HomeEconomíaUnha adega da Ribeira Sacra alcanza unha velocidade de conexión de 10...

Unha adega da Ribeira Sacra alcanza unha velocidade de conexión de 10 GB

A comercializadora galega de internet chantadina ‘A Túa Xanela’ presentou dende a adega Castrofiz, o martes 11 de outubro, o despregue da tecnoloxía XGSPON 10 GB polo rural galego.

Publicado o

- Advertisement -

A Túa Xanela naceu en Chantada no 2021 co obxectivo de ofrecerlle conectividade á veciñanza do sur de Lugo. En palabras de Iñaki Castiñeira Alemany, fundador e propietario da empresa, “queremos levar a fibra a xente que tiña internet por cable e poñer internet a xente que nunca o tivo”.

O caso é que no pouco tempo que ten de vida a expansión está sendo meteórica pola comunidade galega contando a día de hoxe cunha rede de máis de 50 municipios e uns 30 puntos de venda nas catro provincias. No sur de Lugo ten presenza en Taboada, Chantada, O Saviñao, Monforte de Lemos e Sarria, contando con oficinas en Chantada e Monforte de Lemos.

Esta empresa organizou un evento o pasado 11 de outubro para presentar a coñecida como ‘tecnoloxía XGSPON 10 GB’, que grazas a unha rede de fibra óptica de alta calidade permite unha conexión de 10.000 MG, ou o que é o mesmo 10 GB, velocidade que hoxe en día só poden gozar nalgunhas cidades.

O lugar escollido foi a adega Castrofiz, na parroquia de San Fiz de Chantada, e alí estaban presentes, ademais de Iñaki Castiñeira e Héctor Ferreiro, socio da adega; representantes de Rede Aberta e Adamo, dous operadores neutros de telecomunicacións; Pilar García Porto, deputada da área de Réxime interior, Promoción do territorio e Turismo; Inés Santé Riviera, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural e Agader; e outras autoridades locais como alcaldes e concelleiros de municipios involucrados no proxecto.

Aspecto da sala onde tivo lugar a presentación / XdL

No que respecta ás intervencións, cómpre salientar, no comezo, a presentación que fixo Iñaki Castiñeira de A Túa Xanela e do ambicioso proxecto de velocidade de 10 GB sinalando que o obxectivo é  “dixitalizar o rural e as empresas do rural” e operar cos que serán os “concellos máis dixitalizados de Galicia”. Tamén comentou que ten en mente poder construír no rural un CPD, Centro de Procesamento de Datos, e xunto co alcalde de Chantada desvelaron que a empresa vai aloxarse en breve no polígono industrial dos Acivros.

Tamén resultou interesante a intervención de Héctor Ferreiro, socio da adega anfitrioa, que falou como cliente de A Túa Xanela. Explicou o importante que era para eles poder ter boas conexións de internet xa sexa para resolver temas administrativos, xa sexa para controlar coas novas tecnoloxías viñedo e adega, así como tamén poder comercializar os seus viños. “Antes non se podía nin cobrar con tarxeta”, contaba Héctor ao tempo que dicía tamén “agora podes pechar negocios con xente de Xapón dende a propia adega”. E dende xa, pode presumir de ter unha velocidade de 10 gigas feito que se demostrou alí para todos e todas as presentes cunhas probas de velocidade que avalan a tecnoloxía que se presentaba.

Pilar García Porto, deputada provincial, sinalou que “sempre é un pracer vir á Ribeira Sacra e máis cando é para presentar aquí, no noso rural, unha tecnoloxía coma esta que mellora a chegada da fibra”, indicou. E explicou tamén que na provincia de Lugo “temos un rural vivo e cheo de iniciativas capaces de dinamizar a economía, xerar emprego e fixar poboación con empregos sostibles e de calidade”, pero fixo fincapé en que “necesitamos servizos”.

Intervención de Pilar García Porto / XdL

Inés Santé, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural e Agader, puxo en valor este proxecto sinalando que a Xunta apoia este tipo de proxectos que fan posible a dixitalización e a sustentabilidade do rural. Lembrou tamén que a  Axencia Galega de Desenvolvemento Rural recibiu recentemente o premio Vantage Towers ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022.

Tras a presentación do proxecto houbo unha degustación de produtos da zona e viño de Castrofiz.

COMPAÑEIROS DE VIAXE NO PROXECTO

A Túa Xanela é a comercializadora, quen chega ao cliente, sexa particular, empresa ou institución pública, ofrecendo un servizo de internet de calidade, con alta velocidade e que chegue tamén a calquera recuncho do rural naqueles concellos nos que están operando, actualmente nuns 50.

Para cumprir este obxectivo, e garantir conexión de calidade, a rede ultrarrápida de fibra óptica que lle permite ofrecer o servizo a A Túa Xanela é cousa de Rede Aberta, un operador neutro de telecomunicacións galego; e Adamo, outro operador de rede neutra con gran presenza a nivel do estado.

José Manuel Sánchez (Adamo), Pere (Rede Aberta), e Iñaki Castiñeira / XdL

ÚLTIMAS

O Courel protesta pola ausencia de médicos

As protestas repetiranse o vindeiro mércores e ata que se solucione a situación, segundo...

Escultura en madeira con motoserra no IES A Pinguela

Eugenio Linares, asturiano e veciño de Tuiriz, no Concello de Pantón, realizou hai uns...

Diversidade e conciliación camiñando polos miradoiros de Sober

Redes Lilas agrupou a unhas 40 mulleres nunha andaina a través dos miradoiros do...

Esperta Monforte leva a pleno ampliar e mellorar a Biblioteca adquirindo o edificio da galería Sargadelos

Esperta Monforte considera que as instalacións da casa da cultura, e en particular da...