O que podía ser un risco para Inés Campo foi unha oportunidade: “Quen contaba co que está a vir tras a pandemia? A guerra, as subas de prezos… non sei onde iremos parar, pero a pandemia para min foi algo necesario para pararnos a todos e darnos tempo para reflexionar sobre o que estamos a facer neste mundo”, reflexiona.
Atopou un pequeno nicho de mercado na súa Quiroga natal e montou un negocio ao que bautizou como “Vai Japi” –Compra feliz–. Segundo descubrimos, o nome agocha unha simbólica homenaxe aos seus dous avós; o avó materno, Manuel Castiñeira, orixinario de Vilachá, na Pobra do Brollón; e o avó paterno, Jovito, de Quiroga. O “V” sería a chiscadela a Vilachá, e o “J” ao seu avó Jovito.
A nosa protagonista cóntanos tamén que só estivo fóra de Quiroga catro anos e por tempadas porque a “chamada da terra” era moi forte, sobre todo pola familia e polos amigos, amigos e amigas que considera tamén como da familia. Sabendo cal era o seu lugar no mundo só faltaba dar o paso para crear ela mesma o seu futuro e darlle forma a “Vai Japi”. A empresa ten unha tenda física en Quiroga especializada en roupa, calzado e outros detalles para a cativada, e ademais ofrece servizos de puericultura, animación e organización de eventos.
Coñecemos máis cousas desta emprendedora ilusionada, de sorriso espontáneo e contaxioso.
No teu currículo tes unha importante traxectoria traballando con nenas e nenos. Cóntanos.
Bueno, foron todo causalidades (ri). Por unha banda acudín a clases de danza galega dende os meus catro aniños e, cando o profesor decidiu deixar de dar as clases en Quiroga, ofreceume quedar eu dando esas mesmas clases. Púxenme moi nerviosa, era unha nena, pero xunto a outra compañeira decidinme a facelo, e, coas bromas, estivemos trece anos dando clases e facéndoo o mellor que soubemos… bonitos recordos.
Moito que agradecer aos nenos e nenas, aos seus pais e nais, a Silvia, a compañeira que me aguantou todos ese anos, e a Milo e Ana, moi coñecidos na comarca de Lemos; eles ensináronme durante máis de vinte anos porque máis adiante volvín ter clases con eles en Monforte. Téñolles moito agarimo e sempre lles estarei agradecida. Por outra banda, no traballo coñecín a unha rapaza que se dedicaba a organizar actividades con pequenos e gustoume moito, co cal comecei a facer cursiños de tempo libre e a traballar cos raparigos e raparigas de Quiroga.
Nótase que estás ben entre pequenas e pequenos?
Si, son o mellor, a súa inocencia e a súa espontaneidade dan moita vida, recordo que alguén me dixo unha vez, “sei porque che gusta tanto traballar con nenos, es unha nena”, e si, gústame saber que a miña nena interior segue a estar aí, e trato de desfrutar moito dela e con ela.
“A súa inocencia e a súa espontaneidade dan moita vida”
No 2021 decides emprender e creas ‘Vai Japi’. Non lle tiveches medo á pandemia?
A verdade é que non, e quizás o tiña que haber pensado mellor (ri). Quen contaba co que está a vir tras a pandemia? A guerra, as subas de prezos… non sei onde iremos parar, pero a pandemia para min foi algo necesario para pararnos a todos e darnos tempo para reflexionar sobre o que estamos a facer neste mundo, hai que mirar cara adiante de forma positiva e facer o ben sempre. O certo é que vin un nicho de mercado claro, estou moi contenta, Quiroga é pequechiño, cando abrín había 300 nenos e nenas empadroadas entre 0 e 12 anos, pero decidín que entre as vendas dos produtos xunto cos servizos que podería ofertar podería vivir tranquilamente, que é a miña pretensión a día de hoxe.
Chegou, logo, o momento de dedicarte aos pequenos e pequenas co teu proxecto persoal?
Chegou, e é moi emocionante, e da moito medo case a diario, pero sempre me gustou a adrenalina (ri).
Que ofrece ‘Vai Japi’?
Na tenda pódese mercar roupa, calzado, puericultura, algún xoguete e tamén detalles para os eventos, que se poden personalizar e darlle así un toque exclusivo e único. Por outra banda teño servizos de decoración e animación de eventos, organizo talleres manuais e agora engadín o servizo de canguro. Realmente o fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais, achegándolles os produtos que necesitan para os seus peques e intentando botarlles unha man co tema da conciliación familiar para que poidan ter tempo para eles/as; ben sexa encargándome de sacarlles o traballo de organizar un cumpreanos, comuñón, etc, ben sexa quedándome a cargo dos seus nenos e nenas para darlles tempo a eles, tempo de lecer, ou tempo para traballo extra.
“Realmente o fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais, achegándolles os produtos que necesitan para os seus peques e intentando botarlles unha man co tema da conciliación familiar”
A natalidade reséntese no rural, mais non por iso hai que perder a oferta destinada aos máis pequenos da casa. Había carencias nese senso en Quiroga?
Si, no campo da animación non había nada, e nos produtos, algunha que outra tenda ten varias cousiñas, pero ningunha se dedicaba plenamente á infancia. Volvendo ao tema da pandemia, ao meu pensar, unha cousa boa que tivo foi que moita xente comezou a valorar o rural, e si, moitas veces parece que todo se nos complica aquí, e realmente ás veces complícasenos, pero eu penso que non ten porque ser así. Vexo a moita xente nova emprendendo por aquí, vindo a vivir, con fillos e sen eles… a vida aquí é moi leda, tranquila e de calidade, e temos que loitar porque así poda seguir sendo.
“Vexo a moita xente nova emprendendo por aquí, vindo a vivir, con fillos e sen eles…”
Como funciona a tenda? Vendes tamén por internet?
Na miña tenda, e volvendo ao tema da conciliación, teño o meu número de teléfono posto no cartel do horario, así como nas redes sociais, para poder quedar fóra de horario se este non lles vén ben ás mamis, que son o meu target e non a todas lles cadra ben sempre.
Abro de luns a venres en horario de mañá e tarde e o primeiro, terceiro e quinto sábado de mes se o hai, de dez a dúas, aínda que este verán abrirei todos os sábados. Por outro lado, teño Instagram, Facebook e WhatsApp Business, neste último teño un catálogo cos produtos que hai na tenda. Teño moitos encargos por esta última aplicación, e si, tamén vendo por internet, os envíos fágoos en 48/72 horas. O teléfono da tenda para poder ver o catálogo é o 982 09 19 82 e o móbil o 699 426 706.
E a organización de eventos? Que é o que máis che demandan?
O que mais se demanda é a animación nos cumpres, pero teño tamén demanda de decoracións e animacións en bautizos, comuñóns e algunha voda. Estou moi agradecida de que conten comigo para esas datas tan especiais para todos.
Este mes de xuño Vai Japi cumpre un ano. Que balance fas?
O balance é bo, aínda que recoñezo que dende que comezou a guerra e o tema das subidas de prezos o baixón notouse… todos os comezos son difíciles pero a miña idea, agora que vou coñecendo os gustos e necesidades da xente, é adaptarme a eles e continuar a servirlles no que boamente poda.
“O que mais se demanda é a animación nos cumpres, pero teño tamén demanda de decoracións e animacións en bautizos, comuñóns e algunha voda”