HomeEn profundidadeClub Natación Monforte, un proxecto deportivo que ilusiona

Club Natación Monforte, un proxecto deportivo que ilusiona

A entidade está fomentando o interese pola natación e apostando decididamente pola formación de base para conseguir éxitos competitivos nun futuro próximo. Ademais de accións concretas para promover este deporte contrataron un novo adestrador, Emilio Beltrán. Falamos co presidente, José Manuel Berjano e co propio Emilio para coñecer o traballo que están a facer.

Publicado o

- Advertisement -

O Club Natación Monforte fundouse no ano 1996 como entidade deportiva sen ánimo de lucro para promover o deporte nas modalidades de natación, waterpolo e sincronizada. Actualmente está centrado só na natación e traballa coas seguintes categorías: promesas, benxamín, alevín, infantil, junior e máster. Dende hai aproximadamente un ano preside a entidade José Manuel Berjano, un vasco afincado en Monforte dende os 23 anos.

Defínese como “un futbolista reconvertido a nadador”. Empezou a nadar hai tan só dez anos, quixo ir a máis e ata o convenceron para ir a campionatos galegos chegando a ser campión galego de espalda e mariposa.

José Manuel Berjano, Presidente do C.N. Monforte. Foto: J.M.B.

“un futbolista reconvertido a nadador ”

Segundo nos conta, formaba parte da directiva e chegou o momento no que deu un paso adiante para liderar un proxecto a futuro coa intención de poñer en valor a natación, apostar pola formación de base e aspirar a éxitos deportivos. Un proceso que en pouco tempo empeza a dar froitos tanto en resultados como en interese para entrar no club. “O número de nadadores federados está xa en 56 e o obxectivo é pasar dos 60”, explica Berjano quen tamén afirma que o futuro próximo do club vai requirir de reestruturación e maior organización para optimizar as posibilidades da piscina e consolidar o proxecto do club.

Entre as accións impulsadas estes meses dende a nova directiva para espertar interese pola natación, foi un éxito o festival do pasado mes de decembro –na piscina municipal de Monforte- no que se apoiaba ao Camiño de Inverno.  Unha exhibición festiva de natación en diferentes categorías con actividades paralelas que tivo unha gran acollida polo público familiar. Recollendo esa idea, o vindeiro 7 de marzo, farán o mesmo en Chantada, dentro da programación da Feira do Viño, para dar a coñecer o seu proxecto e intentar atraer nadadores deste concello.

Cartel da actividade do vindeiro 7 de marzo

Unha das decisións importantes que se tomaron nesta nova etapa foi a contratación dun adestrador de gran nivel, e así foi como chegou ao Club Natación Monforte -en setembro do 2019- Emilio Beltrán Díaz. Falamos con el.

De Toledo a Monforte. Como chegas ao C.N. Monforte?

Por amor. A miña parella é de Ourense e vin vivir con ela. Buscando traballo saíu a opción de Monforte e tiven a sorte de que me colleron.

A que nivel competitivo chegaches como nadador?

Competín en campionatos de España por comunicades autónomas representando a Castela a Mancha nas categorías de 200 mariposa e relevos. Como nadador Máster fun campión nacional en varias ocasións e récord de España en 4×50 libres masculino na categoría de +120 anos.

E como adestrador, cantos anos levas?

Esta será a miña décimo sexta tempada.

A natación é un deporte máis sacrificado que outros?

As horas que se empregan na natación non son as mesmas que noutros deportes, sobre todo se comparamos cos deportes de equipo. Segundo con que deportes poderemos dicir que é máis ou menos sacrificado, pero ten en conta que só pensar que nos temos que adaptar a un medio diferente ao que vivimos… Nadar implica facer deporte na auga, un medio que non é o habitual no noso día a día.

Cantas horas ao día ou á semana de adestramento cres que son necesarias para alcanzar un nivel competitivo?

Por poñer exemplos. Os alevíns de clubs grandes empezan con 6 sesións -horas- e acaban facendo 8 ou 9 á semana. En categorías infantil e junior para ter un rendemento bo calcula unhas 9-10 sesións -nós estamos facendo unhas 8- e para un alto nivel habería que dedicarlle 4 ou 6 máis á semana.

“Estar sempre motivado desgasta, un exceso de motivación sería prexudicial para o rendemento”

Supoño que hai ciclos de motivación e desmotivación. Cando e por que aparecen?

Ten que ser así, o normal é que haxa motivación e desmotivación, altos e baixos. Estar sempre motivado desgasta, un exceso de motivación sería prexudicial para o rendemento. A motivación principal nun nadador está no esforzo, “esfórzaste, sofres, pero gústache”, e adestrar sería “retarte a ti mesmo cada día”.

E a desmotivación, cando se dá?

A desmotivación vén dada na maioría dos casos polas lesións, e non tanto como se pode pensar polos adestramentos.

“Cada rapaz necesita a súa frase. A motivación ten que ser a nivel individual”

Como traballas a motivación dende o punto de vista psicolóxico?

“Cada rapaz necesita a súa frase”. A motivación ten que ser a nivel individual, con uns funciona poñelos ao límite e o “a que non hai…” e con outros funciona mellor o agarimo, acompañalos coa aprobación constante. E despois, tamén é importante a motivación grupal, que o grupo estea unido, que se leven ben entre eles e co adestrador, que haxa compañeirismo, bo ambiente, etc.

No tempo que levas, de setembro do ano pasado a febreiro deste ano, pódese dicir que xa os coñeces un a un para darlle esa motivación personalizada?

Máis ou menos. Creo que xa os empezo a coñecer ben (risas).

En Pontevedra, participando no Campionato Galego. Foto: C.N. Monforte

No aspecto máis físico e técnico como organizas os adestramentos?

Hai que adaptar os adestramentos por idades e segundo o nivel de rendemento. Neste caso non podo individualizar todo o que quixera polos medios e as circunstancias. Resulta difícil, por exemplo, coincidir na piscina en dúas ‘calles’, tres categorías diferentes e catorce nenos/as.

Empezan a verse logros nestes meses?

É pouco tempo pero temos, por exemplo, a Juan Pontón que acaba de ser campión galego junior. E medallas, por agora non houbo máis, pero si melloras en marcas. Podería dicir que todos/as melloraron nalgunha proba e se algúns non o fixeron non é porque non estean preparados/as. Todo chegará.

Juan Pontón, campión galego junior en 50 mariposa. Foto: C.N. Monforte

Como animarías a engancharse á natación aos cativos/as?

Aos nenos ou aos pais? (risas) Se teño que intentar convencer aos pais diríalles a clásica, que a natación é o deporte máis completo que hai; que é un dos deportes que che pode salvar a vida, mira a xente que morreu afogada en Galicia o ano pasado; que aporta aptitudes como a disciplina e a competición, valores que serven para a vida…

E para convencer aos rapaces?

Dicirlles que o van pasar moi ben nas competicións, que se fan moitos e bos amigos no deporte. E como digo eu, son amigos para toda a vida, o deporte fomenta vínculos de amizade. O corpo que che queda cando fas natación…

En marzo ides nadar a Chantada. Cóntanos.

Si, o día 7 de marzo faremos unha exhibición coincidindo coa Feira do Viño de Chantada. Será na piscina municipal a partir das 17:00 h. e levaremos 35 nadadores do club. A ver se animamos a nenos e nenas desa localidade para que veñan ao C.N. Monforte porque alí non teñen natación competitiva.

“a día de hoxe teño claro que non estou aquí de paso”

E para rematar. Como levas o de vivir en Galicia, o clima, a xente, o idioma, o humor característico…?

Moi ben. Xa coñecía algo Galicia e agora que estou vivindo pois cada vez máis integrado. Síntome moi cómodo en xeral e traballando no Club Natación Monforte en particular. Aínda que todo pode cambiar, a día de hoxe teño claro que “non estou aquí de paso”. De feito, penso facer o Celga para aprender galego, encántame a gastronomía, a paisaxe e o humor da xente… “vexo Land Rober” e todo (risas).

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...