HomeEn profundidadeSarria será protagonista en tres eventos 'alfombristas'

Sarria será protagonista en tres eventos ‘alfombristas’

Ademais da tradicional celebración do Corpus Christi, a vila acollerá alfombristas de Ponteareas, promotores do evento ‘Alfombras para o Camiño’, e os días 24 e 25 de xullo participará no proxecto ‘Alfombra Mundial do Xacobeo’. Falamos con Hernando Caldeiro, deseñador dende o 2011.

Publicado o

- Advertisement -

Hernando Caldeiro cóntanos que o protagonismo das flores na celebración do Corpus Christi vén de moitos anos atrás cando veciños e veciñas botaban pétalos de flores, espadanas, plantas de anís… na procesión. E foi despois, hai uns 27 anos, cando se empezaron a facer alfombras florais en Sarria.

Os primeiros deseños eran obra de Violeta Bernardo, unha coñecida artista de Sarria. “Encargouse  entre o ano 1996 e o 2011”, di Hernando lembrando ademais que a partir dese ano empezou el.

Dinos Caldeiro que non ten ningunha formación artística e recoñece que moito do seu saber facer nos deseños de alfombras débello a ela. Foi a súa profesora de debuxo e de actividades artísticas extraescolares, pero ademais foi axudante dela durante 4 ou 5 anos, cando era cativo.

Tras uns anos fóra, volveu a Sarria e no 2011 os organizadores, a Confraría do Santo Enterro e a Confraría da Soidade propuxéronlle encargarse el dos deseños florais para o Corpus. “Contactei con Violeta para informala e animoume. Ao final dixen que si, que podía preparar os debuxos”, comenta Hernando. Ese ano saíu todo ben, felicitouno moita xente e pedíronlle que seguira. Lembra que ese ano, o seu primeiro como responsable dos deseños, fixérase unha alfombra cuns anxos e outra conmemorativa dos 25 anos da fundación da Confraría do Santo Enterro.

Dende ese 2011 só deixou de deseñar no ano 2018, ano no que pediu descansar e desconectar. As alfombras fanse na Rúa Maior, da Igrexa de San Salvador ata a Igrexa de Santa Mariña, uns 200 metros de lonxitude, e tamén se realizan 2 tapices diante de cada unha delas. Trátase, pois, dun traballo altruísta e moi intenso, tendo en conta ademais que no caso de Sarria a responsabilidade do deseño viña recaendo nunha única persoa.

Chegamos ao 2019, ano no que Hernando retoma a súa responsabilidade  de deseñador pero a condición de que houbese máis deseñadores. Cómpre dicir que dende o 2018 é o propio Concello de Sarria o promotor e as Confrarías participan como colaboradoras, co cal esta esixencia foi recibida e atendida polo propio goberno local.

O feito de haber outros creadores artísticos alixeirou o traballo e ao mesmo tempo fixo posible que se impliquen máis voluntarios que veñen ‘da man’ dos novos deseñadores.

A CELEBRACIÓN ARTÍSTICA FLORAL DENDE A PANDEMIA

“Houbo anos que choveu moito e houbo que volver poñer as alfombras, pero sempre se fixo”, lembra Hernando Caldeiro afirmando que a festividade non se suspendeu nunca dende os seus inicios no 1996.

O pasado ano, ano no que se declarou o estado de alarma por mor da pandemia, fíxose unha alfombra testemuñal na Praza da Constitución para conmemorar o 200 aniversario do Concello de Sarria.

Este ano tampouco haberá procesión do Corpus co cal non se ‘alfombrará’ todo o percorrido habitual. Daquela, decidiron facer –como no 2020–, unha alfombra testemuñal na zona do Xulgado, onde a Igrexa de San Salvador. Xunto con Caldeiro estará outro deseñador –a súa primeira participación foi no 2019– Marcos Martínez Parga. A alfombra irá dedicada ao Ano Santo, terá un tamaño de 30 metros de longo por 10 de ancho e o motivo será a Cruz do Apóstolo.

O deseño está xa sobre o papel e esta semana están preparando as flores e resto de material na Feculera. Aquí están acudindo voluntarias e voluntarios para cortar mirto e tulla, tinguir serríns e virutas… Este material derivado da madeira é imprescindible para cubrir a escaseza de pétalos de flores, carencia maior ou menor dependendo da época do ano na que caia o Corpus e do tipo de cor que se necesite. “Este ano teremos, por exemplo, moita rosa e flores de xesta”, comenta Hernando.

O noso entrevistado quere, neste punto, facer chegar unha mensaxe de agradecemento a carpinteiros e floristas de Sarria, dous colectivos profesionais que axudan moito con doazóns para facer posibles as elaboracións.

Respecto aos traballos para este ano, durante o venres e o sábado pola mañá reunirase todo o material e as flores necesarias para confeccionar a alfombra e xa se plasma tamén o debuxo na rúa en cuestión o mesmo sábado. Este mesmo día, pero pola tarde, empezarase a confeccionar, momento no que Hernando e Marcos coordinarán os traballos dos voluntarios e das voluntarias para dar rematado o manto floral antes da misa do domingo. “Houbo anos que se remataron os traballos ás 5 da mañá”, lembra Hernando.

SARRIA, PROTAGONISTA NOUTROS PROXECTOS DE ARTE EFÉMERA

A fin de semana seguinte ao Corpus, Sarria recibirá a visita da Asociación de Alfombristas de Ponteareas para realizar un manto floral dentro do proxecto “Alfombras para o Camiño”, un proxecto subvencionado polo Xacobeo 2021 e que consiste na elaboración de alfombras en distintas vilas por onde pasa o Camiño de Santiago. Os promotores da iniciativa traen o material e xente pero piden colaboración dos sarriaos e sarriás para botar unha man.

E non queda aquí a cousa, haberá máis alfombras florais en Sarria en xullo.

Sarria está irmandada con outras cidades e vilas onde tamén se fan alfombras florais e non só no Corpus, circunstancia que fai posible a súa participación nun proxecto mundial de elaboración de mantos florais co gallo do Xacobeo 2021.

A Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago é a promotora da idea que, baixo o título de “Alfombra Mundial do Xacobeo”, implica que cada localidade participante –Sarria é unha delas– deberá elaborar unha alfombra entre os días 24 e 25 de xullo e colocala nalgún lugar estratéxico. O deseño, escollido entre 60 propostas, será único para todos os participantes e foi realizado por Miguel Ángel Laguna Villalobos.

O deseño seleccionado, obra de Miguel Ángel Laguna Villalobos.

ÚLTIMAS

IGV solicita ao MITMA a reparación urxente e integral da N-540 e da N-120 e reclama modificar a licitación actual

Interior Galego Vivo asegura que a N-540 conta con varios tramos totalmente degradados e...

Moito público e gran participación no Desfile de Martes de Entroido monfortino

Con máis de 1.300 participantes no Desfile de Comparsas e Disfraces e as rúas...

O Oso de Salcedo volveu facer das súas este luns

Arias felicitou á veciñanza de Salcedo polo seu traballo para preservar "un dos Entroidos...

1.300 inscritos na XII edición do Quiroga Trail Challenge

Pechadas xa as inscricións unhas horas antes da data límite por prazas esgotadas destácase...