Estas axudas están dirixidas a autónomos e as pequenas e medianas empresas (PEME) que teñan o seu enderezo fiscal e social en Monforte de Lemos e que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. Para elo, enténdese como inicio de actividade a alta no IAE. A finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. Concretamente, os gastos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.
O importe máximo de cada axuda é de 1.500 euros por beneficiario, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados durante o período indicado. Esta cantidade pode incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.
A finalidade desta iniciativa, explica o rexedor, “é colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais”. O obxectivo principal, incide, “é contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento sostible, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local, facilitando a incorporación ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego”.
Gastos subvencionables
Os gastos que poden ser subvencionables corresponden aos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes:
- Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos, e alta no Rexistro Mercantil.
- Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.
- Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.
- Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).
- Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).

