InicioEn profundidade“Ten que recibir un Goya un para que o chamen de pregoeiro”,...

“Ten que recibir un Goya un para que o chamen de pregoeiro”, Chechu Salgado

Sentenza entre risas e con retranca o actor de Sober, protagonista da XLII edición da Feira do Viño de Amandi. Falamos con el.

Publicado o

- Advertisement -

Jesús Salgado López, máis coñecido como Chechu Salgado, é orixinario de Sober aínda que a súa vida estivo sempre dacabalo entre este concello e Ourense. “En Sober pasaba os veráns, as vacacións e fins de semana, ata estudei música alí”, comenta.

Pregúntolle cando sentiu por primeira vez interese pola interpretación e como chegou a este mundo, e contéstame sen dubidalo, “por casualidade”. Conta que estando no bacharelato deixou o atletismo e o basket e súa nai díxolle que fixera outra actividade, díxolle que probara co teatro e así chegou ao ‘Grupo de teatro Tarumba’. “Apunteime e gustoume. A dinámica de grupo que había e ter a Tito Asorey como director do grupo fixo que empezara ben”, comenta Chechu Salgado. Nada máis e nada menos que Tito Asorey, unha sorte empezar así, non? –pregúntolle–  A súa contestación non pode ser máis clara e sentida, “Tito Asorey foi a persoa máis influínte que tiven, motivoume e namoroume desta profesión”.

“Tito Asorey foi a persoa máis influínte que tiven, motivoume e namoroume desta profesión”

Despois marchou a Vigo, a estudar na ESADg –Escola Superior de Arte Dramática de Galicia– entre os anos 2010 e 2015. Desta etapa lembra que lle dedicou moitas horas e moito esforzo para mellorar a interpretación e sinala que aquí “xa aclaras se te queres dedicar ou non, e sabes o que é a profesión”. Tamén valora en positivo o ambiente que se creaba con xente da escola coa que pasaba moito tempo falando de teatro e interpretación.

SERRAMOURA, A LANZADEIRA

No cuarto ano da ESADg chegoulle unha oportunidade que vista con perspectiva foi un trampolín importante para a súa carreira. Entrou nun casting para Serramoura, unha serie de ficción de Voz Audiovisual que empezou a emitirse no ano 2014. Collérono. “Tiven sorte e colléronme”, recoñece claramente Chechu. Era este o seu primeiro traballo como profesional e dáballe vida ao personaxe de Ramón Fiúza.

Entrou nun casting para Serramoura, unha serie de ficción de Voz Audiovisual que empezou a emitirse no ano 2014. Collérono

Na serie estivo ata o ano 2018 e para el supuxo un complemento perfecto á formación adquirida en Vigo na ESADg. “Foi unha aprendizaxe total e coincidín con xente moi boa, aprendín moito deles… saquei un Máster de interpretación”, confesa Chechu.

A partir de aquí chegarían, para engordar o seu currículo artístico: ‘Fariña’,La caza. Monteperdido’, ‘Servir y proteger’, ‘Desaparecidas’, ‘Patria’, ‘Madres. Amor y Vida’, ‘María Solinha’ e ‘Las leyes de la frontera’. E nesta última, nos Goya deste 2022, con galardón incluído, nada máis e nada menos que un Goya ao “Mellor actor revelación”.

Chechu Salgado. Fotografía xentileza de Diana Martínez.

REFERENTES, EXPERIENCIA, O GOYA…

Pregúntolle por actores/actrices favoritos a nivel internacional e tamén a nivel local. Como referentes a nivel mundial cita a Daniel Day Lewis, Stephen Graham, Marion Cotillard e Meryl Streep; e a Bardem, Tosar, Eduard Fernández, Daniel Brühl e MelaniaCruz a nivel nacional. Con Melania Cruz, como anécdota, cóntanos que a viu medrar como actriz e que aprendeu moito dela.

Intento sacarlle algunha anécdota pero non lembra neste momento ningunha en particular. Non pasa nada. O que si quero reflectir aquí, que sae de comentar o proceso de traballo, son algunhas reflexións que saca da súa intensa e dilatada experiencia destes anos: “Ao principio tes moitos medos e andas con pes de plomo, fíxaste nos actores que che parecen bos para aprender”, “creo que é importante entender como respira unha rodaxe”, “interpretar, en teoría sabes ti, pero despois hai que saber adaptarse”.

“Ao principio tes moitos medos e andas con pes de plomo, fíxaste nos actores que che parecen bos para aprender”

Paso a preguntarlle se se considera ‘encasillado’ no papel de ‘macarra’ e dime que non. En palabras de Chechu Salgado: “teño tendencia a facer malos pero non me sinto para nada encasillado… eu non teño esa percepción. Son papeis de antagonista, personaxes con matices pero non percibo iso”.

Soñaches algún día co Goya? –pregunto–  e aínda que nun principio di que non, despois reflexiona… “cando estás cansado de traballar na escola, madrugas, dedícaslle moitas horas a isto… quen non o pensa?”, “supoño que todo o mundo soña con recibilo, aínda que despois non che cambia a vida con gañalo”.  Agora a polo Óscar, logo? –repregunto–  “Que va, non penso para nada no Óscar, que veña traballo, non son pretencioso”, contesta.

“Que va, non penso para nada no Óscar, que veña traballo, non son pretencioso”

PREGOEIRO NA FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

Que honra ser profeta na túa Terra? –pregunto– “Ten que recibir un Goya un para que o chamen de pregoeiro”, resposta con retranca e entre risas o bo de Chechu recoñecendo a continuación que si, que recibe este encargo con moita ilusión.

Tras recibir a chamada do alcalde de Sober, Luis Guitián, preguntándolle se podía dar o pregón deste gran evento, afirma que contestou que si sen dubidalo. Será a primeira vez que dá un pregón pero faino con gran ilusión. “Meus avós non viven, pero encantaríalles verme o domingo”, di Chechu emocionado. Terá algunha dedicatoria para eles e estará arroupado pola familia, amigos e xente do concello que coñece de sempre.

Será a primeira vez que dá un pregón pero faino con gran ilusión. “Meus avós non viven, pero encantaríalles verme o domingo”

O día que falo con el aínda non ten nada escrito pero xa apunta por onde irán os tiros. Será algo emotivo, que fale da terra, menos formal que outros anteriores que puido ler e máis sinxelo. “Quero que sexa unha cousa sinxela e bonita”, di. O día 10 de abril poderemos escoitalo diante da Casa do Concello ás 13:00 h.

DESPEDIDA

Rematando a nosa charla, o actor soberino proclámase amante da Ribeira Sacra, de Sober e do viño, como non. Ademais, confesa que cando ten oportunidade fai de prescriptor destas terras, recoméndaas fortemente.

No aspecto laboral non ten dúbida ningunha, traballo non lle falta. Vén de rematar a rodaxe de ‘Motel Valquiria’ e cóntanos que está xa coa cabeza metida noutra serie da que non pode desvelar detalles.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...