HomeEn profundidadeJosé Antonio Nóvoa, o avogado que ofrece consulta a domicilio de balde...

José Antonio Nóvoa, o avogado que ofrece consulta a domicilio de balde para os veciños de Pantón

Segundo sabemos, a confianza que lle ofreceu a veciñanza deste concello cando empezou a exercer quedoulle moi presente e séntese en débeda con eles. Non contaba con experiencia pero tampouco o ocultaba, seica lles dicía “pero mira que levo unha semana colexiado, eu non che podo levar isto” e a resposta da xente era sempre: “dáme igual, isto lévalo ti”. Coñecemos con detalle a traxectoria deste avogado.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

O colectivo cultural Segredos de Pantón achéganos este mes unha interesante entrevista ao avogado José Antonio Nóvoa, con orixes neste concello e que exerce como profesional en Ourense, onde ten despacho profesional xunto con outro socio.

Aínda así, non perdeu o contacto co lugar nin coas súas xentes, confesando que ten unha ‘débeda moral’ con eles pola confianza que depositaron nel cando comezaba a exercer. Sen ter experiencia puxéronlle nas mans “auténticos pleitazos” –refire textualmente– amosando unha total confianza que tamén lle serviu para arrincar con seguridade neste oficio. Para devolver ese ‘crédito moral’ José Antonio non lles cobra as consultas sinxelas e ofrece consultas a domicilio.

Aquí a entrevista completa a este avogado pantonés-ourensán.

Cando soubo que quería dedicarse ao mundo da avogacía?

No bacharelato, non antes. Ademais de Pantón, medrei na tras-estación do barrio da Ponte de Ourense. A Ponte é un barrio maioritariamente obreiro que xirou sempre ao redor da estación de tren, de multitude de negocios e pequenas empresas comerciais e da escola universitaria de Maxisterio. Máis alá dos valores recibidos na casa, este ambiente pontino fíxome ter unha gran sensibilidade social, ter unha visión moi concreta do que é o estado e os servizos públicos, así como á vez sentirme atraído polo mundo da empresa. A avogacía pareceume que era a mellor maneira de canalizar estas inquedanzas e aportar algo ao mundo que me rodea. Para min foi unha elección bastante natural.

“Ademais de Pantón, medrei na tras-estación do barrio da Ponte de Ourense”

Onde estudou a carreira de dereito?

Estudei Dereito na Facultade de Ourense e un ano na Universidade LUMSA de Roma, considerada unha das cinco mellores escolas de Dereito de Italia, onde me deron clase incluso xuíces do Tribunal Supremo Italiano. Posteriormente, fixen o Máster de Avogacía e preparei o exame para colexiarme en Ourense.

Con que desfruta máis no seu ámbito profesional?

Para min o momento máis agradable da profesión (ademáis de cando unha sentencia che dá a razón) é cando alguén vén ao despacho cun problema, indefenso e sen saber a que se enfronta, e despois de despachar con el/ela, ver que lle deches a certeza de saber cal é a súa problemática, como enfrontala e de facerlle ver cómo de grave é o problema. Darlle esa certeza ó cliente é para min dos momentos máis agradables da profesión.

Recoméndenos unha película ou serie que reflexe ben aos avogados e o seu traballo.

O clásico por antonomasia e imprescindible de películas de avogados é To Kill a Mockingbird (Robert Mulligan, 1962). Pero os meus fetiches, aos que sempre retorno son, aínda que cinematograficamente son tirando a malas, El Caso Almería (Pedro Costa, 1984) e a primeira tempada da serie Turno de Oficio (Antonio Mercero, 1986).

No seu día a día cales son os traballos que máis realiza? Algunha anécdota no seu labor.

O meu día a día é estudar, estudar e estudar. A avogacía obriga a botar centos de horas sentado no despacho, e na casa, diante da pantalla preparando os casos e os xuízos. Certo é que tamén hai a parte dos propios xuízos no Xulgado, de pasar consulta, de formación no Colexio de Avogacía… pero as horas de despacho non chas quita ninguén e son a base da profesión.

Respecto a anécdotas, sentíndoo moito, nunca comento ningún feito relacionado cos clientes nin co traballo. Di o proverbio: un bo avogado e un bo amante teñen que destacar pola súa discreción.

“… pero as horas de despacho non chas quita ninguén e son a base da profesión”

Na actualidade sabemos que traballa nun bufete onde é un dos socios do mesmo. Como foi a súa traxectoria profesional? E como vai iso dos socios nos gabinetes de avogados?

O meu primeiro contacto real coa profesión vén da man das prácticas do Máster, que me permitiron facer unha breve pasantía no despacho do avogado don Alfredo Bermúdez, ao que lle estou eternamente agradecido polo trato recibido e pola formación exemplar que me deu, tanto dende o punto de vista xurídico coma deontolóxico. Posteriormente, según me colexiei, entrei a formar parte do despacho de don José L. Mondelo, a quen lle estou tamén moi agradecido e onde aprendín todo o que sei sobre Dereito da Construción. Unha vez que se xubilou, xunto co outro compañeiro que tamén formaba parte do mesmo, formamos o despacho que temos agora.

Respecto a como vai o tema dos socios, igual que noutra profesión calquera. No noso caso somos dous profesionais que eliximos exercer a profesión complementando os nosos coñecementos e intelixencias e colaborando con profesionais externos, sempre que son necesarios para procedementos concretos (economistas, médicos de valoración de danos, psiquiatras, arquitectos, enxeñeiros, outros xuristas, etc.).

Despacho do bufete. Foto cedida.

Hoxe en día semella que cada vez facemos máis uso dos avogados, e da xustiza en xeral, para solventar problemas de diversa índole. Pensa que isto é así? E por que?

Si que creo que é así e non é necesariamente malo. A realidade que vivimos cada día é máis complexa, o noso estado de dereito (aínda que ás veces parece o contrario) é cada vez máis avanzado e os dereitos dos cidadáns son cada vez máis e son cada vez máis complexos. Ante estas novas realidades e novas complexidades, nacen novos conflitos e, polo tanto, novas necesidades de aplicar o bisturí que é o dereito para darlles solución.

“A realidade que vivimos cada día é máis complexa, o noso estado de dereito é cada vez máis avanzado e os dereitos dos cidadáns son cada vez máis e son cada vez máis complexos”

Cousa distinta é o que vemos moitas veces no mundo da política, o lawfare ou guerra xurídica, no que se emprega a Xustiza coma unha arma e non coma un contrapeso dos poderes do estado. Na provincia de Lugo e en Ourense cidade tivemos moito disto… pero iso xa daría para outra entrevista.

Somos coñecedores de que en Pantón oferta asesoría xurídica de balde aos veciños. Como xurdiu isto e por que?

Non é exactamente así. Explícome: cando empecei a exercer como avogado, a resposta por parte dos veciños de Pantón foi excelente, e cando digo excelente, quero dicir excelente. A xente traíame auténticos pleitazos e eu dicíalles: “pero mira que levo unha semana colexiado, eu non che podo levar isto” e a resposta era sempre: “dáme igual, isto lévalo ti”. Esta confianza inicial foi un piar básico (e segue séndoo) para que me puidese dedicar a avogacía, e para min representa unha auténtica débeda moral con toda a xente.

A xente traíame auténticos pleitazos e eu dicíalles: “pero mira que levo unha semana colexiado, eu non che podo levar isto” e a resposta era sempre: “dáme igual, isto lévalo ti”

E a miña maneira de compensar esa débeda moral, ademais de aportar algo por todo o que me leva dado Pantón, é que cando un veciño ten unha dúbida que poda resolver no momento, non cobrala. Cousa distinta é que se trate dunha dúbida que para respostala me leve todo o día comprobar documentación, ou que pola complexidade teña que mirar durante horas precedentes xudiciais, etc. Pero por regra xeral, o tempo presencial que paso cun veciño/a non o acostumo a cobrar nunca.

Ademais, para non facer baixar a xente ó despacho a Ourense, só para os veciños de Pantón, sempre ofrezo consulta a domicilio sen custe. Ademais de coñecer lugares do noso concello nos que nunca estivera, lévame a situacións curiosas, como un día estar traballando nunha notaría do barrio de Salamanca de Madrid e ó día seguinte estar pasando consulta ó calor dunha cociña de leña bilbaína nunha das nosas parroquias.

Se algunha persoa quixera contactar con vostede para contratar os seus servizos, como debería facer e onde acudiría? Ten algún medio por onde informarse dos servizos que oferta?

Nós só atendemos de maneira presencial solicitando telefonicamente cita previa no 988 98 97 68, pero para os veciños de Pantón o meu teléfono móbil está sempre a disposición: 660 210 146. Tamén temos páxina de Facebook e páxina web.

ÚLTIMAS

Suso Montero: “Gardo todas as fotos que fago, terei uns 70.000 negativos”

Jesús Rodríguez Montero, ‘Suso Montero’ para os amigos, foi traballador de Renfe e Adif...

Actuación de Regueifas o 11 de outubro en Ribas de Sil

A primeira das actividades, un obradoiro de coñecemento e de elaboración de regueifas, levouse a...

14 anos sen facer a residencia comprometida no Saviñao

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao alcalde da localidade, Carlos...

O PP de Monforte comeza o curso político orientado a buscar solucións aos problemas de abastecemento

Durante esta reunión abordáronse as principais liñas de traballo para este curso político, sendo...