A Túa Xanela é unha empresa que naceu no ano 2021 en Chantada co obxectivo de ofrecerlle conectividade á veciñanza do sur de Lugo. O seu fundador é Iñaki Castiñeira Alemany, un fillo de galego e catalá que deu os seus primeiros pasos como emprendedor no mundo das telecomunicacións en Cataluña. Chegado o momento, decidiu vir ás Terras de Chantada, pero xa non de visita, se non para establecerse como empresario e co desafío de mellorar a conectividade do rural. “Intentar chegar ao 100% das casas é un continuo desafío, pero conectar a fibra dunha familia que non tiñan nin telefono é algo moi bonito”, confesa emocionado Iñaki.
A Túa Xanela comezou cunha única oficina en Chantada e 5 empregados asociados a comercialización. Na actualidade son máis de 15 persoas na área de comercialización e contan con 5 puntos de venda directos, 20 distribuidores oficiais e unhas novas oficinas no Polígono Industrial de Chantada que esperan estrear no mes de abril.

Falamos con Iñaki Castiñeira.
Como chegas ao mundo das telecomunicacións? Por influencia familiar, quizais?
Si, meu pai desenvolveu toda a súa carreira profesional no campo das telecomunicacións. Desde moi pequeno estiven en contacto co sector. Xa neses intres, espertou o meu interese polas redes.
“Desde moi pequeno estiven en contacto co sector”
Sabemos que te criaches en Cataluña pero tes raíces en Galicia, concretamente en Taboada. Cóntanos.
Efectivamente a miña familia provén de Taboada e Chantada. Como moitos galegos, meu pai tivo que emigrar para atopar traballo e acabou establecéndose na zona de Barcelona, pero nunca perdemos as nosas raíces.
Estiveches sempre moi apegado a esta terra aínda dende a distancia, verdade?
Aínda lonxe, sempre que podíamos volvíamos á terra para estar cos nosos. Nada é comparable á nosa terra.
Cónstanos que os teus comezos como emprendedor foron en terras catalás. Cando e por que decides emprender en Galicia, concretamente dende Chantada?
Polo que comentei antes, nós pasabamos varios meses ao ano en Taboada. Eu sempre quixen volver, e entre iso e que as comunicacións sempre foron un problema na zona, decidín que era o momento de poñer o meu graniño de area. Fíxeno usando todo o meu coñecemento adquirido ao longo dos anos neste proxecto.
“Eu sempre quixen volver, e entre iso e que as comunicacións sempre foron un problema na zona, decidín que era o momento de poñer o meu graniño de area”
Un dos obxectivos de A Túa Xanela é dotar de conectividade ao rural. Como afrontades vós, como comercializadora, e os vosos parthers, este reto tendo en conta a complexidade e o custo económico que supón?
Sempre é complicado o rural galego pola dispersión do mesmo. Tivemos a sorte de contar cun socio de viaxe que é a empresa Rede Aberta, especializado en despregue de infraestrutura do rural. Isto permítenos chegar a zonas de moita dispersión. Evidentemente a construción nestas áreas é mais lenta pero intentamos chegar ao 100% das vivendas. É un proxecto emocionante e pedimos aos veciños paciencia para chegar ás súas casas. Por suposto que nos chamen aqueles interesados na fibra para intentar axilizar eses fogares.
Como está sendo o voso despregamento por diferentes concellos galegos?
Para nós é un orgullo chegar a aldeas que nunca pensaron en ter unha conexión de fibra óptica. Os concellos sempre nos reciben coas mans abertas, e sen a súa axuda sería imposible levar este proxecto adiante. Evidentemente temos que adaptarnos ás particularidades de cada municipio xa que non todos son iguais, o que é todo un desafío para nós. Intentar chegar ao 100% das casas é un continuo desafío, pero conectar a fibra dunha familia que non tiñan nin telefono é algo moi bonito.

Cantas oficinas e empregadas/os tedes dende que chegastes a Chantada no 2021?
Comezamos cunha única oficina en Chantada e 5 empregados asociados a comercialización. Evidentemente na construción tiñamos unha cantidade moi superior duns 30 empregados. Hoxe somos máis de 15 persoas na área de comercialización, 5 puntos de venda directos, 20 distribuidores oficiais e unhas novas oficinas no Polígono de Chantada que estrearemos en abril. Estamos moi contentos coa nosa evolución.
“Intentar chegar ao 100% das casas é un continuo desafío, pero conectar a fibra dunha familia que non tiñan nin telefono é algo moi bonito”
Que servizos ofrecedes na actualidade aos vosos clientes?
Pois temos unha carteira moi variada. Empezando por fibra e móbil por 15 euros de velocidades de ata 10 Gb a cliente residencial. Somos pioneiros nesta tecnoloxía no rural. A nosa firma empresarial A Túa Xanela presta todo tipo de servizos premium de conectividade como circuítos dedicados, fibra escura, SuperLAN. Ademais, engadimos servizos varios de telefonía, cloud computing, ciberseguridade, etc.