Chega un importante plan para revitalizar o comercio en Galicia, trátase do ‘Plan Estratéxico do Comercio de Galicia’ que foi aprobado polo Consello de Goberno o pasado 31 de marzo e presentado oficialmente o pasado xoves 3 de abril en Santiago de Compostela.
O documento contempla unha planificación para os vindeiros anos que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía galega. Tal e como explicou o presidente Alfonso Rueda, Galicia conta “con máis de 32.000 establecementos comerciais” –é a quinta comunidade con maior número– que dan emprego “a unhas 107.000 persoas” e que son fundamentais para dinamizar vilas e cidades. Ademais, guiará as políticas públicas de apoio ao sector comercial na nosa comunidade durante o próximos cinco anos, cunha dotación de 320 millóns de euros.
Rueda resaltou tamén que o obxectivo é poñer en marcha un paquete de medidas para consolidar o comercio galego “coma un sector forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou que este Plan “busca blindar a competitividade e o futuro” do comercio local na comunidade.
PARTICIPACIÓN DO CCU DE MONFORTE
Desde o Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte amosan satisfacción por esta iniciativa e tamén pola súa participación activa nas mesas de traballo previas á redacción do plan aprobado. “Puidemos trasladar propostas reais e as necesidades concretas do comercio de proximidade en contornas como o noso, asegurando que Monforte estea representado e teña voz propia neste proxecto de futuro”, comenta o seu xerente Ángel Folgueira.
Dende a entidade consideran tamén que este plan pode ser clave para modernizar, visibilizar e reforzar a competitividade do comercio galego, abordando cuestións tan relevantes como a creación dunha marca propia para o sector, a revitalización das zonas comerciais urbanas ou a mellora da experiencia de compra.
Para rematar, fan un chamamento á acción, ao compromiso, á cooperación, a crer nas propias posibilidades e a rexeitar excusas, individualismo e lamentos. “Cremos que agora máis que nunca é o momento de que os verdadeiros protagonistas, os comerciantes, asuman o seu papel. Este plan só será útil se o fan seu, se participan activamente, se suman e se implican no seu desenvolvemento a través de ferramentas como os Centros Comerciais Urbanos ou Abertos, pensados precisamente para canalizar esa implicación e transformar a realidade do comercio local”.
