Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, asina na notaría de Chantada dúas operacións no parque empresarial que xestiona a entidade dependente do Ministerio de Vivenda. Por unha banda, faise efectiva a compra da última parcela do polígono por parte do empresario Ramón Fernández Quintela; por outra, SEA cede chan de forma gratuíta ao Concello de Chantada para que este execute un vial que unirá as dúas fases do parque empresarial.
Ramón Fernández Quintela adquire a última parcela do polígono, cunha superficie de 8.022 metros cadrados. Esta operación «é unha nova mostra da excelente marcha impulsada pola empresa pública en colaboración co Concello e cos empresarios», explicou Beatriz Sestayo.
Esgotados os máis de 80.000 metros cadrados de chan industrial do polígono, que conta cunha superficie total próxima aos 112.000, SEA e Concello xa abordaron a necesidade dunha ampliación, que podería desenvolverse nunha superficie lindeira co actual parque
empresarial.
Por outra banda, Beatriz Sestayo asinou tamén co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, a cesión gratuíta de chan ao Concello co fin de que sexa utilizado para crear unha vial- obra que corre a cargo da entidade municipal– que unirá as dúas fases do polígono existentes.