InicioEn profundidade‘Peleriños’ de Sarria celebra a súa XXIII xuntanza

‘Peleriños’ de Sarria celebra a súa XXIII xuntanza

Unha das asociacións de referencia na divulgación do folclore galego en Sarria, a Asociación Cultural Peleriños, celebra este sábado o seu encontro festivo e conmemorativo anual en colaboración co Concello. O grupo convidado deste ano, chegado dende Portugal, é o “Rancho folclórico da Casa do Povo de Souto”. Falamos con Roberto Quiroga, membro e vogal da devandita entidade.

Publicado o

- Advertisement -

Toda actividade encamiñada a recuperar e divulgar o noso folclore e as nosas tradicións merece respecto e admiración, e máis aínda coas dificultades de arraigo nun contexto como o actual onde o comercial marxina o tradicional.

Na Asociación Cultural Peleriños levan 24 anos promovendo a música e o baile tradicionais galegos, un labor importante para Sarria, vila que conta tamén con outra mítica agrupación folclórica, “Meigas e Trasgos”, entidade a partir da cal se creou Peleriños.

Falamos con Roberto Quiroga, membro e vogal de Peleriños, para que nos conte algo máis da asociación e das súas actividades.

Como entraches en contacto coa A.C. Peleriños?

De pequeno, tiñas uns 10 anos e leváronme meus pais, pero non me gustaba. Pasados os anos, volvín pola miña conta, e desta vez gustoume.

Bailas, tocas algún instrumento?

Empecei tocando a gaita e agora bailo e toco o bombo.

Consideras que hai arraigo da música tradicional e o baile en Sarria?

Hai, hai… Sarria é unha vila onde sempre houbo tradición. Pensa en “Meigas e Trasgos”, que dicir deles, un dos grupos tradicionais máis grandes da provincia. Só pensando que convivimos, e moi ben, as dúas agrupacións pois imaxínate se hai afección e seguimento.

A.C. Peleriños tras unha actuación no Malecón de Sarria. Fonte: Facebook Peleriños

Cantos socios/as sodes?

Non sei dicirche agora con exactitude pero arriba de cen.

Que actividades organizades durante o ano, ademais desta xuntanza?

Durante o ano ofrecemos clases de pandeireta, de canto, de baile e de percusión e gaita en diferentes niveis; e no verán impartimos un curso especial para nenos e nenas.

Teñen moita demanda as clases?

Pois despois dunha época frouxa pola que pasamos podo dicirche que estamos a vivir un repunte, estamos nun momento bo con moita demanda.

O pasado mes de xuño xa tivestes a X Xuntanza infantil. Hai canteira logo?

Si, estamos moi contentos/as. Os rapaces e rapazas aguantan moitos anos e iso é bo sinal, sinal de que hai continuidade.

Como se financia unha entidades en ánimo de lucro como a vosa?

Pois xa te podes imaxinar, sobrevivimos practicamente da autofinanciación. Con cotas de socios/as, co cobro simbólico das clases, coa venda de lotaría e camisolas, coa barra do bar na organización dos Cantos de Taberna de Sarria…

Este sábado, 10 de agosto, celebrades a XXIII xuntanza. Cóntanos.

Dos 24 anos de vida da asociación levamos con este 23 edicións desta celebración conmemorativa. Ás 19:00 h. faremos un pasarrúas dende o Malecón e ás 19:30 h. serán as actuacións na Praza da Vila de Sarria. No escenario estará o grupo convidado, este ano chegado de Portugal, ‘Rancho folclórico da Casa do Povo de Souto’ e a continuación actuarán as diferentes formacións da A.C. Peleriños.

É habitual que o grupo folclórico convidado sexa de fóra?

Gústanos traer variedade e dar a coñecer outras manifestacións folclóricas alén de Galicia. Por esta xuntanza teñen pasado grupos de Asturias, León, Canarias, Menorca, Polonia, República Checa…

Cartel da XXIII Xuntanza

ÚLTIMAS

O ‘Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra’ celebra 10 anos

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebra 10 anos fomentando o emprendemento...

5 de maio, Día Mundial da Hipertensión Pulmonar

Como xesto simbólico, e en sinal de apoio ás persoas afectadas pola hipertensión pulmonar,...

Convenio con Abanca que permitirá expor en Monforte a historia en fotografías da emigración galega

A exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española...

Éxito no comezo da Comunidade Rural Montes de Saberes

Escairón acollía a finais de abril a primeira reunión da Comunidade Rural Montes de...