Coa convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino correspondente ao 2025, a Consellería de Política Social e Igualdade axudou a impulsar catro negocios en Sarria, impulsados por mulleres. As achegas concedidas suman 40.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou un dos establecementos beneficiarios, o colmado e tapería La Salina. Os outros tres pertencen aos sectores de actividade de artes gráficas, monitora deportiva e aloxamento de turismo rural.
Todas as promotoras se acolleron á liña Emerxe, destinada a apoiar novas propostas empresariais que favorezan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. En total xeráronse catro postos de traballo por conta propia.
A Xunta convoca cada ano o programa Emega para impulsar o liderado feminino no eido laboral. Inclúe catro modalidades de axudas: Emerxe, para incentivar as iniciativas empresariais constituídas por mulleres; Impulsa, para a consolidación ou reactivación de negocios; Innova, para desenvolver iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, para favorecer a conciliación profesional.
A medida presta especial apoio ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados.
No conxunto da provincia, o programa Emega apoiou o ano pasado 49 negocios promovidos por mulleres, con axudas que suman 559.000 euros. En total creáronse 59 empregos femininos (46 por conta propia e 13 allea), e mantivéronse sete

