HomeEn profundidadeA.V. do Saviñao, once anos loitando polo interese común dos veciños

A.V. do Saviñao, once anos loitando polo interese común dos veciños

Celia Ferreiro e Manuel Sarmiento falan da traxectoria deste movemento colectivo que demostrou estes anos a súa capacidade de traballo e compromiso para defender, ao marxe da política, causas xustas e conseguir melloras para o territorio e para a veciñanza.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Asociación Veciñal do Saviñao fundouse no ano 2009 co obxectivo de conseguir máis participación e implicación do tecido social na vida pública do concello. A entidade así creada, de marcado carácter ecoloxista e apolítico, nacía para defender, por enriba de todo, os intereses comúns da veciñanza e do seu territorio. Actualmente conta con 158 socios e socias.

Falamos con Celia Ferreiro, presidenta dende hai dous anos, e tamén con Manuel Sarmiento, Vicepresidente e voceiro da entidade. Celia naceu en Maceda, no Concello do Corgo, e emigrou a Barcelona onde residiu entre o 1970 e o 2005. Foi socia do Centro Galego de Barcelona máis de trinta anos e estivo na comisión de Cultura da entidade uns oito. No 2005 retornou, precisamente ao Saviñao, onde casou e xa fixou a súa residencia ata a actualidade.

Manuel Sarmiento, que tamén viviu a experiencia da emigración cos seus pais sendo moi novo, volveu ao Saviñao aos vinte anos e dende esa idade reside no concello.

Os dous coinciden que sempre é bo, como acontece no caso da Asociación Veciñal do Saviñao, estar ao marxe de partidos políticos para pedir melloras para o concello. E, en xeral, cren que o seu labor é recoñecido pola veciñanza e están orgullosos de causas defendidas e obxectivos cumpridos.

Cando lles preguntamos por proxectos realizados, dos que estean especialmente orgullosos, saen moitos de grande interese para O Saviñao, dalgúns deles facemos referencia a continuación.

Un deles foi, sen lugar a dúbida, a apertura dunha ruta de sendeirismo homologada de 36 quilómetros, coñecida como “Ruta da Ribeira Sacra do Miño” (PR-G162), que vai dende Santo Estevo de Ribas de Miño a Segade, na Cima de Atán. Os traballos comezaron no 2010 e remataron no 2013 tendo o percorrido vinte quilómetros que transcorren polo Concello do Saviñao e 16 que o fan polo de Pantón. Manuel Sarmiento comenta que “foi un dos retos máis esixentes pola duración e a complexidade. Tivemos reunións cos alcaldes dos dous concellos e curiosamente atopamos máis colaboración en Pantón que no Saviñao”. Neste senso, Sarmiento comenta que a día de hoxe, nos labores de mantemento, o alcalde de Pantón comprométese a limpar a parte da ruta que pasa polo seu concello, pero no Saviñao non, “dinnos que o van limpar e non o fan”. Segundo nos confirma, a limpeza desta parte realízana socios e socias da entidade. Tamén nos comenta Manuel Sarmiento que pediron que o Concello do Saviñao declarase esta ruta como “de interese municipal” e nin PP nin PSOE levaron o tema ao Pleno.

Unha das vistas da ruta en outono. Foto: A.V. O Saviñao

Outras accións das que presumen, relacionadas coa preservación medioambiental, foron a paralización da instalación dunha Minicentral Hidroeléctrica no río Sardiñeira e a presión para que a antiga Celega puxera unha depuradora e cesara a contaminación ao río Pesqueiras. A primeira foi no ano 2016, cando presentaron como asociación un extenso e argumentado escrito de alegacións para rexeitar a construción da minicentral acadando finalmente o obxectivo. En novembro do 2018 publicábase no BOE a extinción do dereito de aproveitamento do caudal do río Sardiñeira pola empresa Senercal. No caso das denuncias por verteduras ao río Pesqueiras, a primeira no ano 2016 ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), segundo conta Sarmiento, “foi un traballo moi comprometido, contamos coa axuda de 2 avogados e o tema chegou incluso ao Parlamento Galego, ao Congreso e ao Parlamento Europeo”. E engade “tivo tanta repercusión que fixo que finalmente accederan. A principios do 2019 construíron a depuradora”.

A Devesa de Escairón. Foto: A.V. O Saviñao

Tamén cómpre mencionar, en relación á recuperación patrimonial, os traballos para conseguir o acceso ao Dolmen de Abuíme e a protección da Devesa. No caso do dolmen, antes de poñerse co tema a asociación, só podía ser visitado co acompañamento dalgún veciño que coñecese o lugar, pero grazas aos seus traballos hoxe en día está debidamente sinalizado e accesible. A asociación contactou cos veciños no 2013 e conseguiu poñelos de acordo para permitir o paso, o Concello do Saviñao asumiu a limpeza, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra aportou sinais metálicas para colocar na estrada dende Escairón; e xa no 2014, con achegas voluntarias dos asociados, púxose unha sinalización con postes de madeira marcando o traxecto polo camiño cedido pola veciñanza. Respecto da Devesa de Escairón, dende o 2010 están traballando pola protección deste senlleiro enclave natural. Solicitaron á Xunta que se lle concedese a figura de protección “conxunto senlleiro” pero non saíu adiante. Con todo, seguen loitando por acadar algunha forma de protección institucional para garantir a súa conservación e evitar agresións que poñen en perigo a súa extensión e frondosidade.

Dolmen de Abuíme e sinalizacións. Foto: A.V. O Saviñao

En canto a proxectos de presente, Manuel Sarmiento enuméranos varios: proposta de sinalización, mellora e regulación dos accesos á Praia da Cova para evitar colapsos e accidentes; pedir que se considere O Saviñao como subzona diante dunha futura D.O. Aceite Galego; control e freo ás novas plantacións de eucalipto, pois non hai ordenanza municipal que prohiba a súa plantación -no 2016 o BNG do Saviñao levou o tema como moción pero non prosperou-; seguir solicitando a construción dunha residencia e facer seguimento da petición ao concello para que merque a antiga ‘Casa do Sindicato’ e a acondicione como local social e xuvenil.

No apartado cultural e de confraternización tamén teñen actividade. Realizan presentacións de libros, visitas culturais, andainas, etc. Celia, a presidenta, coméntanos que unha das actividades anuais máis importante é a “Baixada polos codos de Belesar”, un percorrido histórico-cultural que se fai en agosto e que achega aos participantes á cultura castrexa; coa presenza do Castro da Portela, á romana; cos vestixios da calzada empedrada dos Codos, do burgo e dos restos da ponte de Belesar, e á cultura medieval; co achegamento á igrexa románica de Diomondi descendendo polo Camiño de Inverno. Para promover a “Ruta da Ribeira Sacra do Miño” tamén teñen por costume facer camiñadas profesionais en primavera e outono, aínda que este ano por mor da covid non se puideron facer.

“Baixada polos codos de Belesar”. Foto: A.V. O Saviñao

ÚLTIMAS

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...