HomeEconomíaIntercambio de acusacións entre o PP e o PSOE en Monforte ante...

Intercambio de acusacións entre o PP e o PSOE en Monforte ante a suba da taxa de recollida de lixo

O alcalde asegura que “é importante sinalar que asumir o custo total do servizo por parte dos cidadáns neste momento podería xerar un aumento significativo no recibo. Por iso, dende o Equipo de Goberno, imos abordar un enfoque gradual, onde a nova tarifa só aumentará na parte de SOGAMA”.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta semana o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, explicou que SOGAMA sube a taxa de recollida de lixo que lle aplica ós concellos neste ano 2025. O rexedor informou de que a finais de 2024, a Xunta de Galicia anunciou esta suba que pasa dos 66 euros ós 108 euros, “o que vai ocasionar un gran impacto nas arcas municipais e en consecuencia tamén nos recibos que pagan os veciños pola recollida e tratamento do lixo”.

O motivo que alega SOGAMA para xustificar esta suba é o imposto estatal regulado na Lei 7 /22, de 8 de abril, de Residuos y suelos contaminados “que provoca uns sobrecustes imposibles de asumir, botando a culpa disto ao goberno de España. Unha lei que na normativa galega vén recollida na Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia, polo tanto hai unha lei galega”, apuntou o Alcalde, que lembra que esta lei galega regula un imposto que impón unha Directiva Europea de maio de 2018. Directiva que foi aprobada no Consello de Xefes de Estado e de Goberno ó que asistiu Mariano Rajoy, e na aprobación do Parlamento Europeo, o PP votou a favor.

Segundo explica o alcalde esta directiva grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos, “Isto obriga a SOGAMA a ter que asumir o imposto pola súa obsoleta xestión e por non ter mudado en todo este tempo, dende o ano 2010, a forma de tratar os residuos. Polo tanto, a Xunta non cumpre as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos”. Con todo, o Concello está obrigado a implementar unha taxa, que se calculará distribuíndo as toneladas de residuos xeradas durante o exercicio anterior no Concello, en función do número de beneficiarios do servizo.

Este cálculo permitirá diferenciar entre os importes destinados a cubrir o custo de SOGAMA e aqueles asociados á recollida de residuos e ó punto limpo, “No recibo do lixo, a partir de abril, a xente poderá ver diferenciados o custo de SOGAMA por unha banda, e o custo do Concello por outra”.

O custe de SOGAMA no ano 2024 por recibo foi de 7,08€. O aumento será de 3,03€, polo que o custe total de SOGAMA pasará a ser de 10,11€,subindo un 42,79% pola mala xestión da Xunta, que agora temos que pagar todos os veciños e veciñas”. O recibo pasará así de 14,65€ en 2024 a 19,05€ cada 2 meses. “A parte do recibo que corresponde ó Concello non sobe nada nesta actualización da ordenanza, asumindo con cargo ó orzamento a mesma cantidade, algo máis de 800.000€”.

O Equipo de Goberno levará ao pleno deste 24 de febreiro a aprobación inicial da Ordenanza Fiscal 2.3 reguladora da taxa pola prestación do servizo de xestión de residuos municipais, que recolle o explicado polo Alcalde nesta rolda de prensa, ordenanza que posteriormente será publicada mediante edicto no Boletín Oficial da Provincia.

Segundo o PP, a suba non é culpa de Sogama senón do “tasazo” do Goberno de Pedro Sánchez

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, recorda que o equipo de goberno de Monforte “sabe perfectamente que a suba da taxa do lixo non deriva dunha mala xestión de Sogama”, senón que foi o Goberno do Estado, a través da lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, a que impuxo unha suba de impostos ao vertido e á incineración que moitos países europeos non están a aplicar.

“A Xunta opúxose a estes tributos e mesmo presentou alegacións, aínda que sen éxito. O goberno local de Monforte equivócase de culpable. O único responsable é Pedro Sánchez a través do seu tasazo”, explica.

Os populares levan meses con iniciativas para reclamar ao Goberno central que non se aplicase esta suba impositiva e que así Sogama non tivese que repercutila. “A realidade é que Tomé dixo non a reclamar ao Goberno do Estado que dera marcha atrás con este tasazo”. Mentres, segundo os populares, o Goberno do Estado insiste na política de que “quen contamina, paga e recordan que as administracións locais deben asumir integramente o custe real do servizo e activar os mecanismos necesarios para producir menos lixo e reciclar máis”.

Lembran que no 2024, o Concello de Monforte entregou a Sogama 6.446 toneladas de bolsa negra (fracción resto), cantidade pola que a empresa lle facturou 507.478 euros, “E ente local percibiu 81.831 euros a través do FCL adicional activado pola Xunta de Galicia para contrarrestar o impacto económico das medidas aplicadas polo Estado”.

Neste 2025 estímase un desembolso, por parte de Monforte, de 612.370 euro, cifra á que habería que restarlle a contía do FCL (81.831 euros), quedando nun total de 530.539 euros, “Se o ente local incrementa a aportación á reciclaxe, a bolsa negra pesaría menos e o importe da factura a pagar a Sogama sería inferior”. Varela recorda que o Concello de Monforte ten a súa disposición outras alternativas para a reciclaxe diferentes a Sogama. “O problema é que o alcalde sabe que esas alternativas son máis caras que Sogama e, aínda así, prefire seguir en liortas inútiles que en nada axudan aos monfortinos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Os coidados como saída laboral a debate este 24 de abril no Ecocentro Natureza de Monforte

O vindeiro xoves, 24 de abril, o Ecocentro Natureza de Monforte de Lemos (á...

Búscase cartel para a Feira Guímara da Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón vén de anunciar a convocatoria para o primeiro...

Preséntase o cartel da XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que se celebrará do 9 ao 11 de maio

O cartel destaca as tres ribeiras de Pantón, a do Miño, a do Sil...

Inscricións abertas para o Quiroga Bike Marathon que se celebra en setembro

O recorrido do Quiroga Bike Marathon levará aos  ciclistas a unha espectacular paisaxe pasando...