Malditos Roedores, un grupo que tan axiña interpreta o “licor do negro café” coma o “Mr Sandman”

A Asociación Cultural Rúa da Música de Sarria fixo posible que xermolara este proxecto musical, de estilo heteroxéneo pero con tendencia a virar cara a música soul e negra en xeral. Falamos con Nerea, unha das compoñentes da formación.

Malditos Roedores. Foto cedida polo grupo.

Malditos Roedores é un grupo vocal que naceu en Sarria hai dous anos froito de coincidir na asociación “Rúa da Música” tres músicas e un músico. No 2018 empezaron na formación Noe González, Olalla Losada e Nerea Iglesias e pouco tempo despois chegou Borja López. Os catro son orixinarios desta vila.

Definen o seu estilo como “heteroxéneo, que vai dende o soul, o rock e o blues ata o swing e o jazz”. Un xeito de vivir a música e interpretala que fai posible que tan axiña interpreten o festeiro “licor do negro café” como o mítico “Mr Sandman”. Á hora de versionar creando eles unha nova letra atrevéronse no confinamento co seu “Xa non podo coa COVID” sacado a partir do “No puedo vivir sin ti” dos Ronaldos.

Coñecemos máis detalles desta nova proposta musical que aposta pola combinación de tres voces femininas e o encanto da guitarra de Borja López da man de Nerea Iglesias.

Por que ‘Malditos Roedores’?

O nome foi idea de Noe González en referencia a unha serie de debuxos animados da infancia de moitos, “Pixie y Dixie”,  na cal se dicía “¿Dónde están esos malditos roedores?”. Ademais, tendo en conta que o alcume cariñoso que ten o noso local de ensaio é “As ratas”, tamén é unha pequena homenaxe á Asociación Rúa da Música da cal formamos parte todos e pola cal nos puidemos coñecer.

Cando naceu o grupo e con que obxectivos a medio prazo?

O grupo naceu en 2018 grazas á idea conxunta e posta en común de Olalla, Nerea e Noelia por formar un grupo principalmente vocal, xa que na nosa zona este tipo de formacións aínda son escasas. O obxectivo foi dende un primeiro momento ensaiar para ir creando o repertorio e poder dar concertos pola contorna.

Que xéneros musicais entran no voso repertorio? Xéneros que axudan a potenciar as vosas voces, quizais?

Tendo en conta que no noso repertorio contamos con temas como “Licor do negro café” ata “Mr. Sandman”, non é sorprendente afirmar que nos movemos entre xéneros moi amplos, dende a música negra de Stevie Wonder e Amy Winehouse, ao rock dos Beatles, a canción brasileira, o pop nacional e incluso a música en galego. Porén, é certo que quizais os temas que máis desfrutamos ou que pensamos que neles podemos destacar máis son todos os que teñan certa tendencia de soul ou música negra en xeral.

“Non é sorprendente afirmar que nos movemos entre xéneros moi amplos, dende a música negra de Stevie Wonder e Amy Winehouse, ao rock dos Beatles, a canción brasileira, o pop nacional e incluso a música en galego”

Preferencia polas versións e/ou polos temas propios?

De momento só nos atrevemos a versionar creando unha nova letra do “No puedo vivir sin ti” dos Ronaldos chamada “Xa non podo coa COVID”, xa que o confinamento sacou á luz a nosa creatividade. Se ben é certo que os temas propios dan unha riqueza a calquera formación, tamén consideramos que cada un dos nosos temas son interpretados dunha forma única dándolles o noso toque que os fai especiais e únicos en si mesmos, co cal achéganse en ocasións ó que sería un tema propio. En canto a crear temas propios de 0, de momento non é algo que plantexaramos, pero nunca se sabe se nun futuro poda xurdir.

Algún grupo galego e/ou nacional de influenza?

Esta é unha pregunta difícil, xa que temos moitos grupos influintes.  Por un lado, grupos galegos como, por exemplo: Leilía, Berrogüetto, Coro da Rá, Sisters in the House…. Logo tiramos máis pola música internacional, pero xa en estilos. O jazz, swing, blues ou rock, bossa nova, etc. dependendo na maior parte dos temas máis que dos autores, xa que son standards, e cada quen versiona eses temas de maneiras propias. Beyoncé, Michael Jackson, Tom Jobin, Cristina Aguilera…. son cantantes que nos definen nos “temazos” que buscamos. 

“Cremos que a xente de momento ten medo aínda que se habiliten espazos abertos e cumprindo con todas as normas de hixiene e seguridade”.

Ano atípico e raro como non se lembra na historia. Como vos está afectando para ensaiar e para pechar bolos?

A verdade este ano está sendo moi duro para calquera formación ou músico, xa que en primeiro lugar tivemos que paralizar os ensaios durante meses e Borja había pouco que se unira a nós, co cal isto retrasou os nosos plans. Máis adiante, cando aínda o noso local de ensaio non estaba aberto para os ensaios optamos por reunirnos nós en casas que temos nos pobos para así poder contar con espazos de ensaio cumprindo coas medidas de seguridade. Á hora de pechar bolos está sendo moi difícil, xa que algúns que tiñamos pechados fóronse cancelando debido ós rebrotes puntuais que se dan nalgunhas zonas, e en xeral as contratacións estanse facendo moi a última hora cando nunha situación de normalidade se fan con bastante máis tempo. Con isto cremos que a xente de momento ten medo aínda que se habiliten espazos abertos e cumprindo con todas as normas de hixiene e seguridade.

Que significa para vós a ‘Rúa da Música’ de Sarria?

Para nós a Rúa da Música foi en primeiro lugar a “culpable” de que nos coñeceramos, porque a pesares de ser todos de Sarria, antes de entrar na asociación non tiñamos trato entre nós, polo que sempre estaremos agradecidos por isto. Ademais, como pulmón da esfera musical sarriá, é un orgullo poder contar cun espazo e unha comunidade na que a música teña un papel tan importante, na que nunha situación de normalidade se leven a cabo concertos asiduos, jam sessions, ensaios diarios e unha variedade de formacións musicais moi grande. Pensamos que non só para os integrantes da Rúa é un orgullo contar con semellante iniciativa, senón tamén para o pobo de Sarria en xeral, xa que de feito moitas persoas que non son de aquí sorpréndense coa existencia desta aposta cultural tan potente.

“Pensamos que non só para os integrantes da Rúa é un orgullo contar con semellante iniciativa, senón tamén para o pobo de Sarria en xeral”

Proxectos inmediatos ou a medio prazo? Compoñer máis, gravar algún disco…?

Agora mesmo, e dada a situación especial que vivimos, o noso obxectivo é facer bolos e volver a desfrutar co público, que é o que nos anima a seguir e o que máis botamos de menos. Deste xeito, tamén podemos contribuír a recalcar a idea de que a cultura pode ser un espazo seguro sempre e cando se cumpran as medidas necesarias, polo que tamén reclamamos o apoio das institucións e do goberno co sector cultural que tanto nos axudou a sobrelevar o confinamento, demostrando que a música e outras artes son vitais.

“Agora mesmo, e dada a situación especial que vivimos, o noso obxectivo é facer bolos e volver a desfrutar co público, que é o que nos anima a seguir e o que máis botamos de menos”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here