O proxecto ‘Daveiga produción responsable’ non para de medrar dende o 2005, ano no que naceu da man da empresa Lugar da Veiga SLL. O seu crecemento fixo que hai uns anos apareceran no ranking empresarial do Financial Times no posto 503 dunha lista de 1000 empresas escollidas polos mellores resultados económicos entre 2013 e 2016. A noticia deulles moitos titulares e recoñecemento a nivel comercial pero non por iso quedaron durmidos nos loureiros. Seguiron e seguen traballando con rigor e coherencia, apostando pola innovación e outros valores empresariais como a economía social, o desenvolvemento rural sustentable, a economía circular, etc.
No ano 2016 crearon unha área de internacionalización e no 2018 a de comunicación, apostando hai pouco máis de 2 anos por un cambio de imaxe que afectou ao deseño dos envases e á imaxe icónica das mariñeiras. Foi así como naceu “o mariñeiro” que identifica dende aquela ás galletas de Chantada.
Falamos con Xosé Lois para que nos poña ao día do proxecto, un referente xa do seu sector en Galicia.
Está funcionando ‘o mariñeiro’ como nova imaxe das Mariñeiras?
Foi un acerto. Percibimos que cae ben e con el estamos conseguindo un icono máis claro. Coñecíase a marca pero non había un icono, unha imaxe clara representativa. Antes a xente identificaba as mariñeiras polas bolsas de cadros, eran as propias bolsas as que facían de icono. Agora a identificación é máis doada, gañou potencia a imaxe de marca e a propia bolsa.
Sendo un home a icona xeráranse comentarios, verdade?
Si, houbo comentarios anecdóticos nos que nos dicían que sendo galletas a figura que lle acaía mellor era a dunha muller. Pero nós defendemos ao mariñeiro co argumento de que ao tratarse dun alimento dos mariñeiros, porque daquela non había mulleres mariñeiras, o seu era a imaxe representativa fose a dun home.
Supoño que xa fixestes balance comercial do 2019. Que tal foi?
Os resultados do 2019 estiveron por enriba das nosas previsións. Viñamos de crecementos importantes estes últimos anos pero a dinámica segue sendo ascendente medrando un 35% no pasado exercicio. O crecemento é ademais orgánico, natural, asentado nos operadores actuais e indicativo do potencial de crecemento destes. Podemos dicir tamén que medra o consumo dos compradores habituais e imos sumando novos consumidores.
“Os resultados do 2019 estiveron por enriba das nosas previsións”
Cantas ‘mariñeiras’ saen de Chantada ao día?
Pódoche dicir en quilos. Estamos producindo unha media de 6000 quilos diarios.
Fóra de España, cales son os vosos mercados preferentes?
Portugal segue sendo o país onde temos máis mercado, un 30-35% da produción vai para alá. Dende o 2016 estamos apostando pola área de internacionalización e queremos entrar máis en Europa. Estamos facendo probas, presentacións… e o retorno é positivo. Hai potencial e seguimos traballando no tema sendo moi importante para a nosa estratexia comercial dar co operador ideal.
“Dende o 2016 estamos apostando pola área de internacionalización e queremos entrar máis en Europa”
Tivestes propostas de grandes distribuidoras de alimentación para venderlles ‘marca branca’?
Hai unha gran demanda e tivemos contactos con algunha pero nós evitamos ese tipo de estratexia. De momento non nos interesa, seguimos a apostar por posicionar as nosas marcas e non buscamos eses grandes volumes de venda.
Como vai a introdución das ‘mariñeiras’ na hostalería?
Ben tamén. Para nós non supón moito en facturación pero a nivel de visibilidade estanos aportando moito. Cada vez estamos en máis restaurantes e vemos que as mariñeiras aportan un valor engadido ao produto ao que acompaña. Estar na hostalería é case máis un investimento que unha liña de negocio.
“Cada vez estamos en máis restaurantes e vemos que as mariñeiras aportan un valor engadido ao produto ao que acompaña”
Que importancia ten na vosa estratexia comercial asistir a eventos de alimentación e as colaboracións ou patrocinios?
En feiras de alimentación estamos, pero máis como colaboración indirecta que con posto ou stand propio. En Xantar, por exemplo, estivemos da man da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. O que si estamos aumentando é a presenza en eventos locais e culturais. Colaboramos con carreiras populares, con festivais de cinema, festivais de música, etc. Nese sentido, a nosa presenza nestes eventos contribúe a popularizar a marca. E tamén nos funcionaron mi ben o pasado ano as accións que fixemos en institutos fomentando a economía social.
No tocante á plantilla de traballadores e á estrutura interna de Lugar da Veiga que nos podes contar como novidades?
O crecemento en postos de traballo vai en proporción á facturación que imos tendo. Neste momento temos contratadas unhas 80 persoas. En relación á estrutura estamos apostando por persoal propio para cubrir as áreas de internacionalización, investigación e comunicación. Son áreas estratéxicas que estamos a consolidar, no 2016 creamos a de internacionalización e no 2018 a de comunicación.
“En relación á estrutura estamos apostando por persoal propio para cubrir as áreas de internacionalización, investigación e comunicación”
Algunha novidade relacionada coa innovación que nos podas contar?
Temos aprobado un plan de innovación, coñecido como InnovaPEME, que está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación -GAIN – e que abrangue varias liñas de traballo: Consolidar a área de I+D+I, acadar avanzados protocolos de seguridade alimentaria, protexer as marcas a nivel internacional e traballar en alternativas de envases sustentables e a economía circular.
Con que recoñecemento vos quedades do 2019?
Claramente cun que nos concedeu o Concello de Chantada. Foi o “XXI Billó de Ouro” en decembro do pasado ano. Un recoñecemento institucional do concello onde traballamos e que nos deu gran satisfacción.
Esta fin de semana será a Feira do Viño en Chantada. Estades presentes dalgunha maneira?
Non directamente, pero estarán as galletas mariñeiras grazas aos adegueiros que as poñerán como acompañamento dos viños.