Alba Pérez é unha rapaza de Carballedo que comezou a traballar na hostalería no ano 2013, sendo aínda estudante. Segundo nos conta, fíxoo para “gañar uns cartiños, costearme os meus gastos e deixar de ser unha carga para os meus pais”.
Despois de traballar en varios locais de ocio nocturnos, e coller a experiencia necesaria, viu que era o momento de asumir novos retos e apostar por algo propio. Ese reto foi coller, no ano 2017, a xerencia do Pub Abrente e facer posible que a xente de Chantada quedase na vila nunha época na que a mocidade desprazábase a Ourense, Lugo ou Melide.
O ciclo de éxito no Abrente rematou este 2020, e a pandemia tivo moito que ver. Pasada a Feira do Viño de Chantada o horizonte do confinamento pintábase moi negro para a hostalería e Alba viu claro que era o momento de pasar páxina para encetar outro capítulo na súa vida. “Era o momento de soltar esa pequena parte da miña vida que era o Pub Abrente e apostar decididamente por a Comunicación e o Marketing, unha das miñas paixóns”, confesa. Coñecemos máis detalles desta emprendedora.
Que balance fas da túa traxectoria no Pub Abrente?
Pódese apreciar nas nosas redes sociais e incluso en noticias de prensa. Noites de cheo absoluto, xente desfrutando… para min, un oasis nunha pequena vila na que a noite xa non era a dos anos noventa ou dous mil. Ao Pub Abrente viñeron personaxes do mundo do espectáculo como Aída Nízar, Leticia Sabater ou Yola Berrocal que non deixaron a ninguén indiferente. O certo é que estes shows tiveron tantos seguidores como detractores, pero no fondo Chantada e o Pub Abrente foron noticia a nivel provincial e mesmo nacional. Sen ir máis lonxe, Leticia Sabater en prime time de Telecinco fíxose eco da súa actuación en Chantada no programa Sálvame Deluxe. Un éxito rotundo para a noite dunha pequena vila na que o hashtag #ChantadaMóvese foi un verdadeiro lema para o equipo de Pub Abrente.
A nivel persoal o Pub Abrente foi unha etapa marabillosa da miña vida. O meu primeiro negocio e sen dúbida, para min, un éxito rotundo. Foron 3 anos de moito traballo, aprendizaxe e experiencias que irán comigo alí onde vaia e ademais non é casualidade que a empresa de comunicación leve o nome de Abrente.
“A nivel persoal o Pub Abrente foi unha etapa marabillosa da miña vida”
Cando e por que decides deixar o mundo da hostalería?
Creo firmemente que a vida son ciclos, unhas veces escóllese o final e outras demándao a situación. É moi importante saber cerrar etapas e buscar novos retos. O que pode parecer un tópico, é o leitmotiv da miña vida.
No inicio da pandemia que estamos a sufrir, aló polo mes de marzo, viñamos de cerrar unha Feira do Viño 2020 cuns números espectaculares e unha semana despois chegou o confinamento total cun claro cambio de escenario para a hostalería, e sobre todo para o tipo de local que eu rexentaba.
Na incerteza de ERTES, datas de reapertura no aire e demais situacións fácticas do momento, decidín en xuño que era o momento de soltar esa pequena parte da miña vida que era o Pub Abrente e apostar decididamente pola Comunicación e o Marketing.
Por que Comunicación e Marketing?
Pois porque, ademais dunha paixón, supoñía desempolvar a miña titulación de Técnico Superior en Comunicación e Marketing, permitíndome optar por esa vía e profesionalizar unha das miñas afeccións que ademais viña poñendo en práctica durante os anos que xestionei Pub Abrente.
Como está sendo esta aventura emprendedora? Van saíndo as contas?
Francamente o balance destes meses, a pesar da situación que estamos a vivir, é moi bo. Actualmente estou xestionando numerosos perfís de redes sociais de empresas de todo tipo de sectores cunha acollida moi boa.
O modelo de negocio de Abrente Comunicación é sinxelo baseándose na xestión de redes sociais personalizada a prezos moi competitivos, ademais doutros servizos que ofertamos na nosa páxina web. Non obstante o noso forte é a xestión de contas en redes. Buscamos unha diferenciación máxima coa competencia dos nosos clientes, creando experiencias diferentes na rede o que leva a xerar o interese do gran público polos produtos que ofrecemos.
“O noso forte é a xestión de contas en redes”
Se a demanda de servizos por parte dos nosos clientes segue escalando, é máis que probable que para o próximo exercicio económico se incorpore novo persoal a Abrente Comunicación.
De Chantada para o mundo á hora de conseguir clientes ou estaste centrando de momento en autónomos e negocios da contorna?
Os pequenos negocios da contorna son básicos para Abrente Comunicación. Gústamos colaborar co pequeno comercio, sobre todo polo situación actual, xa que están a pasar uns momentos complicados, e é un pracer poder contribuír a paliar as dificultades co noso traballo. Non obstante, tamén xestionamos contas de empresas, entes ou organizacións que nada teñen que ver coa nosa contorna pero que tamén forman parte da nosa carteira de clientes.
“Gústamos colaborar co pequeno comercio, sobre todo polo situación actual, xa que están a pasar uns momentos complicados”
Pódese dicir que un dos nosos piares fundamentais é a transversalidade do proxecto e así poder chegar a tódolos públicos a través de xestores de contas especializados para cada sector de actividade, independentemente da ubicación da empresa.
Resulta difícil facerlle ver aos clientes o valor dunha boa comunicación e dunha boa xestión de redes sociais?
Esta é unha pregunta moi axeitada e sen dúbida de gran interese para o noso sector. Creo que no momento no que nos atopamos, de dixitalización absoluta, a xente vai tomando conciencia do importante de chegar ao gran público dunha forma profesional e directa. Vemos a diario como políticos, empresarios e personalidades de todos os eidos se comunican directamente a través dos seus perfís para entregar unha mensaxe de primeira man, sen intermediarios. Isto pódenos dar unha idea do importante que é saber comunicar correctamente e proxectalo adecuadamente en redes.
Para toda actividade que se leve a cabo, unha boa comunicación e unha correcta xestión dos perfís é básica para chegar ao público obxectivo. O exemplo é claro, antigamente se querías montar unha tenda física tiñas que facelo nunha rúa concorrida, con moito tránsito peonil e cun escaparate chamativo. Hoxe en día, e a través das redes sociais, dende un pequeno pobo da provincia de Lugo podes chegar ao mundo e que ese escaparate, que deseñas con tanto esmero, sexa visible no outro lado do mundo. Iso é basicamente o poder das redes sociais e de Internet.
“Unha boa comunicación e unha correcta xestión dos perfís é básica para chegar ao público obxectivo”
Cóntanos o mellor e o peor (se o hai) da túa traxectoria como autónoma no rural.
Ser autónomo ou ter unha empresa creo que non é fácil en xeral, nin no rural nin nunha cidade. Non obstante, creo que no rural as cousas complícanse un pouquiño máis pola paulatina perda de poboación e servizos.
Francamente, no meu caso creo no romanticismo de ser o teu propio xefe e desenvolver proxectos aquí, na terra. Dende a hostalería como extra, como autónoma ou como CEO de Abrente Comunicación creo no traballo no rural. O mellor que me proporcionou ser autónoma no rural é o contacto coa xente, os meus equipos de traballo e sobre todo, colaborar na dinamización do tecido empresarial da contorna. Necesitamos empresas, autónomos e emprendedores que se plantexen un proxecto de vida e negocios no rural e creo que as administracións deberían traballar nese senso.
“Creo no romanticismo de ser o teu propio xefe e desenvolver proxectos aquí, na terra“
Algún proxecto ou experiencia profesional que queiras destacar?
SacraExperience, por exemplo. É un proxecto que ofrece experiencias na Ribeira Sacra dende a aldea do Pincelo, en Belesar. Experiencias relacionadas co turismo e as estancias activas -obradoiros, eventos, Sacra Festival- nunha contorna espectacular. Coñecín a Carlota, a xerente, o día da inauguración. Pregunteille quen lle levaba as redes sociais, e como me dixo que ninguén, xa me ofrecín eu e ata hoxe.