HomeEconomíaO Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presenta un programa de...

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presenta un programa de asesoramento especializado para os 10 proxectos finalistas

O emprendemento rural é unha das principais pancas para a revitalización de territorios con alto potencial, esa é a base do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra e nesta XI edición amplíanse os premios para seguir incentivándoo. De modo que aos 20.000€ en premios que reparte o certame entre os 3 mellores proxectos, engádese agora un programa de asesoramento estratéxico.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O programa presentábase este mércores no Parador de Turismo de Monforte por parte da directora xeral de AGADER, Paz Rodríguez e a presidenta da Asociación Semente de Monforte, Pilar López.

A directora xeral da Axencia salientou a importancia deste tipo de propostas que teñen por obxectivo apoiar a posta en marcha de proxectos que contribúan positivamente ao desenvolvemento das zonas rurais, “Esta colaboración é unha aposta de futuro polo rural galego. A nosa misión é promover o desenvolvemento sostible, inclusivo e innovador dos nosos territorio rurais, por iso apoiar proxectos como este é un verdadeiro orgullo. Encantados de patrocinar unha proposta que conxuga innovación e compromiso co territorio rural.”

Paz Rodríguez destacou que “o emprendemento é unha semente que ben coidada pode transformar comunidades enteiras, por iso este bono de asesoramento é unha ferramenta necesaria. Grazas ao Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra polo traballo incansable ao longo destes anos”.

Pola súa banda Pilar López destacaba a importancia de contar coa colaboración de AGADER para o desenvolvemento deste plan de formación, “O programa de asesoramento conta cunha aportación de 15.000€ de AGADER. Para a asociación Semente é moi importante porque sabemos que o emprendemento rural é un dos piares básicos para a revitalización do rural e ao premio económico dos tres mellores proxectos, engadimos este programa para consolidar os modelos de negocio e aumentar as posibilidades de éxito a longo prazo.”

A organización do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra entende que  este programa axuda a complementar os desafíos particulares aos que se enfronta o emprendemento no rural: acceso limitado a financiamento, menor dinamismo nos ecosistemas de negocio, falta de redes de colaboración e a necesidade de modelos sostibles que combinen rendibilidade con impacto social e ambiental.

Presentación proxectos Semente Ribeira Sacra 2023/ Concurso Proxcectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

Como parte do recoñecemento ás iniciativas máis prometedoras, o concurso incorpora para as 10 ideas finalistas, que se coñecerán o 23 de xullo, a posibilidade de asesoramento especializado, un acompañamento experto nas áreas clave para o seu desenvolvemento:

  • Mentorización personalizada para a definición de estratexias e resolución de desafíos específicos.
  • Asesoramento en modelos de negocio sostibles para garantir a viabilidade e escalabilidade dos proxectos.
  • Xestión financeira e acceso a financiamento, facilitando ferramentas para unha xestión eficiente de recursos e o acceso a oportunidades económicas.
  • Un taller grupal, enfocado no networking e a co-creación de solucións colaborativas entre os proxectos participantes.

O proxecto non só busca fortalecer as capacidades individuais dos emprendedores, senón tamén tecer unha rede de colaboración entre proxectos, potenciando o desenvolvemento do tecido empresarial. A través de metodoloxías innovadoras e un enfoque práctico, garantirase que cada proxecto emprendedor reciba un asesoramento de alto valor, adaptado ás particularidades do territorio e o seu sector de actividade.

As accións formativas financiadas polo AGADER desenvolveranse durante 3 meses no primeiro semestre do ano 2026. Este prazo permitirá que os emprendedores poidan aplicar os coñecementos adquiridos e recibir seguimento nos seus avances.

Cando o 23 de xullo se coñezan as ideas finalistas, estas recibirán toda a documentación do plan de formación para que decidan antes do 31 de xullo se están interesadas en participar destas accións formativas.

XI Concurso de Proxectos Empresariais

Ata o 31 de maio está aberto o prazo de presentación de ideas, a través da web sementeribeirasacra.org. A inscrición é de balde. O 23 de xullo publicarase o nome das dez ideas (máis 3 de reserva ás que se recorrerá en caso de que algunha se retire antes do 31 de agosto) que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso.

A estrutura da presentación da idea debe contar con:

  • Título do proxecto (20 palabras para resumir de que trata a iniciativa)
  • Descrición xeral (300 palabras para describir do modo máis eficaz en que consiste a iniciativa)
  • Investimento a realizar (máx. 20 palabras)
  • Postos de traballo a crear. (máx. 50 palabras)
  • Oportunidade do proxecto (150 palabras para responder á pregunta “¿por que debería investir no proxecto?” Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo.
  • Puntos fortes do proxecto (150 palabras que conteñan a información DAFO)
  • Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto (150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal para a formulación e implantación do proxecto).
  • Outros premios acadados. (máx. 50 palabras)
  • Destino do premio, en caso de ser seleccionado.(máx. 50 palabras)
  • Integrantes e antigüidade da empresa. (máx. 50 palabras)
  • Financiamento obtido para o proxecto.(máx. 50 palabras).
Finalistas X Concurso de Proxectos Empresarais Semente Ribeira Sacra / Concurso de Proxectos Empresarais Semente Ribeira Sacra

As ideas seleccionadas presentarán entre o 1 de agosto e o 30 de setembro do 2025, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto, na xornada de mañá do día 8 de novembro, no Parador de Turismo de Monforte. Pola noite, tamén no Parador, celebrarase a entrega de premios e a cea de clausura desta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais.

  • 1º Premio – 10.000 €
  • 2º Premio –   6.000 €
  • 3º Premio –   4.000 €
  • Plan de Formación para os 10 proxectos que se presenten á final e manifestaran, entre o 23 e o 31 de xullo de 2025, o seu interese en participar no plan formativo que se desenvolvería no primeiro semestre do 2026.

ÚLTIMAS

Preséntaselle aos concellos o proxecto Turembalses para potenciar o turismo de encoros

“Turembalses dotará ao turismo rural do noso territorio dun elemento de diversificación e atractivo,...

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...