandemia e este ano recuperábase para satisfacción de organización, catadores e consumidores, xa que estas catas orientan ao consumidor sobre a calidade dos viños que se vai a atopar no mercado. A primeira cata de cualificación celebrouse en 1996, co resultado de “BOA”. Desde entón, todas as cualificacións foron de “MOI BOA”, e no 2000/01, 2017/18 e 2018/19 foi “EXCELENTE”.

A asesora gastronómica, Mercedes González Rodríguez, mostraba a súa ledicia por recuperar este tipo de actos que lles din aos profesionais por onde van ir os viños no mercado, “ves o potencial que nos imos a atopar nuns meses cando comecemos as catas para os premios, é unha maneira de asentarnos e poñernos ao día. Os viños que catamos hoxe atópoos moi equilibrados en alcol e acidez, honestos, volvemos a eses viños de grolo longo que non se fan pesados. Esa frescura que nos convida a repetir, o coidado das viñas vaise notando tamén máis porque se van fortalecendo en carácter. Uns viños moi prometedores, de longo percorrido, coa xente apostando polos viños de parcela, de leira. Creo que hai moi bo material para traballar”.

“Esa frescura que nos convida a repetir, o coidado das viñas vaise notando tamén máis porque se van fortalecendo en carácter”, Mercedes González.

A sumiller, Ana Mª Martín Abild, chegada desde Canarias, destacaba dos viños que “son moi representativos en canto ao territorio do que é Ribeira Sacra. Foi un ano complicado en canto a viticultura e climatoloxía, pero moi ben en liñas xerais”. E lembraba tamén que hai case 10 anos participara tamén na cata de cualificación co cal atopou unha evolución importante nestes anos en relación a todo o que envolve o territorio protexido. “Ves que aquí non é soamente o viño, se non todo o que xera ao seu ao redor, infraestrutura hostaleira, restaurantes, moitas máis marcas de viño no mercado e xa se coñece Ribeira Sacra en moitos lugares de España”, refería.

“Ves que aquí non é soamente o viño, se non todo o que xera ao seu ao redor, Ana Mª Martín.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here