Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, pero desde o 2008 vive en Arteixo (A Coruña). No 2001 encamiñou o seu destino cara esta provincia na procura de traballo, e polo de agora ten a residencia habitual alí, aínda que non perde o contacto coa súa terriña. Necesita, de cando en vez, visitar a súa Ribeira natal cos seguintes argumentos “primeiro porque a miña familia e amigos seguen aí, e segundo porque necesito vir a ‘desintoxicarme’ da vertixe estresante do día a día do traballo, da cidade, as présas…”.
Dende ben pequeno tivo unha ilusión, cantar para o público, pero esa vocación instintiva da infancia non saíu fóra ata que foi chegando aos 40 anos. De cantar por afección, como un entretemento e porque llo pedían familiares e amigos, pasou a difundir as súas “actuacións caseiras” polas redes sociais e agora está dando o paso a cantar para o público. Ademais de actuacións para eventos e festas, o pasado 28 de decembro de 2019 actuou no Auditorio de Quiroga dentro da Gala da Televisión Municipal de Quiroga con motivo do seu 25 aniversario. Coñecemos a historia deste quirogués.
A afección por cantar, de onde che vén?
Desde pequeno sempre quixen ser músico. Cando tiña 6 ou 7 anos acudín da man de meu pai á sesión vermú, despois da misa, na festa da Ribeira polo San Bartolomé. Mentres os outros nenos xogaban, a min intrigábame ver que eran aquelas cousas brillantes que estaban no palco e que chamaban instrumentos. Pouco tardei en descubrir que uns homes a quen chamaban Orquesta Compostela, vestidos con traxes inmaculadamente brancos e camisa azul-turquesa, os ían facer sonar. Foi aí cando se produciu a maxia, que se incrementou cando un dos compoñentes colleu un pau prateado cun cable negro e da súa boca parecían saír sons que viñan do mesmo ceo; Miguel Torres -ese era o seu nome- interpretou “Galicia terra nosa”, e eu nese momento díxenme a min mesmo que eu sería o cantante dunha gran orquestra.
“Desde pequeno sempre quixen ser músico”

Pero tiñas outros soños antes desta revelación?
Pois si, dende ese momento renunciei ao meu futuro como astronauta ou piloto de formula 1, que era no que andaba a miña perspectiva de futuro nese momento. A partir dese intre engadín aos meus xogos infantís un novo entretemento. Aproveitaba como tarima, para facer o meu escenario improvisado, o remolque dun tractor, o rellano da escaleira… collía os sofás da miña casa e colocábaos a modo de altavoces… e así fun fantaseando ata que o peso das etapas da vida foi soterrando esa ilusión. Cos anos fun descubrindo que podía facer certas cousas coa voz que a outros lles custaba e comecei a cantar nas bodegas e nas festas para os amigos e familia, pero sempre coa lousa grande do pudor a ser escoitado, pois nunca considerei que eu fose gran cousa cantando. Hai uns tres anos descubrín unha aplicación de karaoke no móbil e fun compartindo para o público algunhas das cancións que cantaba, e iso foi o que me levou a dar o paso a actuar en público, porque moitos me ían pedindo que me dera a coñecer.
“Aproveitaba como tarima, para facer o meu escenario improvisado, o remolque dun tractor, o rellano da escaleira…”
Cando foron as túas primeiras actuacións con público?
A ver. Lembro que no 2015, nas Festas de Folgoso do Courel, animáronme a subir no descanso da orquestra e aínda que pasei vergoña unha vez alí atopeime cómodo. E ao ano seguinte pasoume o mesmo na Festa da Troita da Ribeira. Insistíronme para que subira cantar e eu non quería… dábame vergoña pero no fondo quería subir. Ao final subín ao escenario e cantei. A orquestra que actuaba ese día era a Orquestra Poceiro e o cantante Miguel Torres, e eu interpretei a canción “Galicia terra nosa”. Foi como pechar o círculo polo que che contei antes. Foi como o meu bautismo e unha das actuacións que me fixo máis ilusión.
A actuación no bar Ferreiriño da Ribeira do pasado ano tamén marcou un antes e un despois. Cóntanos.
Aí actuei o 30 de novembro do pasado ano e non se collía. Recibín moito agarimo e paseino moi ben. A partir desta actuación si, empezaron a chamarme para máis, entre elas a do 28 de decembro no Auditorio de Quiroga.

Tes base académica e estás formándote como cantante?
Non, coma no resto de instrumentos que aporreo, son autodidacta. Ultimamente estou indo a clases de canto para aprender a dosificar a voz e explotar posibles cualidades que por min mesmo non sería capaz.
Como e cando ensaias?
O primeiro ensaio fágoo na casa, memorizo a letra e canto en baixo diante do ordenador. Despois, cando vou no coche, canto xa en voz alta e déixome levar. Na casa dáme algo de vergoña que me poidan escoitar cantando e no coche atopo o momento e tamén a intimidade para soltarme.
Vívelo como unha afección ou aspiras a algo máis?
De momento é só iso, afección. Teño 43 anos e o normal é que esa sexa unha idade máis de retirada que de empezar unha carreira musical. Pero se algo vou aprendendo na vida é que ninguén te vén chamar á casa e se te rendes xa antes de comezar, a túa carreira acaba no momento. Así que vou ir paso a paso pero non vou renunciar a nada sempre e cando non poña en situación incómoda a familia e o meu traballo.
“Pero se algo vou aprendendo na vida é que ninguén te ven chamar á casa e se te rendes xa antes de comezar, a túa carreira acaba no momento”
Atopácheste con alguén que che propuxera traballar e vivir da música e tes valorado a opción de entrar nalgún concurso de talentos?
Non, creo que para vivir da música hai que ter en conta outros factores que eu non posúo, como a dedicación exclusiva, a formación, idade… así que non creo que me veñan a buscar para vivir disto. En canto ao de ir a algún programa de talentos, si que o pensei, e de feito estiven.
En cales estiveches?
Pois estiven no “Téquele, Téquele” e no “Son de Estrelas” da Televisión de Galicia e ata probei sorte nun casting de Operación Triunfo pero non me colleron.
Que opinas dos programas de ‘Cazatalentos’ ?
Os perfís que se buscan non é só cantar ben, se non que se enfoca a que te poidan explotar como un produto, e para iso tes que ter dedicación exclusiva, formarte, ser xoven, guapo… É unha mágoa, pero este mundo funciona un pouco así.
Que estilos musicais prefires cantar e por que?
Estou descubrindo que me podo adaptar a moitos estilos, de feito podo estar interpretando a cumbia do “Negro Xosé”, e ao rato coller unha pandeireta e interpretar a “Xota Delira”. O que necesito é sentirme cómodo cando canto. Sen embargo, si que é certo que me sinto máis satisfeito cando canto clásicos de ópera como “O sole mio”, ou temas dos grandes solistas estranxeiros como Tom Jones, Humperdick, Frank Sinatra, ou españois e galegos, como Nino Bravo, Raphael ou Pucho Boedo.
é certo que me sinto máis satisfeito cando canto clásicos de ópera como “O sole mio”
Pódese dicir logo que es un pouco todoterreo á hora de actuar, tan axiña cantas nunha romaría e festa de aldea como nun auditorio. Cóntanos.
Todo é especial para min… cantar nun auditorio repleto como o pasado 28 de decembro en Quiroga ten unha maxia que me gustaría sentir máis a cotío, porque sentes que es o centro de atención, sentes como a xente che envía calor… non sei como explicalo. Pero cantar nunha romaría… iso é outra cousa. As festas tal e como as coñecemos, con orquestras, comida, a forma en que as vivimos é algo intrínseco á forma de ser dos galegos. Non vin isto noutros sitios… En Guadalajara non fan unha roda coa “Rianxeira” para rematar a festa, iso seguro (risas).


Polo que entendo, gústanche as nosas festas populares.
Si, moito. Non quero que se perdan as festas como eran antes, con pasodobres ata última hora, cunha Rianxeira cantada por todo o campo da festa… por iso gústame tanto cantar nas romarías, para conservar algo que nos fai distintos que e que vivimos a festa coma ninguén.
“Non quero que se perdan as festas como eran antes, con pasodobres ata última hora, cunha Rianxeira cantada por todo o campo da festa…”
Se tes diante algunha opción de cantar nunha orquestra que farías?
Non hai moito unha orquestra de Ourense buscaba cantante e estaban interesados en que fixera unha proba, pero dixen que non. Se saía adiante quedábame moi lonxe e podía resultar incompatible coa miña vida laboral e familiar. En adiante non desboto nada, xa irei vendo.
Cónstanos o teu éxito e seguimento na Comarca de Quiroga. Está transcendendo fóra esta simpatía e demanda dos teus servizos artísticos?
Pois o certo é que agora, grazas ás redes sociais, a miña voz chega lonxe, e iso posibilita que me escoiten en Barcelona ou en Brasil. De feito nos últimos meses recibín suxestións de amizade en Facebook, por exemplo, de xente que escoitou algunha canción e me quixo felicitar desde o mesmo Brasil (risas). Pero bromas aparte, si que se están interesando en concretar mais actuacións tanto dentro como fóra da comarca. De momento imos pasiño a pasiño asegurando datas en función dos factores que xa mencionei antes.
Xa logo mánager… ou xa o tes?
(Risas) Iso foi o primeiro que contratei un bo mánager, mellor dito, unha boa mánager. Ela é a que me deu o empuxón para lanzarme a esta aventura e que pola conta que lle trae tamén a ela, mira de conseguir os mellores contratos. Non pode ser outra persoa máis que a miña muller; á que lle deberei todo o que poida acadar nesta singladura.