HomeEconomíaO C.R.D.O. Ribeira Sacra ofrécese para tramitar as axudas para reestruturación e...

O C.R.D.O. Ribeira Sacra ofrécese para tramitar as axudas para reestruturación e reconversión das viñas

O pasado 27 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural, na que se establecen as bases reguladoras e haberá un mes de prazo para tramitalas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Consellería do Medio Rural vén de publicar o pasado 27 de marzo a Orde na que se recollen as axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia para este ano 2026. O prazo para tramitar as achegas da Xunta rematará o 27 deste mes de abril.

Dende o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra explican que as devanditas axudas buscan “aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sostibles e a pegada ambiental deste sector produtivo”. E argumentan tamén que con elas “preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais; fomentando tamén a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado”.

PERSOAS BENEFICIARIAS E TRAMITACIÓN

Son beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 5 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de replantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.

O prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 27 de abril e aquelas viticultoras e viticultores inscritas no rexistro da D.O. Ribeira Sacra que o desexen poderán tramitar as axudas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, sita en Rúa Comercio 6-8, 1º piso de Monforte de Lemos. Pódese solicitar cita previa chamando ao teléfono 982 41 09 68.

ORDE DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL

A ORDE publicada o pasado 27 de marzo, que contempla as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, lembra que “a reforma da política agrícola común (PAC), para o período 2023 ao 2027, oriéntase na consecución duns resultados concretos vencellados aos obxectivos baseados nos tres pilares da sustentabilidade que se centran nos aspectos económicos, ambientais e sociais”, e conclúe que as devanditas achegas “son unha continuación de anteriores programas de apoio que, dados os seus positivos efectos estruturais en Galicia, débense manter e, pola súa vez, priorizar fixando os novos obxectivos estratéxicos, de adaptación ao cambio climático, de ser máis respectuosos co ambiente e conseguir unha mellor orientación ao mercado, para satisfacer as necesidades peculiares do sector vitivinícola galego”.

Respecto de puntos concretos de relevancia, no texto sinálase que a superficie total reestruturada ou reconvertida deberá ser, como mínimo de 0,2 hectáreas para aquelas solicitudes que se presenten de forma individual. No caso de que sexan solicitadas de xeito colectivo, dita superficie será de 1 hectárea; e sendo esta a casuística, as solicitudes individuais que formen parte dunha presentación colectiva terán que ter, como mínimo, 0,2 hectáreas. En todo caso, a superficie máxima elixible será de 5 hectáreas por persoa viticultora.

E sinálase tamén que as axudas á reestruturación e reconversión só poderán concederse para operacións relacionadas con replantacións con ou sen sistema de condución; para a reconversión de viñedos por cambios de variedade (sobreenxertado) ou para a mellora de técnicas de xestión; así como para a replantación de viñedos cando sexa necesario por motivos fitosanitarios por orde da autoridade competente.

ÚLTIMAS

O PP advirte que “o Goberno de Sánchez non compromete unha data para o remate da rehabilitación da N-540”

Os deputados do PP no Congreso por Lugo e Ourense consideran preocupante que “o...

Xornada de formación ambiental e pesca responsable en Monforte

A cidade de Monforte acolleu unha interesante xornada formativa sobre medioambiente e pesca responsable...

O BNG demanda explicacións á Xunta polo proxecto da planta de almacenaxe de enerxía en Pesqueiras

O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Suárez, manifesta "preocupación e inquietude" polo...

Do 17 ao 19 de abril, Foro Rural Sustentable en Castro Caldelas

A IV edición do Foro Rural Sustentable, este ano con sede en Castro Caldelas,...