Esta liña de axudas busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.
A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2024, concretamente no período 01/01/2024 ó 30/11/2024, ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento.
No procedemento de valoración da contía da subvención, terase en conta a memoria técnica do proxecto que será valorado consonte ós criterios de valoración (Base décimo primeira). O cálculo da subvención basearase no valor punto que será o resultado de dividir o importe total do proxecto subvencionable do correspondente exercicio (custe do proxecto menos os ingresos previstos) entre a puntuación máxima que se pode obter (20 puntos).
O prazo de solicitude ábrese este luns 22 de abril ata o martes 21 de maio de 2024. As entidades interesadas deberán presentar a solicitude e documentación complementaria obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento específico dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Monforte de Lemos. Establécese como prazo para a xustificación dos proxectos executados no exercicio 2024 ata o día 1 de decembro de 2024 incluído.
As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
- Copia do CIF da entidade solicitante.
- Fotocopia compulsada do NIF en vigor da persoa física que actúen en representación.
- Acreditación da representación.
- Comunicación de datos bancarios debidamente asinada.
- Memoria do proxecto descritivo da actividade asinado pola persoa representante con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivos e fins, temporalización, metodoloxía e avaliación a que se destinarán os fondos, de acordo co baremo que figura no punto 12 das bases da convocatoria.
- Escritura de constitución da asociación ou entidade e estatutos vixentes coa composición actualizada da Xunta directiva, para aquelas entidades que participen por primeira vez nesta liña de axudas.
- Orzamento estimado de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.
- No seu caso, documento de declaración de entidade de utilidade pública.
- No seu caso, plan de igualdade vixente.
Criterios de outorgamento e ponderación
A adxudicación das subvencións farase en concorrencia competitiva tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade, e as puntuacións alcanzadas serán as que determinan as subvencións obxecto de concesión conforme aos seguintes criterios de valoración, tendo en conta que cada proxecto poderá ser valorado cun máximo de 20 puntos:
- Calidade e contido técnico do proxecto cun máximo de 12 puntos desagregados do seguinte xeito:
- Calidade do proxecto: ata 6 puntos.
- Temporalización das actividades e sostibilidade no tempo: ata 2 puntos.
- Atención a tipoloxía de necesidades atendidas: ata 4 puntos.
- Incidencia social do proxecto cun máximo de 5 puntos desagregados do seguinte xeito:
- Número persoas participantes: ata 2 puntos.
- Apertura actividades: ata 1 punto.
- Declaración da entidade como entidade de Utilidade Pública: 1 punto.
- Plan de igualdade vixente: 1 punto.
- Traxectoria da entidade, cun máximo de 3 puntos.