Na aldea de Ferreirós de Abaixo, entre Folgoso e Seoane, atópase este orixinal Bar-Terraza no que a madeira en estado puro é a protagonista grazas á man e ao instinto artístico de Manolo Álvarez.
O Pontón é un lugar con encanto no que tomar algo convértese nunha experiencia etnográfica e artística pola beleza plástica do mobiliario de madeira traballada de forma artesanal respectando as formas que lle outorga a propia natureza. O boca a boca fíxoo tan popular e coñecido que recibe visitas de xente de todo o mundo. Por aquí ten pasado xente de China, Xapón, Alemaña, Nova Zelanda, de EE. UU… Así mo confirma Manolo pero tamén dá fé o propio libro de visitas que hai nun recuncho do bar, con dedicatorias de visitantes nacionais e internacionais que quedan abraiados tras coñecelo.
Manolo Álvarez naceu en Ferreirós de Abaixo, e cando dicimos naceu é literal, na casa familiar. Nesta aldea viviu a nenez e a adolescencia sendo feliz cos traballos da casa, xogando cos amigos e gozando do río cos baños no verán e indo pescar troitas cando daquela había a moreas. Con 17 anos fixo as maletas para ir a Barcelona, lugar escollido por ter alá familia, pero que non sería o seu único destino como emigrante. Cóntame que tamén estivo en Ibiza, nas Canarias, Mallorca, Inglaterra e Alemaña, pero remarca que o sitio onde máis a gusto se atopou foi sempre Barcelona.
Manolo recoñece que levaba moi ben o de vivir rodeado de xente, que lle encantaba a noite e socializar pero deu o cambio, empezou a decatarse de que estaba farto de cidade.
Pero chegou ese momento que ás veces se lle presenta a moitos/as galegos/as na emigración, a idea do retorno. Manolo recoñece que levaba moi ben o de vivir rodeado de xente, que lle encantaba a noite e socializar pero deu o cambio, empezou a decatarse de que estaba farto de cidade. Chegado ese punto, no ano 1996, volveu ao seu Ferreirós de Abaixo natal coa intención de montar unha casa de turismo rural e unha terraza-bar como complemento á vivenda residencial, xusto nunha época na que empezaba a ser un nicho de mercado esta opción emprendedora. Ao final, a casa non saíu adiante pero o bar si e apostou por el acondicionándoo pouco a pouco ata darlle unha personalidade que o foi convertendo nun lugar xa emblemático do Courel.
Vendo o mobiliario e a decoración, singulares, orixinais e irrepetibles, fan pensar que todo é obra dun artista, pero Manolo quítase mérito. Non se recoñece nin como ebanista, nin como decorador, nin como escultor… Pregúntolle se de pequeno xa tiña traza e boa man para estas cousas e xa me dá pistas recoñecendo algo: “meu pai levábame á fragua e cando se despistaba eu xa estaba a paus no ferro, tamén facía carros e bicicletas de madeira. Dábaseme ben facer ‘carretos’, o que antes eran as carrilanas. Tiña talento e ganas para facer estas cousas pero o meu pai non me deixaba moito…”. Deducimos, pois, que de pequeno xa apuntaba un gran potencial creativo, potencial que reprimía en parte o seu pai ao non deixarlle facer nada coas táboas, pois daquela non eran tempos de abundancia e seguramente había que reservalas para cousas da casa e non para xoguetes. “Eu facía cousas a escondidas… pero meu pai sempre me pillaba”, dime tamén Manolo.
“Meu pai levábame á fragua e cando se despistaba eu xa estaba a paus no ferro, tamén facía carros e bicicletas de madeira. Dábaseme ben facer ‘carretos’, o que antes eran as carrilanas. Tiña talento e ganas para facer estas cousas pero o meu pai non me deixaba moito…”
Pregúntolle tamén onde se inspira para crear ese mobiliario tan singular e orixinal, de onde saca as ideas para facer as mesas, escanos, lámpadas, cancelas e todo, en fin, canto decora O Pontón. “Supoño que me inspirou todo o que teño visto polo mundo adiante, en Alemaña por exemplo lembro ver moito arte, ou un escultor moi bo que hai en Balboa… pero ao final a propia natureza xa che di o que podes aproveitar e o que pode saír da madeira”, confésame Manolo.
“…ao final a propia natureza xa che di o que podes aproveitar e o que pode saír da madeira”
En relación a esta última reflexión cóntame unha anécdota. Nunha ocasión pasou tres anos vendo unha peza de madeira tirada nun camiño, mirábaa e non lle acababa de ver o xeito. Pasado ese tempo, e cando xa estaba na casa para picala para leña, foi cando viu que a peza non podía ir para queimar. Aquel anaco de madeira acabaría sendo un dos enxebres escanos que hai hoxe no bar.
Cómpre dicir que a materia prima de todo o mobiliario do Pontón procede de árbores sen vida, queimados nalgún incendio, caídos ou secos. Despois, a intuición e a man de Manolo dálles unha nova vida, unha utilidade práctica e moi estética, tendo casos de xente que se namora literalmente dalgunha peza ata o punto de querer mercala. “Eu non son dos que fai e vendo, aínda que teño vendido e tamén teño feito algún encargo”, dime Manolo. E engade, “ou regalo, ou cobro, pero cando vendo non cobro barato. E encargos, o último que fixen tardei 3 anos e foi por un compromiso cun amigo de Coruña”.
“Eu non son dos que fai e vendo, aínda que teño vendido e tamén teño feito algún encargo”
O Pontón semella unha pequena galería de arte pero é unha terraza-bar que empezou dedicándose a dar copas e pouco a pouco foi ofrecendo algo de picar para que a xente aguantase máis tempo. Dende hai un tempo ofrece para comer, ademais dalgún entrante de embutido e queixo, carne á pedra natural, sen conxelar, e dúas sobremesas con produtos da zona. “Hai xente que me critica porque só ofrezo un prato (risas) pero non somos un restaurante, somos unha terraza-bar e chéganos con esta oferta”, explica Manolo ao tempo que nos lembra que agora leva o negocio a súa filla e el está de acompañamento, para facer mandados, falar coa xente, etc.
Todo en xeral abraia e enche o ollo, cada recuncho sorprende. Hai 5 anos gañou espazo cunha ampliación na que destaca unha zona zen cun chorro de auga que vén dun regato, un escano tipo diván e unha terraza de madeira en altura con mesas, cadeiras e escanos. Os dous WC, de homes e mulleres, son tamén espectaculares. O de mulleres está dentro dun bocoi de viño e no de homes destaca, por sinalar un detalle, un lavabo feito cunha pedra de cuarzo que foi buscar a Formigueiros este artista de Ferreirós de Abaixo.
Rematamos a conversa comentando como é a vida no rural e como ve ao Courel. Manolo está feliz de vivir no rural e no Courel pero láiase recoñecendo que “está todo por facer, se estivese coidado como calquera pobo de Asturias daría 80 postos de traballo, temos un patrimonio incrible que ninguén valora”.