Arias visitou dúas firmas asentadas no polígono do Reboredo que contaron co apoio do Igape para acometer actuacións que redundan na mellora da súa competitividade. Unha delas é Ramiro Vila SL, dedicada á fabricación de maquinaria de metal, que optou ao financiamento a través de dous programas. Un deles foi para instalar un sistema automatizado e dixitalizado de almacén, para dotarse de pontes grúa e para facer unha obra de acondicionamento na nave da empresa. O outro proxecto consistiu na incorporación de tecnoloxía robotizada, incluíndo un centro de mecanizado de cinco eixos.
Tamén acudiu a Instalaciones del Valle Monforte SL, pertencente ao sector da fontanería, que ampliou os seus servizos coa adquisición dun camión tractor de limpeza e aspiración de lodos.
Arias resaltou a “aposta destes negocios por aumentar a súa capacidade e xerar emprego e dinamismo económico na zona”. Apuntou que a Xunta “respalda ese esforzo” con liñas de axudas como a destinada a fomentar novos investimentos, tanto xerais como en equipamentos produtivos.
Referiuse aos principais detalles da actual convocatoria dese programa, dirixido a pequenas e medianas empresas. O importe do gasto subvencionable debe ser igual ou superior a 50.000 euros no caso dos investimentos xerais; e 25.000 euros nos proxectos de equipamento produtivo – ata un máximo de 800.000 de investimento en ambos casos-. A axuda deberá destinarse á creación dun establecemento ou á ampliación da capacidade dun xa existente. O prazo para presentar as solicitudes remata o 30 de setembro.