InicioEn profundidadeMarta Fierro, DJ con raíces en Montefurado: “a noite pasa factura”

Marta Fierro, DJ con raíces en Montefurado: “a noite pasa factura”

Con 15 anos en activo como pinchadiscos profesional e unhas 1000 actuacións, está considerada como unha das DJ en activo máis recoñecidas das pistas de baile de toda España na escena indie-disco-pop. Lembra con morriña os seus anos mozos veraneando en Montefurado e sincérase con nós falando dos aspectos menos agradecidos da súa profesión e das dificultades para xestionar o ego.

Publicado o

- Advertisement -

Marta Fierro, coñecida artisticamente como Eme DJ, é unha pinchadiscos profesional que reside en Madrid pero que ten raíces familiares pola parte do seu pai en Montefurado. Ata os tres anos viviu en Quiroga e despois en Lugo e Sada, e foi con dezaoito anos cando deu o salto a Madrid, cidade na que empezou a estudar cine. Cóntanos que pola súa cabeza pasaba “dirixir pelis” pero que co tempo foille gustando menos e ao final desbotou esta vía. Ao tempo que estudaba xa pinchaba música en pubs, a súa principal afección, e seica foi unha casualidade que pasara de DJ afeccionada a DJ profesional. En palabras dela, “estaba pinchando nun pub e unha persoa ofreceume aos 24 anos pinchar en Benicàssim”.

E así foi como deu o salto ao mundo dos Disc-Jockey profesionais, xa con mánager, pinchando en festivais de referencia a nivel nacional e internacional, acadando algún recoñecemento como mellor DJ nacional –Rockdelux nos anos 2010, 2011 e 2014– compartindo cartel con artistas como David Guetta ou Danny Avila… Na súa biografía actualizada comprobamos que son máis de 15 anos de experiencia os que atesoura diante dos pratos, contabilizando máis de 1000 actuacións que a converten nunha das DJ en activo máis recoñecidas das pistas de baile de toda España na escena indie-disco-pop. Unha traxectoria na que tamén tivo oportunidade de colaborar en podcasts e programas de radio, así como tamén dar clases e escribir un par de libros sobre a materia –“Mamá quiero ser DJ” e “Cómo ser DJ. El manual”–.

Máis de 1000 actuacións que a converten nunha das DJ en activo máis recoñecidas das pistas de baile de toda España na escena indie-disco-pop

Resumida a brillante biografía profesional de Eme DJ, pasamos a coñecer á persoa, Marta Fierro, que nos conta máis detalles e outros aspectos menos agradecidos da profesión.

Que conexión conservas con Montefurado? Acostumas a ir ou xa non?

A verdade é que a vida de aldea sempre me gustou, cando coincidiamos os veráns cos meus primos e o resto de nenos íamos bañarnos ao río, xogabamos polas noites por todo Montefurado… teño bos recordos de cando era pequena. Agora hai un par de anos que non vou, pero porque os meus avós morreron hai anos… pero ás veces fantaseo con irme alí unha tempada de retiro.

Marta de pequena coa súa tía en Montefurado. Foto: M.F.
Marta, no medio, acompañada da súa tía e unha amiga, na présa de Montefurado. Foto: M.F.

Facendo memoria, cando es consciente do teu interese pola música e por pinchar?

Con oito anos gravaba cintas e seleccionaba a música que “pinchaba” no internado no que estaba, sempre tiven obsesión por saber os gustos musicais da xente e sacar información para investigar máis música.

“Con oito anos gravaba cintas e seleccionaba a música que “pinchaba” no internado no que estaba”

Como foron os teus comezos como DJ? Lembras o teu primeiro bolo pagado?

En Sada. Primeiro estiven pinchando en guateques e festas de carnaval familiares nun centro social, e logo empecei a poñer música no pub “Indio”, os sábados das 18:00 ás 4:00 h. Tiña dezaseis anos e pagábanme 5.000 pesetas. Poñía música sentada nun zulo con dous reprodutores de CD e unha mesa de mezclas analóxica, rodeada de caixas de bebida e cucarachas. Tiña que pinchar coa porta do zulo aberta por que dábame claustrofobia e se non, non vía á xente porque o cristal que tiña a modo de fiestra estaba petado de pegatas e cousas.

“Poñía música sentada nun zulo con dous reprodutores de CD e unha mesa de mezclas analóxica, rodeada de caixas de bebida e cucarachas”

Tal como nos contas, aos 24 anos empezaches a túa carreira profesional, sumando ata agora un total de 15 anos. Cales consideras os teus mellores anos?

Dende o 2010 ata quizais o 2013. Gozábao moito, quizais porque o vivía dun xeito máis inxénuo, aínda non me cansara da noite.

A noite cansa?

A noite, estar de cara ao público e ser top durante xeracións, enganchar a outras novas xeracións cando xa tes unha idade é difícil. Para min é parecido ás actrices co paso dos anos, que se lles fai máis difícil atopar traballo… hai que manter o físico… en canto a aguante e en canto a beleza. Máis de tres horas pinchando xa case non as aguanto, non é doado por moi en forma que esteas. E a noite pasa factura, trastornos do sono, inseguridade, xente descoñecida…

“Para min é parecido ás actrices co paso dos anos, que se lles fai máis difícil atopar traballo… hai que manter o físico… en cando a aguante e en canto a beleza”

Unha factura física e psíquica, logo?

Si, unha pasta en psicólogos… Na industria musical chega un momento no que te saturas pero ao mesmo tempo queres seguir estando. Cando te rexeitan e te deixan de invitar a sitios tamén lle jode ao teu ego… Non me vai ese rollo pero ao mesmo tempo bótoo de menos…

Adición á fama?

Non, eu prefiro ser rica que famosa. Só pido que me chamen para traballar.

Foron quince anos en subida e de moito traballo. Anos de vertixe ou xestionaches ben a situación?

A verdade, houbo de todo. Traballo moito na casa porque desfruto facendo o que me gusta, pero é unha profesión moi desagradecida a pesar do que poida parecer. Se che gusta a música é xenial poder dedicarte a compartir música coa xente, pero hoxe en día é difícil xestionar un traballo no que estás exposta e que require facerte “coñecida” ou ter predisposición a que se te xulgue. Tiven épocas moi boas e agora coa idade e a competencia é moi difícil acceder a certos traballos, pero sigo intentándoo.

Eme DJ / Cedida

Lemos nunha entrevista que che fixeron o ano pasado que o ritmo frenético de viaxes, traballo, soidade… que levabas pasáronche factura. Cóntanos.

Ansiedade, depresión, medo a saír da casa por se me daba un ataque de pánico, medo a viaxar… o que che contaba antes. Non souben xestionar ben certas cousas deste traballo, non souben xestionar o meu ego, as redes sociais como Instagram afectábanme moitísimo porque vía que a todo o mundo lle ía super ben e sentíame fracasada. Tamén creo que traballar na noite, e con xente “prexudicada” fixo que acabase moi queimada. Volvinme moi solitaria e busco continuamente a tranquilidade da miña casa cando non estou traballando.

“Non souben xestionar ben certas cousas deste traballo, non souben xestionar o meu ego, as redes sociais como Instagram afectábanme moitísimo porque vía que a todo o mundo lle ía super ben e sentíame fracasada”

O parón da pandemia, nefasto para o teu sector, aportouche algo positivo?

Si. A verdade é que si porque me fixo reinventarme e empecei a facer streamings e pinchadas desde a casa. O positivo foi a comunidade de xente que coñecín así.

Os ‘streaming’ servíronche, logo, de salvavidas para non tirar a toalla e abandonar a profesión?

Si, tal cual. Non quero abandonar porque non sei facer nada, pero cada vez téñoo máis presente.

Agora ben, como pinchar para un público masivo e entregado ao ritmo da música, que se quite todo o demais… Que ganas de volver a iso non?

Si, é unha recompensa incrible. Supoño que por iso sigo, por que sigo buscando esa recompensa a tanto traballo.

Que caracteriza e distingue a EME DJ no competitivo mundo dos DJ?

Non sei venderme, pero diría que a selección musical.

“… pinchar só un xénero ou estilo acaba aburríndome”

Que músicas e estilos prefires para as túas seleccións?

Gústame mezclar moitos estilos e diferentes tipos de enerxías. Pop, rock, disco, funk, breakbeat, soul, house, hip hop… pinchar só un xénero ou estilo acaba aburríndome.

Pincharías con Paquirrín?

Non sei que dicir… por estilo non temos nada que ver pero por pasta, si que aceptaría (ri).

Postos a fantasear, en que lugares che gustaría montar unha boa, unha sesión que só polo lugar escollido xa te excite?

En plena rúa. Sempre recordo as festas do 2 de maio en Malasaña. Como son veciña do barrio algunha vez chamáronme para pinchar na calle Palma e liouse unha moi boa con todo tipo de xente bailando.

Ademais de publicar varios libros e participar en programas de radio, cónstame que es profesora de materias relacionadas co oficio de DJ; pero hai unha pola que sinto especial curiosidade, “psicoloxía da pista”. Por favor, cóntanos brevemente de que vai.

Nesta materia fálase de como abordar unha pista de baile, dependendo das horas, o público, o ambiente, como xogar coas enerxías das cancións… Como facer que a xente se poña da túa parte nunha sesión, basicamente.

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...