HomeEn profundidadeClaudio Garrido: "Aquí agora hai un despacho grande desanxelado ao que lle...

Claudio Garrido: “Aquí agora hai un despacho grande desanxelado ao que lle falta calor humano”

"Volvemos ao orgullo de ser sarrián, adquirimos a antiga industria da Feculera para crear alí un espazo cultural e de lecer. Adquirímolo e estamos a traballar en facer un plan director do que vai haber alí, un auditorio, talleres culturais,...", afirma o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, ao preguntarlle polos proxectos do concello para este 2021.

Publicado o

- Advertisement -

Pasado máis dun ano desde que se decretou a corentena, falamos co Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, para coñecer como se viviu este período no concello de Sarria e que proxectos ten o concello para este 2021.

Como se sentiu como alcalde co decreto da corentena? 

Inicialmente con bastante preocupación, con moita responsabilidade. Un tema descoñecido e é moi difícil de valorar cal é a implicación que ten que ter o concello, ata onde chega,… Ao principio todos estabamos co tema de non tocar, o contacto que podía haber directo coa xente, as superficies,… O concello ten unha responsabilidade moi grande, vías e espazos públicos, parques,… Obrigábanche a tomar medidas moi drásticas a nivel do persoal municipal como servidores públicos, había que diferenciar os servizos básicos dun concello dos servizos que son prescindibles. Tomáronse medidas de hixiene e protección persoal. Nas oficinas centrais fíxose un control de atención ao público optando polo teletraballo e tentando velar pola autonomía de cada traballador. 

A nivel xeral houbo unha responsabilidade importante da xente de Sarria, con cumprimento das normas e a incidencia no municipio durante toda a pandemia foi moi baixa e xa non só polo número, se non que foron focos moi localizados. Sempre se puido facer un seguimento importante a todos os niveis. No sector escolar a incidencia foi moi baixa. Aquí houbo un bo comportamento da normativa por parte da cidadanía e un esforzo importante por parte do concello e todo o seu persoal.

Que pensa o alcalde a medida que foron pasando os meses?

O alcalde e os concelleiros, pero sobre todo o alcalde é a persoa que tes máis directa para dicirlle que hai que facer, como podemos superar isto. Entón é un momento de moita responsabilidade. Eu tomei a decisión de todos os días estar aquí á fronte do concello para desde aquí dar confianza á xente, o peligro estaba aí, pero había que ser o que somos, servidores públicos, xente que dependía do que nós fixésemos redobrando un pouco e insuflando ese espírito de dar seguridade. Se ti ves que as persoas ás que lles toca dirixir dan a cara, inspira confianza. Tomar medidas e seguir facendo as cousas. Imaxino que se faría en todos os sitios, pero aquí decidimos liderar o enfrontamento á pandemia con responsabilidade e sendo un exemplo para os demais do que se debe de facer ante unha pandemia.

“Aquí decidimos liderar o enfrontamento á pandemia con responsabilidade

De novo na alcaldía tiña dito que se atopara cun concello desestruturado no funcionamento interno, isto supuxo un problema para afrontar a pandemia ou as augas volveron ao seu leito?

A nivel económico-administrativo era un concello moi desestruturado e aínda hoxe segue con certa desestruturación que nos condicionou un pouco coa pandemia. Gustaríanos tomar algún tipo de medida dirixida a axudas directas a sectores como a hostalería ou o comercio en xeral. Gustaríanos poder, pero seguimos cunha situación económica na que non temos orzamento aprobado. Non temos maioría, o diálogo é difícil porque hai dificultades para chegar a acordos e iso supúxonos unha dificultade para afrontar iso que queríamos.

Tomamos medidas de carácter xeral que podían facilitar a desescalada primeira. Pódese axudar con axudas directas? Si, pero non era viable para o concello polas circunstancias económicas e a desestruturación orzamentaria e optamos por facilitar que os sectores puidesen traballar en mellores condicións. Colaboramos na desinfección e garantía sanitaria de rúas e de todos os locais de hostalería e comercio en xeral, para poder dar seguridade e que puidesen seguir traballando. Facilitouse o poder saír á rúa e suspendemos as ordenanzas de terrazas e ocupación de espazos públicos e facilitamos que puidesen estender as súas terrazas para poder traballar. A nosa misión era que a xente puidese seguir mantendo a actividade e paliar un pouco os efectos da crise, que houbese achega municipal ao espírito de poder seguir traballando.

Tomamos medidas de carácter xeral que podían facilitar a desescalada primeira

Claudio Garrido / Cedida

Cal foi o mellor e o peor momento deste tempo?

O peor cando tivemos o problema da residencia e o CAPD. Foi moi duro porque non foron só os usuarios, era tamén a xente que traballa alí e que vive e convive en Sarria e é duro porque pensas isto esténdese e non hai maneira de controlalo, hai que apelar ao factor sorte. Na residencia era moi descorazonador despois de pasar un ano sen nada, despois do vacinado había unha esperanza de que a xente volvese a reencontrarse coas familias. Que viñese un pau tan grande como ese, que a maior parte dos residentes fosen positivos, que houbese 10 falecementos é moi triste e moi duro. Co esforzo de todos conseguiramos chegar ata aquí e pasaba isto. 

Nos momentos máis difíciles había as persoas adecuadas e as persoas dispostas voluntariamente para axudar no que fixera falta

O positivo, comprobar un grao importante de responsabilidade e de bastante solidariedade dos colectivos que tiveron que estar como servidores públicos. Nos momentos máis difíciles había as persoas adecuadas e as persoas dispostas voluntariamente para axudar no que ficera falta. Iso viuse cando se ía levantando a desescalada como a xente participaba dos eventos con toda a concienciación necesaria e a responsabilidade.

Coa pandemia houbo proxectos importantes que estiveran previstos e non se puideran levar a cabo, ou nota o alcalde que tivera feito algo que non puido facer?

Non, administrativamente houbo unha paralización cos consecuentes atrasos. Toda a maquinaria burocrática parace que se parou no tempo por 2, 3 meses, despois ía retardada e si houbo unha retardación dos proxectos. Aí cambiamos a escala de valores, pasamos de ter uns valores de planificación e organización a unha etapa de subsistencia, de mellora, de autocontrol. Prazos que terminaban a finais de marzo foron trasladados ata que chegou a desescalada.

A pandemia fíxolle cambiar algo da súa rutina diaria como alcalde? 

Totalmente, para min unha das cousas fundamentais da alcaldía é o contacto directo coa xente e agora perdeuse totalmente. No concello temos limitacións desde o principio respecto ao trato persoal. Por exemplo, desde que comezou a pandemia non viaxei a Santiago a ningunha reunión cunha consellería ou cunha dirección xeral. Todas reunións telemáticas, pero falta o contacto. Todos os eventos institucionais que se foron suspendendo dalgunha maneira. 

“Para min unha das cousas fundamentais da alcaldía é o contacto directo coa xente e agora perdeuse totalmente

Noteino no trato diario, a figura do alcalde é unha figura conciliadora á que os cidadáns recorren un día si e outro tamén. Aquí agora hai un despacho grande desanxelado ao que lle falta calor humano, esa persoa que ten que vir tanto para encomios como para críticas. Substitúese na rúa dalgunha maneira, pero non podes facer reunións con veciños. Temos 52 parroquias e cada pouco iamos polas parroquias reunindo aos veciños e agora é do traballo á casa e de casa ao traballo, non hai termo medio, é un cambio moi grande porque a figura do alcalde é iso, o contacto directo coa xente

Peregrinos Sarria / vivecamino.com


Hostalaría e comercio vanse a ver resentidos por todo o que está a pasar. Teme polo futuro destes sectores en Sarria? 

Nun concello como o Sarria co auxe que foi collendo nas últimas décadas o Camiño de Santiago, a construción e a promoción en Sarria foi derivando cara ao Camiño de Santiago. Temos unha oferta hostaleira e de pensións e albergues con preto de 3000 prazas e levamos un ano, que a excepción do repunte de xullo e agosto, resentiuse. Pero o Camiño de Santiago é histórico, xera esperanza porque coa vacinación comeza a haber certo repunte e dá moita esperanza á xente do sector. O camiño ten máis motivacións que o aspecto lúdico e a pandemia xera máis interese polo camiño polo que supón para o peregrino camiñalo.

Falaba antes das complicacións de gobernar en minoría. Esperaba un escenario tan complicado? Como son as relacións institucionais coa Xunta e coa Deputación?

As relacións institucionais son moi escasas, somos un grupo veciñal independente sen ningunha vinculación política cos partidos no ámbito de representación autonómico, por tanto non está a haber vínculo directo. A pandemia fai que a relación sexa menor, teñen que ser cuestións moi directas, moi claras. Non hai esa defensa do proxecto, o contacto directo coas autoridades fai que eles teñan coñecemento do que pasa en Sarria, esa relación perdeuse e é moi difícil. Segue habendo axudas e subvencións a cousas moi concretas, pero teñen que ser moi concretas e contar coa receptividade. Non podes traballar, antes a función dun goberno, dun alcalde, era traballar certos temas coas institucións e co trato podías ir sacando proxectos, agora cunha reunión telemática é moi difícil e adeus, adeus; dáslle a un botón e acabouse a relación institucional. Coa deputación si teño máis afinidade pola miña procedencia dos partidos que están aí gobernando, pero non hai a relación de proximidade que tiñamos antes, de ir comer e charlar. España somos un país de sobremesa e na sobremesa fanse os grandes negocios. E agora é un hándicap

Coa deputación si teño máis afinidade pola miña procedencia dos partidos que están aí gobernando, pero non hai a relación de proximidade que tiñamos antes, de ir comer e charlar

Despois de máis dun ano de coronavirus, que lle diría á veciñanza de Sarria? Como quere que se sintan os seus veciños e veciñas?

Todos pretendemos ter un pobo que crea nas súas esperanzas de futuro, ter credibilidade e confianza. Que sexa un pobo xusto, solidario, que vexan que desde o poder local hai xustiza social, solidariedade, que saibamos entender o que é a convivencia cidadá e, sobre todo, transmitir alegría. Os pobos teñen que ter confianza e alegría para poder transmitir esa confianza da colectividade. O pobo ten que ter uns obxectivos e nós planificar o futuro, crear unha esperanza, que todos nos sintamos orgullosos de estar en Sarria, de saír á rúa, de falar cos veciños. Crear ese marco de convivencia en que as institucións (o concello) poida transmitir iso. Queremos que a cultura siga, que o deporte sexa a práctica do benestar e a saúde para todos os cidadáns,… O maior logro que podemos ter é sentirnos orgullosos de vivir no noso pobo e poder presumir del e ensinalo. O máis importante que ten un pobo son as valores que transmitimos de cidadanía.

“O pobo ten que ter uns obxectivos e nós planificar o futuro, crear unha esperanza, que todos nos sintamos orgullosos de estar en Sarria, de saír á rúa, de falar cos veciños”

Ponte Ribeira / turismo.gal

Vai haber proxectos importantes para o concello neste 2021? 

Sarria ten débedas históricas que son moi difíciles de ir solucionando. Hai unha débeda histórica coa ponte no camiño de Santiago, a ponte Ribeira, que é fundamental. Estamos a piques de iniciar as obras con todos os problemas que houbo e iso si daría orgullo de pobo, de ter resolto un problema importante. 

Volvemos ao orgullo de ser sarrián, adquirimos a antiga industria da Feculera para crear alí un espazo cultural e de lecer. Adquirímolo e estamos a traballar en facer un plan director do que vai haber alí, un auditorio, talleres culturais,… Este é un obxectivo fundamental e hai outro gran obxectivo, temos dous ríos no centro urbano e queremos centrarnos nos ríos, a auga, o medio ambiente, no que supón como contorna que a veciñanza valora.

E o Camiño de Santiago debe presidir o tema porque Sarria é dos sitios máis importantes no Camiño de Santiago a nivel patrimonial e histórico, pero queremos que sexa o referente do Camiño de Santiago a nivel de xerar esa mestura de culturas que é o camiño. Queremos que Sarria saiba aglutinar todo iso e niso estamos co centro de interpretación do camiño. Eses obxectivos son fundamentais. Imos xerar cuestións que esperten ilusión na xente como é a planificación do futuro, non a planificación do día. 

Desaparece o coronavirus. Que é o primeiro que faría Claudio Garrido?

Abrir as portas do concello e do despacho da alcaldía e poder ver a toda xente que teña algo que dicir e algo que achegar. A partir de aí empezar a facer festas de comunicación colectiva, unha obra de teatro, a semana da maxia…Que poidamos compartir os valores que ten un pobo que son os valores da solidariedade e o compañeirismo.

Iso é o que máis se está botando en falta, vese a soidade. Vou á residencia de anciáns e o máis duro é ver a todas as persoas maiores alí soas, sen ese calor humano, agora empezan a recibir visitas. Nos pobos agora mesmo fáltanos calor humano, fáltanos ese abrazo, ese achegamento. O que máis faríamos desde o concello sería impulsar que toda a xente poida ter un contacto directo tanto nas parroquias como co propio pobo.

“Nos pobos agora mesmo fáltanos calor humano, fáltanos ese abrazo, ese achegamento”

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...