Sara Iglesias estivo vivindo en Vigo ata os 32 anos e estudou Belas Artes na cidade de Pontevedra. Non coñecía Quiroga nin o Courel ata que chegou a estas terras de vacacións coa súa parella alá polo ano 2001.
Tanto lles gustou a zona que estiveron mirando e preguntando en varias aldeas por casas para mercar –A Cruz de Outeiro, O Mazo, Soldón…– E por estes casuais da vida, nunha parada técnica para mexar, o compañeiro de Sara mirou monte abaixo e viu unhas casas no fondo, no medio do monte e cunha fiestra azul que destacaba. Propuxéronse atopar a aldea e non só chegaron a ela se non que deixaron recado a un veciño para que os avisara se había algunha casa á venda. Ao pouco tempo, ese contacto díxolles dun sequeiro e acabaron mercándoo. “Namorámonos do sitio e arriscámolo todo”, di Sara. A aldea en cuestión chámase ‘A Casa do Vello’ e pertence ao Concello de Quiroga.
“Namorámonos do sitio e arriscámolo todo”
Do 2002 ao 2005 dedicáronse a transformar o sequeiro en casa e durante as obras tiveron que vivir nunha tenda de campaña. Foi un momento duro, pois entre Sara e a súa parella tiveron que facer case todo. “Aprendemos albanelería, fontanería, de todo… e acababa rendida, ata se me durmían as mans algúns días”, relata a entrevistada.
Contenta coa decisión tomada? –pregúntolle– “Si, tiña moi claro que en Vigo non quería ter fillos e Vigo non escapa, podo ir cando quero”, foi a súa concreta e directa contestación.
Así as cousas, e rematada a casa no 2007, tiveron o primeiro fillo e dous anos despois o seguinte.
A Casa do Vello está a uns 15 quilómetros de Quiroga e hai un tramo de 6 con pista de terra, sendo esta aldea un punto de final do camiño. Alí están só eles e un veciño que adoita ir a fin de semana.
Sendo pintora de formación e de vocación, entendo que nestas circunstancias é moi difícil, por non dicir imposible, vivir do arte –nunca mellor dito–. Segundo nos explica Sara, dá clases de pintura en Quiroga e en Ribas de Sil, concellos que lle ceden instalacións para poder ofrecer esta formación en diferentes momentos do curso a cativos e cativas pero tamén a xente maior. Tamén fai traballos por encargo e na actualidade está explorando posibilidades de impartir clases en concellos máis grandes como Monforte, intentando chegar a centros cívicos, centros sociais, asociacións, etc.
FALANDO DE PINTURA
Cando lle preguntamos a Sara Iglesias polo seu estilo artístico o primeiro que nos di é “un crítico de arte díxome que era naíf”, un estilo artístico que naceu a principios do século XX e que se caracteriza, entre outras cousas, polo autodidactismo, a inxenuidade, a espontaneidade e as cores brillantes e contrastadas.
“Un crítico de arte díxome que era naíf”
Ao marxe desta etiqueta que lle puxeron, coméntanos que o que lle gusta é “representar e interpretar personaxes que lle atraen, persoas marxinadas… e expandir a través da pintura o seu mundo interior”. Identifícase coa pintura impresionista e fauvista contándome ademais que agora está a facer cadros por fragmentación, combinando materiais e técnicas para enriquecer a obra final. Entre os materiais cos que traballa está a área, esmaltes de unllas ou incluso maquillaxe.
Cando lle pregunto por referentes artísticos, no apartado de contemporáneos quédase con Bacon, Basquiat, Frida Kahlo e Gustav Klimt; e por citar algúns actuais fálame de Elena López de Soria, Mercedes Moledo, Madame Destino ou Charly Verger.
MOTIVACIÓNS NA OBRA PERSOAL
Pero volvamos ás motivacións desta autora plástica que cambiou Vigo por unha aldea envolta pola natureza e case deshabitada.
Resúltame curioso e paradóxico que Sara, rodeada de natureza e lonxe do mundo urbano do que fuxiu, recoñeza que a cidade é unha das súas fontes principais de inspiración. Velaquí a súa explicación: “Estou rodeada de natureza limpa, amo a natureza, dáme paz, tranquilidade e harmonía, todo o que non me dá a cidade para estar ben. Pero na miña obra persoal o que máis me preocupan son as persoas, interésame a xente da urbe, o seu mundo interior, por que está como está? …e aí é onde me gusta traballar”.
Aínda que lle gusta pintar paisaxes, o que máis lle inspira é a vida interior das persoas, o seu mundo interior, para despois expresalo a través da propia intuición nos seus cadros.
Paisaxe “Presencia y ausencia” “No me mires”
“[…] na miña obra persoal o que máis me preocupan son as persoas, interésame a xente da urbe, o seu mundo interior, por que está como está?…”
FILLOS, SOÑOS E SATISFACCIÓNS
Pregúntolle a Sara polos fillos e dime que no seu día xente de Quiroga lle chegou a dicir que como se atrevía a crialos na Casa do Vello, como se estivesen apartados do mundo. E lonxe do que poidan pensar algúns, coñecen a cidade igual máis aínda que moitos que viven en Quiroga. Van a Vigo de cando en vez e seica na comparación prefiren o rural. “Cando levamos uns días en Vigo xa preguntan cando volvemos para a casa”, di Sara ao tempo que engade “a infancia que tiveron os meus fillos é inesquecible”.
“o meu soño sería ter un local en Quiroga para abrir e pechar de cara á xente, o que sería un taller de pintura”
Falando de soños, esta artista teno claro “o meu soño sería ter un local en Quiroga para abrir e pechar de cara á xente, o que sería un taller de pintura”. Mais de momento non pode ser, a economía non lle permite afrontar ese investimento.
As clases de pintura, ao marxe da humilde achega económica que lle supoñen, teñen para ela un compoñente de satisfacción persoal que non se paga con diñeiro, e só por iso compensa moito seguir ensinando a pequenos/as e grandes. “Houbo mulleres que me deron as grazas por quitalas da depresión e ver a nenos que se ilusionan e enchen de felicidade ao ver rematados os seus cadros… iso non hai quen o pague”.