HomeEn profundidadeIago Seoane: “Proxectos como Cereixa Ceibe motivan, é innovador”

Iago Seoane: “Proxectos como Cereixa Ceibe motivan, é innovador”

Para comezar outubro, a parroquia de Cereixa no concello da Pobra do Brollón celebrou as súas festas. A cita foi aproveitada para presentar un dos produtos culturais do bicentenario do concello de Cereixa, que foi independente no trienio liberal. A celebración deste bicentenario é unha iniciativa da asociación veciñal María Castaña.

Publicado o

- Advertisement -

A festa da pasada fin de semana aproveitouse para lanzar ás redes sociais a curta documental Cereixa Ceibe que afonda en cuestións como a arqueoloxía en comunidade que promove a asociación veciñal María Castaña co arqueólogo, Xurxo Ayán, con iniciativas como o Castro de San Lourenzo ou a Casa de Repil.

Conversamos co guionista e director, xunto con Xurxo Ayán, Iago Seoane (Nas Beiras), que tamén estivo detrás da cámara na serie Adegas da Memoria no concello da Pobra do Brollón.

Como comezas a traballar en Cereixa Ceibe?

Eu comecei coas artes escénicas e ao final quedeime co documental e funme especializando en facer vídeos de eventos. Comecei a facer os documentais na Pobra do Brollón a través de Xurxo Ayán, fixemos a serie documental, Adegas da Memoria. Despois comecei a traballar cunha asociación arqueolóxica de Ávila que está moi inspirada no traballo do Castro de San Lourenzo e empecei a facer curtas en Ávila con eles.

O último traballo documental e arqueolóxico foi esta curta, Cereixa Ceibe, que foi unha proposta que me fixo Xurxo o verán pasado para tentar retratar todas as experiencias do verán 2021, que aínda estaba bastante marcado pola pandemia. Tamén se deu a contradición de arqueoloxía en comunidades sen a comunidade, porque aínda había xente con medo, estaban co tema das máscaras.

Iago Seoane gravando Cereixa Ceibe

Resúmense unha morea de días en 18 minutos

Estiven indo a gravar por tempadas, segundo ían facendo diferentes cousas, campo de voluntariado, os actos da celebración do bicentenario do concello de Cereixa, o Festival Científico de Galicia… Na curta aparece un pouquiño de todo, comecei en abril coa Casa de Repil, o verán foi máis intenso. É un traballo de resumir moito porque son un montón de cousas, un montón de días coa xente. Un traballo moi grande de condensación, de concentración, de resumo.

Non es da Pobra do Brollón, por que esa implicación con estes proxectos?

Toda a miña familia é da Ribeira Sacra, de Parada de Sil. Teño un vínculo grande coa Ribeira Sacra e hai moitas conexións entre A Pobra do Brollón e Parada de Sil. Hai coindencias na liguaxe, na paisaxe… comecei a velo con Adegas da Memoria.

Campo de voluntariado

Estes traballos Adegas da Memoria e Cereixa Ceibe que tipo de pousos che deixan?

Un anhelo de conexión máis coas persoas e coa natureza que é precisamente o que che permite estar aí. A min o que máis me marcou desta experiencia foi o tema da humanidade, a relación coas persoas…. Hai un trato máis cercano, unha maior conexión coa natureza e cos ciclos naturais, que creo estamos perdendo como especie, principalmente nas cidades.

Unha cámara de vídeo ten moita responsabilidade e poder para transmitir unha serie de cousas coas que as televisións convencionais “non ocupan tempo”

Exacto, e o traballo e a paixón, o coñecemento que hai detrás de todos estes proxectos,… arqueoloxía emocional, todo o grupo de investigadores, a asociación de veciños María Castaña, o campo de voluntariado… Como valorar o traballo feito con paixón cando non hai axudas? a veces os veciños non respostan tanto como esperabas, pero ves ese espírito de loita e de seguir facendo cousas que valen a pena. E vexo que hai moita veciñanza implicada. Motiva, é innovador.

A casa de Repil e puntos no que sucederon os feitos. 1. Fiestra do comedor dende a que un guerrilleiro avistou a Garda Civil; 2. Entrada de carro ao patio da casa pola que saíron os guerrilleiros. Alí mesmo foron abatidos; 3.Porta principal pola que liscou Fermín Lada “Segura”; 4. Avanzadilla da Garda Civil que abatiu os guerrilleiros con fusís ametralladores e mosquetóns máuser / Manuel Gago – Culturagalega.org

Que opina esa veciñanza do resultado do traballo?

Fíxose un pase privado na Pobra do Brollón hai un mes ou así para o equipo de arqueólogos, investigadores e voluntarios do campo de traballo. Foi moi positivo, pero tamén todo o mundo estaba implicado no proxecto. Os rapaces que era a primeira vez que estaban gustoulles moito. A toda a xente que está relacionada de forma moi directa co proxecto gustoulles moito.

Despois de Cereixa Ceibe, máis proxectos en mente?

En breve publicar unha curta documental dun músico de Gambia que vive en Lisboa, fala da cultura africana, da súa vida, da emigración… Cun amigo xornalista estamos traballando co que vai acontecer en Vigo co plan de ordenación municipal que está en período de alegacións. E antes de nada, neste mes, rematar un par de vídeos máis de Cereixa, o da Muradella do 31 de xullo e a romaría do Castro de San Lourenzo que foi o 10 de agosto.

ÚLTIMAS

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...