HomeEn profundidade“Las agujas de Su”, un perfil de Facebook monfortino ‘con moito gancho’

“Las agujas de Su”, un perfil de Facebook monfortino ‘con moito gancho’

Coñecemos a Susana Diéguez, unha apaixonada do mundo das manualidades en xeral e do gancho en particular que trunfa nas redes sociais como divulgadora deste labor. Tamén fai obradoiros e participa en causas solidarias empregando como fío condutor o ‘ganchillo’. Este sábado 12 de xuño promove dende Monforte o ‘Día Mundial de tecer en público’ baixo o lema #Monforteteje.

Publicado o

- Advertisement -

Susana Diéguez Santos é unha monfortina que compaxina o seu traballo en Chantada cunha actividade que está collendo un importante auxe a nivel mundial e que aquí en Monforte está empezando a sumar xente interesada: o gancho –ganchillo en castelán–.

Xa o viu facer na casa dende pequena, pero hai uns tres ou catro anos púxose en serio co tema e avanzou moitísimo. De feito, xa leva feito varios obradoiros, participou e participa en causas solidarias e trunfa nas redes sociais compartindo o seu labor baixo o nome de ‘Las agujas se Su’. En Facebook, por exemplo, pasa xa dos 10.000 seguidores.

Acto solidario contra o Cancro de mama. Foto: Las agujas de Su

Como te fuches afeccionando á calceta e ao gancho?

O tema dos labores é algo que vin dende que teño uso de razón. A miña nai criouse coas monxas, que lle ensinaron todo tipo de traballos, dende gancho a punto de cruz e diferentes bordados. Eu medrei véndoa bordar, tecer… De pequena ensinoume os puntos básicos, pero eu non tiña paciencia e abandonaba ao primeiro nó que se formaba.

Empecei a tecer en serio fará como tres ou catro anos. A nai dunha amiga regaloume unha tartaruga de gancho e dixen “mamá, quero aprender a facer isto”. A partir de aí, entre titoriais de Youtube e preguntando fun aprendendo. Logo todo foi querer superarme e aprender cousas novas.  Por certo, son máis de gancho que de calceta… Tamén me gusta pero vou máis lenta (ri).

A nai dunha amiga regaloume unha tartaruga de gancho e dixen “mamá, quero aprender a facer isto”

Anos atrás, calcetar e facer gancho semellaba unha ‘moda ou tendencia’ pero semella que chegou para quedarse. Como o ves ti?

Para min tecer foi algo que sempre se fixo, non me colle por sorpresa. Si, é certo que agora está gañando máis visibilidade grazas ás redes sociais o cal está axudando a eliminar o cliché de que facer gancho é cousa de avoas ou só serve para facer tapetes.

Que cres que ‘engancha’ á xente para unirse a este traballo manual?

Principalmente, creo que é a satisfacción de rematar un traballo e poder dicir “fíxeno eu” e que sexa algo único. Cada vez hai máis persoas que fan manualidades, e esta, ademais, permíteche facer mil cousas xa que non só é para facer roupa, se non que podes facer complementos, decoración…

No teu caso, que hai de oficio e que hai de afección na dedicación que lle prestas ás agullas?

Non concibo o oficio sen a afección. Cando tiven algo máis de maña, e xa non facía aliens (ri), animeime a abrir a páxina de Facebook e Instagram para ensinar os meus traballos. Logo, pouco a pouco, animeime a aceptar encargos. É a miña forma de desconexión tras un día de traballo, un mal día… síntome rara o día que non podo coller o gancho.

Quizais, agora, estea intentando resaltar máis a parte “seria”, algo que fago coa miña amiga Leila de @gurumitime_bylei. Ela tamén fai gancho, ademais doutras manualidades.

Este ano decidimos unirnos para intentar dar máis visibilidade a todo o feito a man. Xa realizamos dous intercambios “tecedeiros”, estamos co terceiro e lanzamos un par de “retos”. Non paramos de darlle voltas a como organizar obradoiros, exposicións e demais para que a xente nos coñeza e coñeza tamén todo o que se pode conseguir tecendo.

“A xente quere cousas únicas pero a prezo de bazar chino, cústalle pagar o que realmente vale unha creación”

Aceptas encargos?

Acepto encargos ocasionais e fago colaboracións solidarias como a que teño coa Asociación Española Contra o Cancro baixo o lema #ovillocontraelcancer. Pero teño que dicir que cos encargos pasa que moita xente non valora o traballo. A xente quere cousas únicas pero a prezo de bazar chino, cústalle pagar o que realmente vale unha creación.

Unha das creacions de Susana. Foto: Las agujas de Su

Ter máis de 10.000 seguidores na túa páxina de Facebook non é doado de conseguir. Que cres que atrae a atención dos teus seguidores?

Supoño que a naturalidade de todas as publicacións; aínda que sempre digo que teño que perfeccionar a posta en escena das fotografías, ao final acabo facéndolle unha foto ao que estou tecendo enriba do escritorio, así tal cal, co ordenador de fondo no canto dun fermoso fondo branco e novelos de cores.

O feito de compartir os traballos de gancho e artesanías tamén axuda a dar a coñecer o que fago, e imaxino que publicar outros proxectos solidarios na miña páxina tamén serve para captar seguidores.

A calceta e o gancho, ademais da relaxación, moi importante nas nosas vidas, que máis nos pode aportar?

Principalmente axúdanos a ter a mente áxil, pois estamos pensando dende antes de poñernos a tecer –o proxecto que queremos facer, o material, o gancho, o punto a usar, como quedaría unha combinación de varios puntos…– Se tecemos en grupo, ou con alguén, axúdanos a distraernos compartindo experiencias técnicas e tamén nos serve para desafogar nalgúns casos. No meu caso, axudoume a gañar autoestima e seguridade; cando vas gañando maña vaste aventurando a tecer cousas máis complicadas co cal gañas seguridade en ti mesma.

“Se tecemos en grupo, ou con alguén, axúdanos a distraernos compartindo experiencias técnicas e tamén nos serve para desafogar nalgúns casos”

Cónstanos que estás facendo un obradoiro no Ateneo Casino. É o primeiro que fas?

Non. Fixen o primeiro no 2019, en colaboración coa Asociación Pulpitos Solidarios Spain e foi no local social do barrio da Vide. En 2020 tamén empecei un –Ovillo Contra el Cáncer– en setembro en colaboración coa Asociación Contra o Cancro no Centro Cívico de Monforte. Imos cada martes dende setembro do ano pasado e remataremos agora en xuño.

Como está indo o do Ateneo Casino?

É un curso de iniciación ao gancho para que os/as participantes –de momento son todo mulleres– se afeccionen a este labor e queiran seguir crecendo nel. O pasado día 3 de xuño tivemos a primeira clase e teño que dicir que moitas xa teñen práctica e vanse animando a probar técnicas que non coñecían como o ‘mosaic crochet’.

Só mulleres? Hai tabú, igual máis en Galicia que noutros lugares, para que non se sumen homes?

Que haxa máis mulleres é algo xeneralizado, non só pasa en Galicia. Pero tamén hai rapaces que fan, sei dalgúns que trunfan nas redes sociais. O que si é certo é que séguese pensando que a calceta e o gancho só é para mulleres ou como dicía antes, para avoas. E en sitios pequenos supoño que custa máis superar os tabús.

“O que si é certo é que séguese pensando que a calceta e o gancho só é para mulleres ou como dicía antes, para avoas”

Para rematar, cóntame que é “Monforteteje”?

Outra das alegrías que me aportou o gancho foi o terme encontrado coa miña amiga Leila e poder facer proxectos en común como #Monforteteje. O segundo sábado de xuño celébrase o World Wide Knitting In Public Day, é dicir, o Día Mundial de tecer en público.

Levamos un par de anos vendo como outras cidades españolas celebran este día –o ano pasado fíxose quedada virtual– e decidimos que este ano Monforte de Lemos tamén participaría no evento. De aquí que fixeramos un chamamento a través das redes sociais. Esperamos que se anime a xente e sexa o primeiro de moitos encontros para que os/as monfortinos/as tezan en público.

Onde estaredes, logo, este sábado 12 de xuño?

Primeiro pensamos na Praza de Santo Antón pero pensando no sol e a calor cambiamos de localización. Ao final decidimos poñernos a carón do parque infantil da Compañía, nas mesas de pedra que hai debaixo das árbores. Aproveito para animar á xente a que participe.

“Esperamos que se anime a xente e sexa o primeiro de moitos encontros para que os/as monfortinos/as tezan en público”

Cartel do evento

ÚLTIMAS

O Xeoparque organiza unha visita comentada na contorna do túnel de Montefurado

Este próximo sábado 14 de decembro o Xeoparque Montañas do Courel organiza unha xornada...

A Deputación investirá 1,2M€ na modernización do padrón municipal dos 67 concellos da provincia

Para esta iniciativa a institución provincial conta con 1,2M€ que conseguiu do Plan de...

Ampla e variada programación infantil para este Nadal en Chantada

No Pavillón Municipal de Chantada desenvolveranse do 23 de decembro ao 3 de xaneiro,...

42.000€ para un vehículo pick-up destinado a traballos medioambientais no Incio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou este luns na entrega do novo...