A terceira edición da Feira Internacional do Porco e os seus produtos gastronómicos, que terá lugar o 16 de febreiro no Mercado Gandeiro de Sarria, contará con 14 expositores e 3 establecementos hostaleiros nos que se poderá degustar o Cocido do Porco Celta. A organización desta cita gastronómica, ademais do concello, corre a cargo da Academia Galega de Gastronomía.
Fiporco contará nesta edición coa participación dos seguintes 14 expositores: Teijeiro SL, Cárnicas Sabelugo SL, Embutidos Casa Neiras, Embutidos Suarna SL, Cachenas de San Breixo, ASOPORCEL -Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta-, Boaga -Federación de razas autóctonas-, Queserías Sarrianas, Torta de Sarria, Queixos Casa López, Dosouto, conservas de castañas e mermeladas, Mel Abella Celta, Ario productos gourmet, Embutidos e Queixos Galegos, Embutidos Abuela Delfina, Gran Despensa Real Abadía de Samos e Embutidos Oribio Samos.
Coincidindo coa exaltación do porco e os seus produtos gastronómicos derivados, a outra protagonista neste vindeiro 16 de febreiro será a XI Festa do Cocido do Porco Celta. Este manxar poderá saborearse nunha comida degustación ás 14:30 h. e tamén nos 3 restaurantes adheridos: o Hotel Alfonso IX, Hotel Roma e o Hotel A Veiga de Samos. A celebración continuará o domingo 17, cun xantar especial de ovos, patacas e chourizos de porco celta.
Co obxectivo de promover o Porco Celta como raza e facer posible a organización de FIPORCO, a Deputación Provincial de Lugo fai unha achega de 3.000 euros.
posibilidades de negocio ao redor do porco celta na provincia de lugo
En Galicia existen actualmente ao redor de 130 explotacións de porco celta das cales o 45% están na provincia de Lugo. A alta demanda e o elevado prezo da súa carne no mercado fan que esta actividade gandeira se converta nunha interesante posibilidade de negocio para os produtores da provincia.
A recuperación do porco celta, ademais de crear riqueza económica, fixa a poboación no rural e as explotacións desta raza contribúen á prevención de lumes forestais.
Co obxectivo de consolidar o sector do porco celta na provincia, a Deputación, a través da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta –ASPORCEL-, está a custear todos os programas sanitarios que teñen a obriga legal de cumprir as explotacións de porco celta (vacinacións, revisións veterinarias, análises de sangue…), para poder comercializar estes produtos de primeira calidade pola coidada crianza natural e libre dos animais.