HomeEconomíaSeverino Rodríguez: "Nós, grazas ó fracaso, acadamos o éxito”

Severino Rodríguez: “Nós, grazas ó fracaso, acadamos o éxito”

Ao respecto do cambio da Asociación Semente Monforte a Asociación Semente Ribeira Sacra, "cambiamos o nome cando as empresas de fóra de Monforte se interesaron en participar neste proxecto. Eu sempre digo que non nos valoramos o suficiente. Temos que pensar que somos afortunados, pois os monfortinos e monfortinas conseguiron que as empresas de fóra de Monforte colaboren cunha asociación da vila," sinala Severino Rodríguez falando xunto con Pilar López da traxectoria desta asociación que xa está no seu VIII Concurso de Proxectos Empresariais.

Publicado o

POR
Pilar Vázquez
- Advertisement -

Tivo que caer a lotaría de reis en Monforte para que a Asociación Semente Monforte botara a andar. Era o ano 2014 e entre bágoas e abrazos de ledicia, un empresario da vila agraciado con varios décimos decidiu que eses cartos deberían de ter máis repercusión na cidade máis alá dos propios agraciados.

Para explicarnos como son estes 8 anos de asociación, Pilar López e Severino Rodríguez, – presidenta e vogal da asociación-, tiveron a ben respostarnos algunhas preguntas.

Como nace a Asociación Semente Monforte?

PILAR: a asociación nace como consecuencia de querer repercutir un beneficio social entre os veciños de Monforte. Nun primeiro momento o que se fixo foi xuntar cartos a través da asociación para logo repartilos entre as familias máis necesitadas de dúas formas; dándolle cartos de xeito directo e mercando alimentos para posterior entrega ó almacén de Cáritas”.
SEVERINO: eu sempre digo que nós, grazas ó fracaso, acadamos o éxito. Este empresario precursor da idea veu reunirse comigo e contoume a súa idea. E así fixemos. Recadamos ó redor de 6.500€ que aportaron de xeito altruísta todos aqueles voluntarios e nós repartímolos. Pero cando este labor rematou pensamos: e agora que facemos? Non considero un fracaso a
primeira acción, pero obviamente non tiña continuidade no tempo. Rematamos os cartos, rematamos todo.
PILAR: o feito de que Severino contactase con máis xente e coas universidades, aproveitando os contactos que tiña por ser o alcalde, foi o empurrón que necesitabamos. Deste xeito foi como nace o concurso de proxectos empresariais que se coñece a día de hoxe. Como ben di,
do erro naceu o éxito actual. E así ata hoxe. Explicamos o proxecto a empresas e colaboradores que consideramos que lles podería interesar a idea e a día de hoxe continúan confiando en nós.

Severino Rodríguez / Asociación Semente Ribeira Sacra

Somos a rampa que conecta as iniciativas cos cartos

Como funciona a Asociación Semente Monforte?

PILAR: cada empresario e concello aporta 2.000€ por edición e cada institución pública ebuniversidade, 3.000€. Sen esta aportación non sería posible todo o que estamos facendo a día de hoxe.
SEVERINO: nós sempre dicimos que somos a rampa que conecta as iniciativas cos cartos. O día que se celebra o veredicto do concurso faise unha cea no Parador de Monforte. Alí asisten representantes dos nosos colaboradores, membros da asociación, empresarios e xente da sociedade monfortina ademais dos propios finalistas. E é nesta cea onde os empresarios contactan directamente cos emprendedores. Nós repartimos os cartos dos premios, pero os investimentos grandes fanos os empresarios cando contactan de xeito directo cos participantes.

Cada ano hai máis colaboradores ou vides mantendo o número no tempo?

PILAR: dependendo do ano entran uns e saen outros. Obviamente hainos que levan con nós dende o primeiro ano pero outros tiveron que deixar de participar algún ano e logo volven. Pero en termos xerais, os colaboradores mantéñense no tempo.

E houbo un día que cambiamos de Asociación Semente Monforte a Asociación Semente Ribeira Sacra. Cal foi o motivo do cambio?

SEVERINO: cambiamos o nome cando as empresas de fóra de Monforte se interesaron en participar neste proxecto. Eu sempre digo que non nos valoramos o suficiente. Temos que pensar que somos afortunados, pois os monfortinos e monfortinas conseguiron que as empresas de fóra de Monforte colaboren cunha asociación da vila.

Como está sendo a acollida nos centros de ensino onde expoñedes o concurso?

SEVERINO: en xeral a acollida é moi boa. Eu xa dixen que teño a sensación de que nos infravaloramos. Concursos con premios moi inferiores ó noso, pero que teñen a grandes marcas por detrás, teñen moita sona, pero eu creo que o relevante é a dotación económica a percibir. Considero que estamos a facer un labor interesante.
PILAR: xa só o primeiro premio é de máis de 8.000€. O segundo ronda os 5.000 e o terceiro 3.000€.

Pilar López / Asociación Semente Ribeira Sacra

O que vén a este concurso ten moi claro que quere o mellor para si

Vedes que os estudantes actuais teñan moitos proxectos en mente?

SEVERINO: si. O abano de proxectos que se presentan cada edición é enorme. Teño 66 anos e son un defensor acérrimo das novas xeracións. Actualmente temos unha xeración moi ben preparada, con grandes ideas desexando facelas realidade, pero moitas veces a formulación económico é unha traba.
PILAR: o que vén a este concurso ten moi claro que quere o mellor para si. Nós nutrímonos moito dos coworking, inclusive o que se celebra en Monforte, e todos os anos nos atopamos con xente que ten a inquedanza latente e de ter a súa propia idea. Os que acoden a nós saben moi ben o que teñen entre mans e o que precisan.

Cal é o perfil que se presenta a este concurso?

SEVERINO: adulto de entre 20 e 45 anos. Xeralmente máis homes ca mulleres, pero cada vez máis, esta tendencia estase igualando.

Conselleiro de Industria Presentación Proxectos Semente / Semente Monforte

Como influíu a Covid?

PILAR: non tanto no rexistro de ideas como si na súa defensa. Levamos dous anos onde non podemos celebrar a cea de final do concurso no Parador. Como dixo antes Severino, nesta cea póñense en contacto proxectos con cartos. E esa falta de contacto social si que se nota moito
neste concurso. Hai que vivilo para saber o que se sente o día do veredicto do concurso; estar alí e sentir a ilusión, falar con uns e con outros, expoñerlles as ideas aos empresarios e inversores. É un momento único.

O caso de Kalekoi é un claro exemplo; gañaron pola proximidade que transmitiron na súa exposición. Se chegan ter que expoñer a través dunha pantalla non creo que fosen quen de transmir todo o que transmitiron na súa exposición.

SEVERINO: eu sempre poño como modelo a Kalekoi. Grazas a este concurso un inversor decidiu apostar polo seu proxecto cunha suma importante de cartos. Se non nos reuriramos, estas cousas non sucederían.

Cantos premios levades repartidos en total? Que esperades desta oitava edición?

PILAR: levamos repartidos uns 150.000€. Nesta oitava edición imos repartir 18.000€ (10.000€ no primeiro premio, 5.000€ no segundo e 3.000€ no terceiro). Nesta edición espero poder superarnos. Desexo que o 12 de novembro poidamos celebrar a final de forma presencial e seguir medrando e sobre todo, ao remate desta edición, pensar na seguinte.
SEVERINO: eu conformaríame con poder seguir facendo as cousas como ata agora. Nós sempre que os colaboradores continúen confiando en nós, imos seguir con este proxecto.

Emprendedores premiados na concurso organizado por Semente Monforte/GC

ÚLTIMAS

A doutora Mª José Martín, relatora nun prestixioso congreso sobre cirurxía bucal

A Doutora Mª José Martín, coñecida polo seu labor ao fronte dunha clínica odontolóxica...

Accidente de tráfico na Pobra do Brollón

O ocupante dun turismo tivo que ser liberado ao quedar atrapado polos pés tras...

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...