HomeEconomíaOs comerciantes de Monforte coñecen as axudas para dixitalización e modernización

Os comerciantes de Monforte coñecen as axudas para dixitalización e modernización

A iniciativa incrementa o seu orzamento nun 20% con respecto ao ano pasado e apoiará actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Monforte, xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) nunha xornada informativa para comunicar aos comerciantes da vila e da comarca lucense a nova convocatoria de apoios por 6 millóns de euros para impulsar a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e do sector artesán. Este programa de axudas, do que se poden beneficiar pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, incrementa nun 20% o seu orzamento con respecto ao ano pasado.

Tal e como explicou Heredia no encontro, organizado en colaboración coa CEL no marco da iniciativa Conecta Lugo, a través desta proposta, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 23 de xuño, búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor. O obxectivo é que a mobilización público-privada acade os nove millóns de euros.

O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións subvencionables atópanse a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

Os artesáns galegos teñen tamén ao seu dispor o programa de axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia, dotado con 265.000 euros. Esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xuño, inclúe apoios de ata 8000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais. Os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán obter axudas de ata 15.000€ e 18.000€, respectivamente.

ÚLTIMAS

3ª edición de ‘Brincadeira’, o festival que recupera o ‘brindo’ na Pobra do Brollón

Brindadeira xurdiu no ano 2023 como parte dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar...

75.000€ para mellorar a Praza Luis García Arias en Chantada

Esta praza reformárase hai 15 anos co bipartito para crear un espazo complementario aos...

Quiroga presenta as actuacións das festas de verán que se celebrarán do 7 ao 11 de agosto

As festas do xoves abriranse cun concerto do grupo local, Mario Colomán & The...

O PP de Ribas de Sil denuncia que non se convocan os plenos cada dous meses

Os concelleiros do PP de Ribas de Sil denuncian que o alcalde está a...