HomeEn profundidade“Máis caro é que che arda a casa”, Marcos García, xerente de...

“Máis caro é que che arda a casa”, Marcos García, xerente de Calor e Lume

Coñecemos o importante labor desta empresa monfortina, especializada no sector da calefacción, que está moi sensibilizada co mantemento de estufas, cociñas e chemineas, mantemento que pode salvar vidas. Marcos García fálanos do alto risco de incendios por non desfeluxar cada certo tempo e dos sinistros que se están dando ultimamente.

Publicado o

- Advertisement -

Grupo Calor e Lume é unha empresa que ten a súa sede en Monforte e que colleu o relevo da tenda A Lareira, do prestixioso Grupo Leiro, que levaba xa funcionando dende hai uns 60 anos. O seu xerente, Marcos García Varela, cóntanos que empezou a traballar con Valentín -o dono- e foi encargado do negocio durante uns 9 anos. Ao morrer Valentín traspasouse a tenda e Marcos emprendeu unha nova andaina co seu irmán Toño García meténdose de cheo no sector da biomasa, momento no que estaban “dando un baixón” as chemineas de toda a vida.

Estes emprendedores apostaron pola transición das chemineas de leña de toda a vida ao mundo do pellet e da biomasa, interesándose pola comodidade do cliente e a comercialización de produtos combustibles económicos e respectuosos co medio ambiente. Tamén nos conta Marcos que foron dos primeiros que ofreceron servizos de desfeluxado -deshollinado- e de mantemento, cando “daquela case ninguén limpaba as chemineas nin as cociñas”.

Punto de venda do GP Calor e Lume na rúa Ourense de Monforte / XdL

O Grupo Calor e Lume ofrece, pois, asesoramento nos puntos de venda, servizo técnico especializado e actualizado para instalación de cociñas, estufas e caldeiras -se o cliente o require-, alternativas de financiamento e un mantemento profesional dos equipos de calefacción para evitar avarías e posibles incendios. Dende hai uns anos teñen liña de franquicias por toda Galicia e un importante mercado en Portugal.

Falamos con Marcos García para coñecer outros detalles do negocio, anécdotas e tamén consellos para un uso responsable dos sistemas de calefacción.

Moito choio, Marcos?

Pois si, non me podo queixar. Pouco a pouco estamos consolidando a marca e xa somos unha referencia na comercialización de estufas e caldeiras a nivel de Galicia.

Cantos sodes na empresa para atender tanta demanda?

Empecei co meu irmán Toño, agora está un pouco ao marxe, e temos 2 traballadores. Iso sen contar o traballo que subcontratamos a autónomos e a empresas externas.

Especializados en calefacción e no “desfeluxe”?

Dende hai anos apostamos pola biomasa, comercializamos cociñas, estufas e caldeiras e creo que fomos dos primeiros ‘deshollinadores’ cando daquela case ninguén limpaba as chemineas. A tecnoloxía actual para a limpeza nestes casos é unha pasada.

Cepillo desfeluxador rotatorio “Huracán” / XdL

Levamos unha racha de sinistros no sur de Lugo relacionados con incendios en cociñas. É unha casualidade ou unha causalidade?

É certo, de feito días atrás chamáronme despois dun incendio nunha casa de Sober. A unha muller prendeulle lume a bilbaína de toda a vida e empezou a arderlle a casa. Cando fun ver como quedou para arranxala ou cambiala por outra dixen “buf”… tiña moitísima porquería acumulada. Pensei para min que esa cociña de ferro non se limpara dende que se puxo, e a muller recoñeceu despois “que non a limpara nunca”.

“un bo mantemento e desfeluxe anual pode salvar vidas”

Pouca broma logo con ‘descoidar’ o mantemento das saídas de fume, non?

Non é unha broma, un bo mantemento e desfeluxe anual pode salvar vidas. As chemineas acumulan o que se chama “creosota”, un residuo tóxico que se crea da combustión de madeira, combustibles fósiles ou alcatrán. Esta substancia pégase aos condutos de escape de fumes e acaba atrancando e limitando a súa saída ao exterior. Coa limpeza das chemineas evítanse incendios, intoxicacións, afórrase e presérvase o medio ambiente.

Recomendacións

Cando deberiamos desfeluxar, logo?

A ver… o ideal é facer unha limpeza anual como cando imos ao dentista facer unha hixiene bucal (risas). E se non, atender a certos síntomas do noso sistema de calefacción para proceder ao desfeluxe.

De que síntomas ou sinais nos falas?

Cando a estufa bote fume para fóra, teña unha combustión lenta e tire con dificultade ou cando notemos que quenta menos do que debería é o momento de limpala en condicións.

Non existen ITV dos sistemas de calefacción?

En España existe o código RITE (Regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios), regulamento que establece normas de eficiencia enerxética e de seguridade pero case non hai inspeccións. A nivel europeo cónstame que hai países que por lei obrigan á limpeza das calefaccións e son máis estritos nas inspeccións.

Notades que haxa concienciación neste sentido?

Si, os hábitos están cambiando e hai máis xente concienciada pero a base de desgustos e, ás veces, incluso desgrazas.

Aínda hoxe hai xente que nos di que é carísimo… e aquí é cando lles dicimos “máis caro é que che arda a casa”

Será un problema de preguiza ou económico?

Lembro hai anos que había xente que pensaba que a queríamos timar cando lle ofreciamos o servizo de desfeluxe (risas). Aínda hoxe hai xente que nos di que é carísimo… e aquí é cando lles dicimos “máis caro é que che arda a casa”. A muller de Sober que che comentaba antes. A broma fóiselle aos 1.600 euros… se tivese un bo mantemento houbera evitado o lume.

Cando é o forte do traballo de desfeluxado?

En setembro e outubro son os meses top. Agora menos, se chaman agora é porque teñen algún problema, non lles tira, ou porque ‘ardeu a da veciña’. E o prezo sempre é máis económico nestes meses, claro, que estamos en campaña.

Hai unha frase que me gusta moito e creo que nos define: “El tiempo da la experiencia y la experiencia da la profesionalidad”

Cónstanos que tedes boa sona, será polo bo servizo?

Polo bo servizo e porque traballamos con marcas de calidade, temos moi bo produto. Levamos anos nisto, coñecemos o mercado e, claro que si, preocupámonos da atención ao cliente. Creo que temos boa reputación, clientela fiel e “funcionamos polo boca a boca”. Hai unha frase que me gusta moito e creo que nos define: “El tiempo da la experiencia y la experiencia da la profesionalidad”.

Marcos García na sede de Calor e Lume en Monforte / XdL

Pasaron á historia as chemineas de toda a vida?

Non, seguen instalándose pero agora a xente busca a comodidade. As chemineas requiren máis atención, hai que atizar cada pouco, e agora coas estufas de pellets metes un saco e dura case todo o día. E á hora de limpar o mantemento tampouco é igual.

Conclusión final, non se pode “xogar con lume”?

Cando hai lume hai que aterse ás consecuencias, o lume queima. Aconsello mercar bos equipos de calefacción, queimar combustibles bos, ser responsables co que temos entre mans e levar un bo mantemento, se se botan contas sae moi barato.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...