A Asociación de Veciños O Bubaíño, de Castro, no Concello de Carballedo, conta con 122 socios/as e caracterízase por ter unha importante actividade durante o ano.
Este colectivo veciñal bota adiante moitas iniciativas con limitados recursos económicos e humanos, pero con moita enerxía, cubrindo un importante labor de divulgación cultural e socialización no concello. Segundo nos conta a presidenta da entidade, Asunción Gómez, ‘Hita’ para os amigos/as, “durante o ano facemos clases de música para os nenos/as, teatro, monicreques, proxeccións de cinema, rutas de sendeirismo, actividades culturais como charlas, xornadas sobre o románico, etc”.
De todas as actividades que realizan, hai unha que ten repercusión alén de Carballedo e que atrae xente de toda Galicia, trátase da “Feira da carne ó caldeiro e produtos locais”. Ese evento comezou a súa andaina alá polo 2000 cando os veciños e veciñas decidiron exaltar a carne ao caldeiro para escorrentar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza que tiñan na súa xente e o seu produto. O evento de exaltación gastronómica chegou a dispensar unhas 3000 racións nos últimos anos de celebración antes da pandemia.
‘FEIRA DA CARNE Ó CALDEIRO’
Por mor da pandemia, a celebración desta xuntanza gastronómica tívose que suspender tres anos, sendo o 2019 o último que se fixo. Este ano volve o 23 de abril, celebrando a súa XX edición, e nótase que a xente ten moitas ganas. “Nótase tamén nas ganas de axudar. Este ano ofrecéusenos moita xente de fóra da asociación para colaborar o día da feira”, dinos Hita.
Ademais do seu carácter popular desta feira gastronómica arredor dun produto local con moita sona a nivel de Galicia, resulta importante salientar que dende os seus inicios conserva a esencia, caracterizándose polo traballo comunitario e veciñal. Non se contrata nin paga a ninguén de fóra, nin empresa nin particulares. Todo o traballo que supón organizar unha feira deste estilo, con moitos e moitas comensais que chegan ese día para degustar a carne ao caldeiro nas carpas ou para levar as súas racións ás casas, faino a veciñanza, socias e socios e voluntarias e voluntarios de fóra que se ofrecen para botar unha man.
Outra filosofía que se mantén é a aposta polo produto local, unha carne de primeira calidade que se colle na carnicería de Castro, e o cociñado a lume lento con leña de carballo.
Este 23 de abril, en Castro, degustarase carne cocida e a carne richada a un prezo de 9 euros a ración –medio quilo–, pero tamén haberá empanadas, viño –das adegas Calexotes e Sabatelius– e sobremesas.
Ademais da degustación de carne, outro atractivo é atopar 15 postos de produtos locais e artesanía da contorna. Do propio concello de Carballedo haberá un posto de Porco Celta, unha artesá de madeira e 3 apicutores.
Durante a xornada non faltará a música, a cargo do Grupo de Gaitas Fiadeiras, e da charanga Unión Phenosa; e ás 17:00 h. actuación para público familiar de Cé Orquestra Pantasma.
O encargado de dar o pregón este ano, ás 13:00 h., será Rubén Lois, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, doutorado en Xeografía e catedrático de Análise Xeográfica Rexional tamén pola mesma universidade. Segundo nos di Hita, “contactamos con el porque cremos que é momento de falar de directrices a seguir para buscar o equilibrio entre a produtividade local e un turismo respectuoso coa paisaxe e coa xente”.
FINANCIAMENTO E PREVISIÓNS PARA ESTE ANO
No que respecta ao financiamento, Hita lembra que o primeiro ano só contaron coa axuda de Caixa Rural e quere agradecer que se manteña aí, apoiando, dende os comezos. Este ano, a feira conta con axuda económica de negocios locais, da Deputación de Lugo e do Concello de Carballedo.
A previsión de asistencia para este domingo 23 no Castro aínda non está pechada nin concretada. Hita dinos que a xente adoita apurar, espera ver o tempo e tarda en reservar. Dado que se repite esta dinámica ano tras ano, sempre arriscan un pouco; nesta ocasión contan con cocer 1500 quilos de carne. Os teléfonos para reservar son: 982 466351, 982 466166, 982 466271, 609847392 e 696989767