InicioEn profundidadeSonia Noguerol:”Chamáronme para ser portada da Interviú pero non quixen”

Sonia Noguerol:”Chamáronme para ser portada da Interviú pero non quixen”

Charlamos con Sonia, unha carniceira e camioneira que trunfa entre a xente e nas redes sociais coa súa naturalidade e retranca. Vive eu Ourense pero afirma con orgullo que é un 70% “vilarexa”, de Vilar de Mondelo, unha aldea de Quiroga. Unha muller sensual, falangueira e de carácter que nos conta outras moitas cousas, algunhas que igual non sabiades dela...

Publicado o

- Advertisement -

Sonia Noguerol é filla da emigración, naceu en Suíza, país onde emigraron os seus pais, el de Ourense e ela de Vilar de Mondelo, en Quiroga. Cando tiña oito anos retornaron con destino a Ourense, cidade na que se criou e onde reside actualmente, pero sen perder nunca o contacto coa aldea da súa nai e da súa avoa, Vilar de Mondelo, onde pasaba as fins de semana e as vacacións. “O mellor pueblo do mundo” sentencia con orgullo.

En canto ten días libres para alí vai en busca de paz e tranquilidade para fuxir do estrés do día a día do seu traballo. Canto maior se fai máis ganas ten de ir, e recoñece que se o día de mañá “dinme un sitio para ir vivir, vou para Vilar de Mondelo”.

Sonia cando era unha cativiña, coa súa avoa en Quiroga

Traballa en dous mundos moi de homes, a carnicería e o transporte por estrada, irradia simpatía e ármase de retranca para facer máis amenas as xornadas de traballo e interaccionar cos demais, cousa que polo visto lle agradece moito a xente. Este xeito de ser, tan falangueiro e extrovertido, faille ser tamén moi popular nas redes sociais con cada foto, comentario, reflexión ou anécdota que publica. E outro detalle, tamén lle gusta posar, “considérome moi sensual”, recoñece con sinceridade e sen ningún tipo de prexuízo.

“Considérome moi sensual”

Contacto con ela e mantemos unha interesante conversa por teléfono mentres conduce o seu camión pola ancha Castela. Ten o mans libres, co cal non hai ningún problema.

Que querías ser de maior?

Gustábame moito ser piloto de avión. Ao final non puido ser e quedei en camioneira e carniceira (ri), pero contenta.

Cóntanos logo como levas adiante estes dous oficios.

Saquei o carné aos 21 anos e levo 25 xa como camioneira. Fago rutas e portes a nivel nacional, principalmente carne pero non necesariamente. E fóra algunha vez en Portugal pero nada máis, nunca me interesou a opción internacional.

E como carniceira xa o vivín na casa. Meus pais tiveron unha cadea de supermercados, chamábase ‘Vivó-TodoTodo’. Nas cidades grandes de Galicia tiñan en todas, moitos baixos dos Eroski actuais foron ‘Vivó-TodoTodo’. Nos anos 80 chegaron a ter preto de 30 supermercados, e cando deixaron atrás esta etapa montaron unha cadea de carnicerías, chamábase Cargasa, chegaron a ter tamén unha en Monforte. E claro, quedoume o oficio e a experiencia. No 1995 montei unha carnicería en Ourense, e ata hoxe. Chámase Carnicería Ribeira Sacra.

Agora vense máis mulleres ao volante de camións, a ti como te pillou cando empezaches?

Podiamos estar vinte cando empecei, poucas…

Unha profesión maioritaria de homes, como o levas?

Todo depende de ti, do que te valores. Eu nunca sentín machismo nin no sector cárnico nin como camioneira, sempre vin máis machismo nas mulleres. Será pola miña forma de ser ou polo meu carácter pero nunca ninguén se pasou comigo. Os piropos nunca me molestaron, hai que saber como veñen, son moi segura de min mesma e o meu carácter axuda tamén a que me respecten.

“Eu nunca sentín machismo nin no sector cárnico nin como camioneira”

Sonia Noguerol. Foto cedida por ela.

Cónstanos que es moi retranqueira. Que significa para ti a retranca?

A retranca para min é unha virtude máis. Na vida lévame axudado moito, lévame dado moitas alegrías. E no noso oficio tírase moito dela.

Es moi ‘coñeira’ e ademais cónstanos que te segue moita xente nas redes sociais. Como fas para ter ese éxito?

Eu non tiña redes sociais, foi dende que fixen televisión que empecei a meterme neste mundo. Son moi faladora, moi extrovertida e natural… e moi transparente, non teño dobre moral.

Non dis as cousas para quedar ben e agradar.

Ou gusto ou non gusto e a min os amigos que teño sóbranme, ben atendidos os que teño e listo. Por sorte teño máis amigos que amigas, os mellores amigos que teño son homes.

E sendo así a xente quéreche.

Si. E emociónanme mensaxes que recibo da xente. Hai xente que me felicita polas cousas que digo, por facela rir… xente que me convida a comer e xente que me manda cartas. Non hai moito emocionoume moito unha rapaza que me deu unha carta xunto cunha máscara que levaba o debuxo do meu camión. Que te queiran así para min son vitaminas!

“Hai xente que me felicita polas cousas que digo, por facela rir… xente que me convida a comer e xente que me manda cartas”

Ademais de espontánea, es moi riseira, iso axuda tamén.

A mellor carta de presentación é unha sonrisa. Sécanseme as enxivas de ter a boca tan arqueada (ri).

Lembrando a túa etapa televisiva. Como foi a experiencia en V Televisión?

Primeiro fora como entrevistada e despois chamáronme da produtora para que presentara a segunda tempada. Saíu moi ben e era un dos programas de máis audiencia de V Televisión. Lembro que empecei con guión e pinganillo e ao final xa non me facía falta nin unha cousa nin a outra. Dábanme catro ideas e eu xa tiraba para adiante, sobre a marcha, e o resultado era máis espontáneo.

E no Luar?

Non ten nada que ver co de V Televisión pero paseino ben. Chamáronme para facer catro venres o mes de setembro –no 2015– e botei ata decembro. E como tiña moito trabllo non puiden seguir.

Non tiveches outras oportunidades?

Non. E volvería mañá mesmo se houbese outra oportunidade. Iso si, teríame que interesar o proxecto e axeitarse ás miñas condicións e circunstancias.

Volvendo ao teu traballo de condutora. Que opinión che merecen as novas normas da DGT, sobre todo as relacionadas coa velocidade?

Eu creo que vou perder o carné rápido (ri). Non ten sentido reducir tanto a velocidade, van aumentar as colisións por alcance e escoita, que sona que queren baixar tamén a 70 quilómetros/hora o límite para nacionais. Xa me vexo facendo Ourense-Quiroga nunha hora e tres cuartos. Se nos meten na casa e nos quitan o carné a todos baixa a sinistrabilidade seguro.

Non hai moito vin un comentario nas redes sociais que cargaba contra a condución agresiva dos camións, que van enriba dun nas estradas nacionais dende que puxeron o límite dos 90. Que opinas?

Non se fai por presionar, non é que sexamos máis agresivos… que non digo que non haxa condutores así, pode ser. A xente ten que saber que temos un tempo para as entregas e ao reducir a velocidade cada pouco o camión cargado tamén sufre moito.

“Se nos meten na casa e nos quitan o carné a todos baixa a sinistrabilidade seguro”

Que é o que máis che gusta da Comarca de Quiroga?

Vilar de Mondelo (ri). A carne, o viño, o mel, o pan, o aceite, a xente…

Para rematar, e como curiosidade. Propuxéronche algunha vez saír nun calendario?

Fixen algúns benéficos e chamáronme para ser portada da Interviú.

Que me dis?!

Si, haberá uns dez anos, pero non quixen.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...